UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse este Primeiro de Maio para “Protexer o conquistado, gañar futuro”

Están convocadas manifestacións na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Arousa e Vigo. Nesta última cidade terá lugar o acto central, no que estarán os/as secretarios/as xerais de UGT e CCOO en Galicia.

Fecha: 25 Abr 2025

1maiorp25

UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse este Primeiro de Maio para “Protexer o conquistado, gañar futuro”


 

UGT-Galicia chama á cidadanía galega a participar nos actos e mobilizacións convocados para este Primeiro de Maio en Galicia para “Protexer o conquistado, gañar futuro”. Como explicou o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, na rolda de prensa conxunta co S.N. de CCOO de Galicia, o Primeiro de Maio deste ano volve, de novo, a celebrarse nun contexto complexo marcado, neste caso, ademais de pola continuación dos conflitos bélicos como son os de Ucraína ou a Franxa de Gaza, polas decisións do presidente dos Estados Unidos que están a poñer en risco a orde establecida. Neste contexto global de profundas transformacións, reivindicamos o sindicalismo como ferramenta esencial para construír sociedades máis xustas e democráticas.

Por iso, engadiu, cremos que este Primeiro de Maio debe converterse, ademais de como todos os anos, nun acto de demanda da mellora das condicións sociais e laborais, nun acto de homenaxe a quenes son perseguidos e asasinados por defender os dereitos sociais e laborais, un acto de homenaxe e solidariedade cos pobos que sofren represión, ocupación e guerra. Así, condenamos a persistencia do conflito bélico en Ucraína tras a invasión de Rusia e esiximos o fin da ocupación en Palestina, da limpeza étnica da súa poboación, o fin do xenocidio en Gaza e os ataques indiscriminados en Cisxordania.

Por outra banda, no relativo á guerra comercial impulsada pola nova administración Trump, coa imposición de aranceis que ameazan gravemente ao comercio mundial, require dunha resposta firme e coordinada da Unión Europea. Fronte ás políticas das extremas dereitas, que promoven o desmantelamento do Estado de benestar, a deterioración dos servizos públicos, o odio á diversidade, a oposición a políticas de igualdade, a súa defensa do racismo e a xenofobia ou o negacionismo da crise climática, súmase unha aberta hostilidade ao proxecto europeo. Para facer fronte a iso, é preciso reforzar a cooperación dos estados membro para seguir avanzando nunha Europa forte e unida.

Porque UGT ten claro que Trump non só quere situar políticas arancelarias, senón que o que quere é cuestionar o noso sistema de protección, o sistema de saúde da UE, a educación...en definitiva, pretende cuestionar o sistema de dereitos e liberdades construído durante décadas.

Por outra banda, xa no contexto máis próximo, UGT segue apostando por máis e máis diálogo social porque aínda son moitas as eivas que hai que solucionar. É o momento de dar un novo impulso á calidade do emprego e á distribución xusta da riqueza que xera a nosa economía. Os salarios creceron pero lonxe dos beneficios do capital. Polo que este 1M debe ser un punto de partida para abordar a negociación colectiva en mellores condicións para poder gañar poder adquisitivo. Os convenios colectivos son un instrumento perfecto para mellorar a riqueza. E todas as estatísticas apuntan a que si se poden subir os salarios.

Por outra banda, a evolución dos principais indicadores económicos, o aumento sostido da produtividade nas últimas décadas, o cambio estrutural nos sistemas de produción e, sobre todo, o incremento continuado das marxes empresariais, constatan que temos agora a oportunidade e a responsabilidade de dar un paso decisivo: reducir a xornada laboral a 37,5 horas semanais sen diminución salarial. Un camiño que debe ir cara as 32 horas, como obxectivo final.

Non falamos só dunha aspiración sindical, falamos dunha necesidade social e de xustiza económica. É imprescindible que esta medida se adopte por lei, para que ninguén quede atrás e todas as persoas traballadoras, independentemente do seu sector ou empresa, poidan beneficiarse dunha transformación longamente reclamada. A redución da xornada laboral contribuirá, ademais, a repartir mellor o tempo e a riqueza, favorecendo a conciliación, a saúde laboral e a creación de emprego de calidade.

Outra materia pendente é a reforma normativa do despedimento para que as indemnizacións recuperen a súa función disuasoria e reparadora, tal e como esixe a Carta Social Europea, e para reinstaurar os salarios de tramitación, eliminados na reforma laboral de 2012. Esta reforma debe garantir tamén que nin os mozos nin as mulleres volvan ser discriminados con indemnizacións menores, consecuencia da precariedade estrutural que sofren no mercado de traballo. Sábese que nos próximos días vaise coñecer cal é a posición do Comité de Dereitos Sociais e a patronal debe ser consciente de que, ou entra a negociar, ou o Goberno ten a obriga de lexislar.

