UGT chama á cidadanía galega a participar neste Primeiro de Maio porque está en xogo o modelo laboral e social do futuro

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, ofreceu hoxe en Santiago, xunto co seu homólogo do S.N. de CCOO de Galicia unha rolda de prensa na que presentou o Primeiro de Maio en Galicia que se vai desenvolver con manifestacións en A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo,Viveiro, Ourense, Pontevedra, Arousa e Vigo, onde será o acto central.

Un Primeiro de Maio importante, porque ten que supoñer un punto e aparte, ten que converterse nunha chamada de atención, nunha advertencia, dirixida aos empresarios e gobernos para que retomen o diálogo e muden as políticas, o contrario significará intensificar o calendario de mobilizacións co fin de recuperar os dereitos perdidos e conseguir un reparto máis xusto da riqueza que se está a xerar.

Baixo o lema “É tempo de gañar. Igualdade, mellor emprego, maiores salarios e pensións dignas”, UGT e CCOO queren que esta data se converta nun berro unánime da cidadanía galega aos gobernos do PP en Madrid e en Galicia porque levamos catro anos de crecemento económico, hai máis empresas con beneficios que antes da crise e, sen embargo, a desigualdade e a pobreza está a niveis moi superiores aos que había antes de 2008.

José Antonio Gómez considera que son responsables desta situación as políticas económicas do crecemento da precariedade e a desigualdade. A devaluación salarial e a precarización das condicións de traballo, promovidas pola reforma laboral, fomentan unha recuperación baseada nun reparto desigual da riqueza e fomenta un modelo de crecemento asentado en actividades pouco produtivas.

Basta con desgranar o lema deste Primeiro de Maio para poñernos de fronte coas grandes lacras da sociedade actual nun contexto de crecemento que non está a chegar ás familias.

Xa que os gobernos central e da Xunta publicitan a diario a mellora da situación económica, nós cremos que xa chegou o tempo de gañar todos, de participar todos desta mellora porque non hai escusas para non repartir xa a riqueza, explicou.

Apuntou que É tempo de gañar igualdade”. Considera que o pasado 8 de marzo a voz da cidadanía foi nítida e clara. As cousas teñen que mudar, así se demandou na folga histórica do 8 de marzo e nas mobilizacións que a acompañaron.

Pero, a pesar disto, os nosos gobernantes parecen estar xordos, así o amosan os PXE para 2018 onde o Goberno tan só adica un 0,007% a igualdade. É evidente que non entendeu nada do que o 8 de marzo se lle dixo nas rúas.

Igual que fixemos o 8M, neste Primeiro de maio seguiremos denunciando a precariedade laboral das mulleres, a brecha salarial e a violencia machista da  que son vítimas, indicou.

Considera que é innegable a progresiva incorporación da muller ao mercado laboral pero, a pesar disto, as diferenzas por xénero persisten. As estatísticas están aí. As taxas de actividade feminina son 8,8 puntos inferiores ás masculinas e as de ocupación están 8,1 puntos por debaixo. Pero, contrariamente, a taxa de desemprego é 1,4 puntos superior no caso das mulleres.

A taxa de actividade das mulleres galegas, ademais de estar case nove puntos por debaixo da dos homes, tamén é inferior á do resto das mulleres do Estado, situándose 4,54 puntos por debaixo da media. A temporalidade tamén incide en maior medida no mercado laboral feminino e nos últimos anos as diferenzas agudizáronse aínda máis. As mulleres asalariadas acceden ao mercado laboral en peores condicións que os homes. A taxa de temporalidade entre as mulleres no 2017 foi dun 28,7 por cento, fronte ao 25,3 por cento dos homes, unha diferenza de 3,5 puntos. No 2013 esta diferenza era de 2,6 puntos e no 2014 de 0,5 puntos. De novo constátase que ás mulleres cústalles máis incorporarse ao camiño da recuperación. Dende o ano 2014 a temporalidade feminina increméntase en nada menos que 5 puntos.

