Sube o desemprego pero o mercado laboral segue a amosarse forte con boas taxas de contratación indefinida, máximos históricos de afiliación e mínimos de paro
UGT-Galicia esixe a convalidación dos reais decretos de medidas urxentes na emerxencia habitacional, controlar os prezos da enerxía e subir os salarios ante unha inflación que alcanza o 4,9%
Fecha: 02 Oct 2026
UGT-Galicia esixe a convalidación dos reais decretos de medidas urxentes na emerxencia habitacional, controlar os prezos da enerxía e subir os salarios ante unha inflación que alcanza o 4,9%
Sube o desemprego pero o mercado laboral segue a amosarse forte con boas taxas de contratación indefinida, máximos históricos de afiliación e mínimos de paro
Non obstante, preocupa a suba dos prezos e a emerxencia habitacional que empañan a boa evolución do mercado laboral
Santiago, 2 de outubro de 2026.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social de setembro, publicados hoxe, rexistran, como sucede sempre neste mes, un descenso das persoas afiliadas e un aumento das persoas paradas respecto a agosto. Unha tendencia estacional propia do mes. Non obstante, o mercado laboral segue a amosarse forte con máximos históricos de afiliación, mínimos de desemprego e boas taxas de contratación indefinida.
Non obstante, a boa calidade do emprego vese empañada pola suba dos prezos e a situación de emerxencia habitacional que vive o país, o que está a dificultar que moitas persoas, pese a traballar en condicións estables, teñan serias dificultades para chegar a fin de mes.
A inflación, que en setembro alcanzou o 4,9%, sitúa de novo os salarios no centro do debate económico e social: en ausencia de mecanismos eficaces de actualización salarial, unha parte importante das persoas traballadoras corre o risco de volver perder poder adquisitivo.
Así, resulta prioritario un incremento dos salarios que permita ás persoas traballadoras recuperar poder de compra. A fortaleza que mostran o emprego e a actividade económica debe trasladarse de forma clara ás nóminas e, para iso, é urxente abrir a negociación do VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), que debe garantir subidas salariais que consoliden a recuperación do poder adquisitivo e reduzan as brechas retributivas entre sectores.
Para iso, UGT defende que o acordo incorpore unha referencia mínima de incremento salarial do 4% anual para o período 2026-2028, complementada con aumentos adicionais do 1%, 2% ou 3% nos convenios cuxos salarios medios sitúense por baixo do salario medio do conxunto da economía. Ademais, débese limitar o recurso ás cláusulas de absorción e compensación e estender as cláusulas de garantía salarial.
O aumento da inflación por encima da previsión utilizada para fixar a subida do 3,1% do Salario Mínimo Interprofesional para 2026 obriga a revisar a súa contía, conforme o artigo 27 do Estatuto dos Traballadores, polo que UGT reclama a convocatoria inmediata da mesa de diálogo social.
En canto á emerxencia habitacional, UGT valora positivamente os Reais Decretos-lei 26/2026 e 27/2026, polo que esixe a convalidación hoxe destes decretos pero insiste en que estas medidas deben marcar un punto de inflexión nas políticas públicas de vivenda. Deben ser un punto e seguido para avanzar cara un modelo no que a función social da vivenda prevaleza sobre a súa consideración como activo de investimento.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 2.746 persoas con respecto ao mes anterior (2,50%) e no Estado esta cifra tamén subiu, pero menos, un 1%. Sen embargo, o desemprego nesta Comunidade mantense en cifras similares a hai un ano, cunha leve baixada do 0,57%, máis elevada no Estado este baixa nun 1,74%. Así, o número total de desempregados sitúase nesta Comunidade en 112.437 persoas, menor cifra do desemprego da serie histórica nun mes de setembro.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego tamén medrou, nun 18,83% no mes e nun 15,57% no ano.
Por sexos, no mes o desemprego sube en ambos, un 3,49% entre os homes e no caso das mulleres nun 1,84%. No ano baixa o desemprego entre os homes, nun 0,08% e o 0,91% nas mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,24% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 66.612 mulleres, fronte a 45.825 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes sube en todos, salvo na construción. Así, baixa na construción, nun 0,02%%, pero sube no 1,29% na industria; no 7,82% no sector primario; o 2,01% no sector servizos; e medra o 6,74% entre o colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos, excepto no grupo de sen emprego anterior. Así, diminúe un 2,63% no primario; o 4,48% na industria; o 6,97 na construción; o 2,29% nos servizos; e sube o 21,27% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.
Territorialmente, o desemprego sube no mes en todas as provincias, nun 2,57% na Coruña, 4,59% en Lugo, 2,15% en Ourense e un 1,98% en Pontevedra. No ano subiu na Coruña nun 0,43%; o 4,99% en Lugo; e baixou o 1,85% en Ourense; e o 2,63% en Pontevedra.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 30,92%, aínda que distante do 44,25% estatal. Realizáronse en setembro un total de 76.930 contratos en Galicia, un 19,84% máis que no mes anterior. Con respecto a hai un ano subiu nun 0,21%. No mes de setembro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 8,71%. É dicir, estase 22,21 puntos por enriba.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 65,6%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 30,8%, na industria, do 24,8% e no sector primario, do 25,4%.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.127.967 de media mensual, baixando o 0,57% no mes e aumentando un 2,17% no ano. Rexistrándose así máximos históricos de afiliación á Seguridade Social, a terceira mellor cifra histórica tras xullo e agosto.
Por outra banda, a temporalidade da afiliación da Seguridade Social sitúase no 14,96% en Galicia, fronte ao dato estatal do 12,46%. En setembro de 2021 esta porcentaxe era do 29,34%, o que ratifica os bos resultados da reforma laboral.
Finalmente, a cobertura de protección por desemprego foi en Galicia no mes de agosto do 83,74%, con 43.785 prestacións contributivas; 37.906 subsidios; e 22 rendas activas de inserción. Tan só o 53,6% son prestacións contributivas, o que fai alertar das dificultades que poden ter moitos fogares para chegar a fin de mes pola baixa contía das prestacións non contributivas.