UGT, CCOO e outras organizacións sociais chaman á cidadanía a mobilizarse mañá pola contención dos prezos e pola protección do emprego

Fecha: 22 Mar 2022

UGT, CCOO e outras organizacións sociais chaman á cidadanía a mobilizarse mañá nas cidades e vilas galegas pola contención dos prezos, pola protección do emprego e para frear o deterioro das condicións de vida

Santiago, 22 de marzo de 2022.- O S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia, xunto coa Confederación Estatal de Asociacións de Veciños, as asociacións de autónomos UPTA e UATAE, a Unión de Consumidores de Galicia e diversas asociacións veciñais das localidades onde se convocan as mobilizacións, chaman á cidadanía a mobilizarse mañá, día 23, nas cidades e vilas galegas pola contención dos prezos, pola protección do emprego e para frear o deterioro das condicións de vida.

Así, están convocadas concentracións a partir das 19.30 horas en Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense e Vilagarcía de Arousa. Na Coruña, Pontevedra e Vigo están convocadas sendas manifestacións que sairán ás 19.00 horas na Coruña e ás 19.30 na cidade olívica e Pontevedra.

As mobilizacións convocadas enmárcanse nun contexto no que a sociedade española vive cunha profunda preocupación e gran malestar a escalada desbocada dos prezos. O pasado mes de febreiro a inflación acadou unha nova cifra histórica situándose no 7,6%, o seu nivel máis alto dende 1986. A tensión dos prezos da electricidade, gas, os carburantes e outras materias primas se está trasladando ó prezo do resto de bens e servizos que xa soben de xeito xeneralizado. As perspectivas non son boas, polo que toca actuar con celeridade.

O deterioro das condicións de vida das familias e persoas traballadoras e consumidoras, do tecido produtivo, e do conxunto da cidadanía, é moi palpable. Mes a mes as facturas da luz, a calefacción, a gasolina, os alimentos, a vivenda ou o transporte aumentan e detraen cada vez máis e máis recursos.

O conxunto da sociedade está sufrindo esta situación, pero é a poboación máis vulnerable, a que non chega a fin de mes ou o fai con dificultades, os que a padecen de forma máis cruel. A desigualdade e a pobreza eran problemas urxentes antes de que se iniciara esta escalada dos prezos. Nesta situación, estes problemas, que teñen rostro, que teñen nomes e apelidos, deben abordarse de xeito inaprazable.

Ó mesmo tempo, mentres o oligopolio das empresas multinacionais enerxéticas saca tallada neste escenario, e obtén beneficios históricos, millóns de consumidores e consumidoras e persoas usuarias, centos de miles de pequenas e medianas empresas e de autónomos e autónomas, ou os sectores produtivos de alto consumo enerxético, estanse vendo prexudicados por este aumento disparatado dos prezos.

Todo fai prever que a inxustificable guerra iniciada por Rusia coa invasión de Ucraína terá como consecuencia unha aceleración da inflación que pon en risco o acceso a bens e servizos esenciais, a recuperación económica e a creación de emprego intensificando os problemas de desigualdade e pobreza.

Ante este escenario, é urxente que as administracións actúen de forma contundente. Teñen a obriga de despregar todas as iniciativas que sexan necesarias para poñer fin a esta escalada dos prezos, para atallar comportamentos especulativos e para protexer e dar seguridade ó conxunto da cidadanía.

Por todo isto, as organizacións convocantes destas mobilizacións esixen que se cambie o irracional sistema marxinal de fixación do prezo da electricidade, controlando alzas desmesuradas, e que se tope o prezo máximo do MWh na poxa, porque non pode ser que os prezos do gas marquen o prezo da electricidade que se xera a través doutras tecnoloxías máis baratas.

Que se poña fin ós beneficios extraordinarios e abusivos das empresas eléctricas e de hidrocarburos que venden produtos a prezos de futuras materias almacenadas e aproban medidas contra a especulación dos prezos dos produtos básicos, porque mentres a gran maioría sufrimos esta situación non pode ser que haxa quen saca tallada da desgraza.

Que se aceleren os investimentos para reducir a dependencia enerxética externa e fomenten o uso do transporte público, porque necesitamos gañar autonomía estratéxica no ámbito enerxético.

Protexer á cidadanía e ás familias, a solidariedade é a base do modelo social europeo, que debemos coidar e estender.

Apoiar ós sectores produtivos que máis enerxía consumen, porque debemos protexer a nosa industria, a nosa agricultura e gandería, a nosa pesca, o papel que xoga o transporte á hora de vertebrar a cadea de valor da actividade económica, e os empregos que xeran, que demostraron ser, entre outros, uns sectores absolutamente estratéxicos para o noso futuro.

Activar o mecanismo RED para evitar despedimentos porque é necesario protexer o emprego, así como chegado o caso mecanismos similares para os autónomos e autónomas.

E, controlar os prezos dos alugueiros evitando que se revaloricen co IPC, porque ter unha vivenda na que poder vivir é unha necesidade, non un luxo.

 

MANIFESTO 23M

Fuente: UGT-Galicia
23M