A realidade cultural e social tamén penaliza ás mulleres. Do total de persoas que nin teñen nin buscan emprego por ter que coidar de menores, persoas adultas enfermas, con discapacidade ou persoas maiores, o 91,9 por cento son mulleres e por ter outras responsabilidades familiares ou persoais o 87,4 por cento son mulleres.

Resultaevidente que a corresponsabilidade no fogar non existe. Por un lado,existe un problema de educación e cultural asentado na sociedade quefai que as mulleres asuman as responsabilidades de coidado familiarcase ao cen por cento pero tamén existe un problema de ausencia deverdadeiras e efectivas políticas públicas de conciliación ecorresponsabilidade para mudar esta tendencia.

En materia de salarios, a brecha continúa e, de feito, agudízase dende o ano 2008. Hoxe esta brecha é de 22 puntos, segundo os datos da última Enquisa anual de estrutura salarial. Así, as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis para percibir o mesmo salario que os homes nun ano.

Como consecuencia da maior precarización que sofren as mulleres nomercado laboral, a súa protección social tamén é menor.

Pero tamén hai que reclamar igualdade para os máis mozos, xa que o Goberno coas súas políticas demostra que non lle interesan para nada os máis mozos. En Galicia hai un total de 9.129 mozos en situación de desemprego. Os está enviando ao exilio ou á exclusión social. Non da opcións nin á estabilidade no emprego nin a crear un proxecto de vida digno. Son máis os mozos menores de 30 anos en paro que ao inicio da crise e a temporalidade, por enriba do 50%, e parcialidade tamén afectan á nosa xuventude. España sitúase nos niveis máis baixos de ocupación xuvenil, nun 14% e tardan catro veces máis que en 2008 en atopar un emprego.

É tempo de gañar mellor emprego. As reformas laborais, sobre todo a de 2012, seguen a ser a espada de Damocles que non deixan mellorar o mercado laboral a pesar da mellora económica. O desemprego só baixa por cuestións estacionais, non pola mellora do tecido laboral. Aínda así, en Galicia seguimos a soportar unha conxuntura con 185.103 persoas desempregadas. Cuns niveis de rotación da contratación laboral altísimos, nun só mes chegan a asinarse en Galicia máis de 75.000 contratos que na súa maioría non se consolidan.

Nove de cada dez contratos son temporais e a súa duración media é cada vez menor, case a cuarta parte dura menos dunha semana. A contratación a tempo parcial, na maioría dos casos involuntaria, gañou peso nestes últimos anos.

O paro de longa duración afecta ao 47,5% das persoas desempregadas e os niveis de protección contra o desemprego seguen en mínimos, cunha taxa de cobertura do 55,1%, deixando fóra do sistema de protección a 77.579 persoas desempregadas, 93.117 se se teñen en conta tanto aos que teñen dereito á cobertura como aos que non xeraron o dereito. E, aínda por riba, a gran maioría da cobertura dos desempregados é de carácter asistencial.

Pero, a pesar disto, o orzamento para as prestacións para os desempregados baixa. Algo que se reflicte no proxecto de Orzamentos no que Goberno pretende recortar as prestacións e o gasto, así como, na pretensión de integrar e consolidar os programas temporais de protección por desemprego (PAE, PREPARA, RAI), e a súa reforma parcial do subsistema de protección asistencial por desemprego.

O Goberno pretende volver a axustar o déficit a costa dos dereitos dos traballadores desempregados. Por cada desempregados o Goberno destinará no 2018, 6.776 euros, 2.758 euros menos que no 2010, cunha taxa de cobertura moi superior.

