UGT chama á cidadanía galega a parar mañá e participar nas mobilizacións por mellores salarios, por unha vivenda digna e polo control dos prezos ante unha inflación que lastra o poder adquisitivo
UGT e CCOO convocan manifestacións pola mañá en Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Arousa e Vigo, na que participará o secretario xeral de UGT-Galicia. Tamén chaman á participación nas convocadas pola tarde por sindicatos e colectivos sociais
Fecha: 10 Nov 2026
11N FOLGA XERAL: Salarios - Vivenda - Prezos
UGT chama á cidadanía galega a parar mañá e participar nas mobilizacións por mellores salarios, por unha vivenda digna e polo control dos prezos ante unha inflación que lastra o poder adquisitivo
UGT e CCOO convocan manifestacións pola mañá en Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Arousa e Vigo, na que participará o secretario xeral de UGT-Galicia. Tamén chaman á participación nas convocadas pola tarde por sindicatos e colectivos sociais.
Santiago, 10 de novembro de 2026.- UGT-Galicia fai un chamamento á cidadanía galega a secundar a folga de mañá, 11 de novembro, polos “Salarios, vivenda e prezos” e a participar nas manifestacións convocadas nas cidades e vilas galegas pola mañá por UGT e CCOO e nas da tarde convocadas de xeito unitario polos sindicatos e organizacións sociais. Concretamente, o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, participará nas manifestacións de Vigo.
A folga xeral do 11N é a resposta á insaciable avaricia inmobiliaria que especula cun dos principais dereitos de cidadanía, facendo practicamente imposible o acceso á maioría a unha vivenda digna.
A folga xeral do 11N é a denuncia da clase traballadora a unha política empresarial que aproveita o crecemento económico do país para engordar o seu patrimonio con grandes beneficios a costa dos salarios das persoas traballadoras.
A folga xeral do 11N mostra a indignación da maioría do país por un modelo económico que traslada aos prezos ao consumo de bens básicos, as marxes empresariais para sufragar os incrementos dos custos da crise enerxética provocada pola infamia das guerras.
A folga xeral do 11N móstranos a forza dunha sociedade mobilizada liderada pola mocidade, mulleres e homes que demostran o seu compromiso coa loita colectiva e que para nada son a xeración de cristal.
A folga xeral do 11N é un clamor contra a precariedade laboral e habitacional que lastra a millóns de persoas, e especialmente a mulleres e migrantes afectados por unha situación de vulnerabilidade económica.
A folga xeral do 11N é un chamamento para vivir dignamente, a non deixarnos a saúde no traballo, a non ser estigmatizados por empresarios carecedores de ética cando enfermamos, a que as nosas preocupacións por chegar a fin de mes e non ser desafiuzadas non nos aboquen á enfermidade mental.
A folga xeral do 11N confirma o compromiso da sociedade cuns servizos públicos que garantan a saúde, educación, coidados e vivenda evitando que sexan as persoas traballadoras as que llo teñan que pagar no sector privado.
UGT chama á folga xeral o 11 de novembro para desbloquear a negociación colectiva, para:
- subir salarios
- reducir a xornada
- mellorar a saúde das persoas traballadoras
- erradicar a precariedade
UGT tamén chama á folga xeral para emprazar a todas as administracións públicas a impulsar políticas que acaben coa especulación da vivenda.
UGT e CCOO chamamos á folga xeral para que se poña control á deriva dos prezos que lastran as rendas da clase traballadora.
