UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a secundar a folga de dúas horas por quenda o 8 de marzo para loitar contra a discriminación laboral, económica e social das mulleres
Fecha: 19 Feb 2018

A responsable de Igualdade de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, acompañada polo secretario xeral do Sindicato, José Antonio Gómez, xunto cos seus homólogos no S.N. de CCOO de Galicia ofreceu hoxe en Santiago unha rolda de prensa na que presentou o 8 de marzo, Día internacional da muller, e a folga de dúas horas por quenda convocada para esta data contra a discriminación laboral, económica e social das mulleres.
Mónica Rodríguez fixo fincapé, na súa intervención, en que as desigualdades persisten, por iso, a situación obriga a este 8 de marzo ir máis aló coa convocatoria dunha folga de dúas horas por quenda, concretamente, entre as 00.00 e as 2.00 na quenda de noite; entre as 12.00 e as 14.00 na de mañá; e entre as 19.30 e as 21.30 na de tarde, co fin de facilitar a participación de toda a cidadanía nas mobilizacións convocadas nas principais cidades galegas de cara a última hora da tarde.
Rodríguez denunciou que, en vez de mellorar, constátase un claro retroceso na situación das mulleres, as reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades. E, na suposta recuperación da economía, se ao conxunto da cidadanía lle custa participar, aínda máis ás mulleres.
A realidade urxía dar un paso máis. O 77 por cento dos contratos a tempo parcial os soportan as mulleres; máis de 20.000 mulleres en Galicia acceden a unha redución de xornada por verse na obriga de asumir responsabilidades familiares; as mulleres soportan menores taxas de actividade e de ocupación; maiores taxas de temporalidade; son vítimas da segregación horizontal; e case a práctica totalidade das excedencias ou reducións de xornada por coidado de menores ou maiores son solicitadas por mulleres.
Tamén son as mulleres as que sofren taxas de desemprego máis elevadas. Da tímida mellora do mercado laboral, estanse a aproveitar maioritariamente os homes. Se a crise igualou as taxas de desemprego por sexos, agora vólvense a separar, de feito, a taxa de paro entre as mulleres é 1,4 puntos superior á dos homes.
Aquelas que si conseguen acceder ao mercado laboral o fan con salarios un 22 por cento inferiores e as que acceden á xubilación o fan con pensións un 37 por cento inferiores.
A responsable de Igualdade de UGT-Galicia afirmou que “nós non imos parar ata que se cambie esta situación e cheguemos a unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Neste senso, acusou ao presidente do Goberno de mentir cando no seu discurso de investidura anunciou un plan de igualdade que nunca chegou.
Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas doutra das grandes lacras da sociedade actual, a violencia machista. No 2017, 49 mulleres e 8 nenos e nenas foron asasinados. O recente Pacto de Estado contra a violencia amósase insuficiente e apenas recolle medidas de carácter laboral que son fundamentais para que as mulleres poidan saír dunha situación de violencia de xénero.
Tamén denunciou as situación de acoso sexual nos centros de traballo que, aínda que a Lei protexe contra estas situación, as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o posto de traballo.
Para loitar contra esta lacra, existe unha ferramenta no eido laboral, a negociación colectiva. Pero esta ferramenta quedou debilitada despois da última reforma laboral imposta polo Goberno do PP e, sumado isto, en moitas ocasións a falla de vontade empresarial, dificulta a toma de medidas.
Mónica Rodríguez tamén considera que está en mans do Goberno implementar medidas e modificar a lexislación para que a muller non supla o papel do Estado en materia de coidadores ou educadores.
Finalmente, explicou que xa hai concertadas reunións cos grupos parlamentarios para pedir o seu apoio á folga e agárdanse mocións de apoio tamén por parte dos concellos.
Rematou a súa intervención pedindo aos traballadores e traballadoras a que secunden as dúas horas de folga o 8 de marzo contra a violencia machista, contra a brecha salarial e contra a precariedade.