Aprecariedade tamén conduce a un incremento da sinistralidade laboral, dende o 2013, coincidindo coa entrada en vigor da Reforma Laboral, Galicia sufriu un constante incremento da sinistralidade laboral. Neste período faleceron 267 traballadores en accidente de traballo en Galicia, presentando esta Comunidade un índice de accidentes mortais un 71% superior á media do Estado. 2017 supuxo o quinto ano consecutivo de incremento da sinistralidade laboral en Galicia, cun aumento dos accidentes no traballo entre 2013 e 2017 dun 19,86%. E o 2018, segundo os últimos datos dispoñibles referidos aos meses de xaneiro e febreiro, arranca coa mesma tendencia, con 4.449 accidentes rexistrados, fronte aos 4.074 do 2017 neste mesmo período. A sinistralidade laboral sube en Galicia no último ano un 9,17% e as enfermidades profesionais nun 8,6%.

É tempo de gañar maiores salarios. Anegociación colectiva atópase constrinxida polas medidas regresivas adoptadas polas reformas laborais e pola actitude de patronais e empresas, que se resisten a reverter nas traballadoras e traballadores os efectos positivos do crecemento da economía.

UGT e CCOO afirmamos que é de xustiza que, nesta etapa de recuperación económica, a negociación colectiva reflicta unha mellora substancial dos salarios en xeral e dos máis baixos en particular, con cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivo dos prezos dos produtos de consumo. Tamén esiximos o aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e calidade do emprego, a redución das desigualdades, a protección da saúde e o investimento produtivo.

Porque xa non hai escusas para no repartir a riqueza. Nós dende UGT reclamamos salarios mínimos de 1.000 euros en cada convenio, sobre todo, para impulsar o crecemento dos salarios máis baixos. E subas salariais que garantan a recuperación de poder adquisitivo perdido, máis de sete puntos dende 2008.

Mellorar o poder adquisitivo dos salarios é fundamental para garantir asustentabilidade no tempo de crecemento económico e, por tanto, da creación de emprego, ademais de ser imprescindible para reducir desigualdades sociais e a pobreza.

É tempo de gañar pensións dignas. Así o ven reclamando a cidadanía nas rúas nas distintas mobilizacións que se veñen convocando nos últimos meses. Esta batalla temos que gañala, polos actuais pensionistas e polos futuros. Chegou a hora de rescatar ás persoas, urxe derrogar a reforma de 2013, que contén un factor de sustentabilidade que rebaixa as futuras pensións nun 30%. Hai que avanzar nunha negociación para acabar cos gastos que sustenta a Seguridade Social que non lle corresponden. Hai que garantir unha renovación do Pacto de Toledo que asegure o sistema de pensións no noso país.

Se hai diñeiro para rescatar as autoestradas ou aos bancos, ten que haber diñeiro para subir as pensións, polo menos segundo o IPC.

En canto ás medidas coas que o Goberno intenta parchear o problema nos Orzamentos Xerais do Estado, estas son electoralistas e discriminatorias. Ten que haber unha suba xeral.

Non existe un problema de gasto, España non gasta moito en pensións. De feito, países como Alemaña, Francia ou Italia gastan máis en relación ao PIB.

Por todo isto, porque consideramos que sobran as razóns para darlle un berro de descontento ao Goberno, UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a saír á rúa esta Primeiro de Maio. Porque é tempo de gañar igualdade, mellor emprego, maiores salarios e pensións dignas.



CADRO DE MANIFESTACIÓNS DO 1 DE MAIO

LOCALIDADE

HORA

SAÍDA

A CORUÑA

12:00

Praza de A Palloza

SANTIAGO

11:30

A Alameda

FERROL

12:00

Praza do Inferniño Porta Nova

LUGO

12:30

Ronda da Muralla (diante de Sindicatos)

VIVEIRO

12:00

R/García Doriga (diante de Sindicatos)

OURENSE

12:00

Pavillón dos Remedios

PONTEVEDRA

12:00

Praza da Ferrería

VIGO

11:30

Cruzamento de Urzáiz coa Vía Norte

VILAGARCÍA

12:00

Praza Ravella



Fuente: UGT-Galicia