Neste 1º de Maio tamén demandamos poñer fin á lacra insoportable da sinistralidade laboral, hai que acometer canto antes unha nova lei e articular un Plan de Choque, demanda que imos levar a este 28 de abril. Denunciou que no 2024 a sinistralidade laboral mortal incrementouse en Galicia nun 14,3% e xa van nove falecidos nos dous primeiros meses de 2025, tres máis que hai un ano. No 2024 rexistráronse en Galicia 30.423 accidentes, con 64 persoas falecidas, fronte ás 56 que se rexistraron no 2023.

Tamén necesitan reforzarse as políticas activas de emprego, orientándoas de maneira personalizada para mellorar a empregabilidade das persoas en desemprego, combatendo especialmente o paro de longa duración que en Galicia afecta a 38.800 persoas, converténdose xa nun problema estrutural, e facilitando a inserción dos colectivos máis vulnerables.

Os indicadores son bos pero aínda hai eivas que corrixir e, neste Primeiro de Maio teremos que seguir denunciando que as mulleres aínda representan o 58% do desemprego en Galicia; que a taxa de parcialidade segue a manterse elevada, do 14,3%, o 40% de carácter involuntario. E é que a parcialidade ten rostro de muller, o 74,6% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres; do total das mulleres ocupadas, o 20,8% teñen contrato parcial, fronte ao 6,6% de homes. Outra das grandes eivas segue a ser a brecha salarial que persiste aínda que, grazas a medidas como a mellora do SMI, vaise limando, aínda está en Galicia no 17,7%.

A vivenda tamén preocupa e moito, converteuse nun dos grandes problemas sociais do país, polo que urxe que as administracións interveñan. Se ven é certo que se están a anunciar medidas, estas son insuficientes e poden chegar tarde. España é un dos países da UE con menos vivenda social, incumprindo en todo momento o artigo 31 da Carta Social Europea Revisada. Concretamente, en Galicia nos últimos dez anos, dende 2014 ata 2023, só se construíron 1.139 vivendas de carácter protexido, o que supón tan só o 4% do total. A vivenda ten que deixar de ser unha cuestión política e debe converterse nun verdadeiro dereito, recoñecido tanto na Constitución como na Declaración Universal de Dereitos Humanos. Este mercado tensionado provoca que tan só o 17% dos mozos e mozas do país se poidan emancipar. E, ademais dos máis mozos, tamén hai que apuntar ás traballadoras que o teñen máis difícil que os homes para acceder a unha vivenda. De feito, se unha muller e un home que traballan destinaran, en solitario, un 30% do seu salario bruto a adquirir unha vivenda, a muller tardaría de media tres anos e nove meses máis que o home. Isto pode subir ata os 9 anos dependendo da profesión.

Resulta evidente que urxen medidas determinantes e eficaces, tanto no curto como no longo prazo, como a necesaria intervención do mercado do alugueiro; a creación dun gran parque de vivenda pública en alugueiro social e a prezos alcanzables con carácter permanente; mobilizar, adquirir e rehabilitar vivenda privada do stock de vivendas baleiras existente nas zonas tensionadas para a súa posta en alugueiro a prezos alcanzables, con garantías xurídicas e de pago aos propietarios desde as administracións; desincentivar fiscalmente o uso da vivenda como negocio; e que o esforzo dos fogares para alugar ou comprar unha vivenda non exceda o 30% dos ingresos.

Nesta data tampouco nos podemos esquecer das persoas migrantes, sobre todo, nun momento no que proliferan os discursos xenófobos contra todos aqueles e aquelas cuxo único delito é abandonar a súa terra na busca dun futuro mellor. Urxe previr e frear o racismo, a escalada de violencia contra as persoas migrantes e a permisividade cara os discursos que fomentan o odio. Discursos que se están a alentar nalgunhas esferas de poder sen ningún pudor, sembrando o medo e a discordia na sociedade.

Este Primeiro de Maio, UGT fai un chamamento á mobilización en defensa dos dereitos sociais e laborais, e en respaldo ao proxecto europeo como piar de democracia social, convivencia e progreso. Agora máis que nunca, é necesario protexer o conquistado e mobilizarnos para gañar o futuro:

#1 Pola redución de xornada, para gañar tempo de vida

#2 Polos salarios, para gañar estabilidade

#3 Polo feminismo, para gañar igualdade

#4 Pola igualdade, para gañar liberdade

#5 Pola negociación colectiva, para gañar dereitos laborais

#6 Pola saúde laboral, para gañar calidade de vida

#7 Polo sindicalismo, para gañar democracia

#8 Pola democracia, para poder respirar

#9 Polas pensións, os coidados, a educación e a sanidade públicas para gañar benestar

#10 Pola industria e o campo, para gañar economía produtiva #11 Pola vivenda, para gañar autonomía

#12 Pola cultura, para gañar pensamento crítico

#13 Polos dereitos humanos, para gañar solidariedade

#14 Pola solidariedade, para gañar seguridade

#15 Por unha Europa social contra a barbarie externa e interna

 

MANIFESTO 1º MAIO

Fuente: UGT-Galicia