A sinistralidade laboral mortal incrementouse no último ano nun 14,3% e xa van 9 falecidos nos dous primeiros meses de 2025
UGT-Galicia cre que urxe modificar e modernizar a Lei e articular un Plan de Choque contra a sinistralidade laboral
Fecha: 24 Abr 2025


28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo. “A prevención salva vidas, esíxea”
A sinistralidade laboral mortal incrementouse no último ano nun 14,3% e xa van 9 falecidos nos dous primeiros meses de 2025, tres máis que hai un ano
UGT-Galicia cre que urxe modificar e modernizar a Lei e articular un Plan de Choque contra a sinistralidade laboral
Santiago, 24 de abril de 2025.- Un ano máis, UGT-Galicia lamenta que o 28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo, teña que celebrarse denunciando a secuela da sinistralidade laboral que continúa presente no mercado laboral galego. E este ano (dous primeiros meses, datos do Ministerio) arrancou, neste senso, con cifras moi negativas, cun incremento da sinistralidade laboral do 2,4% en relación ao mesmo período de 2024. Ademais, no 2024, en relación ao 2023, a sinistralidade mortal aumentou un 14,3% e un 14,4% a grave. E xa van 9 falecidos nos dous primeiros meses de 2025, tres máis que hai un ano. Custa moito dixerir como ano tras ano continúan producíndose accidentes por causas facilmente evitables. De feito, UGT-Galicia vai conmemmorar esta data baixo o lema “A prevención salva vidas, esíxea”.
As cifras están aí e demostran que a sinistralidade laboral segue a ser a gran secuela do mercado de traballo. No ano 2024 rexistráronse en Galicia, segundo os datos publicados polo ISSGA, 30.359 accidentes laborais, no ano anterior contabilizáronse 30.423 accidentes, o que supón un lixeiro descenso. Hai que precisar que todas estas cifras inclúen os accidentes “in itinere” e só os accidentes con baixa.
Deste total, 29.826 foron accidentes de carácter leve, 469 graves e 64 mortais.
Por sector de actividade económica (aquí só se detallan os sinistros en xornada, non os in itinere, xa que o ISSGA non facilita esta estatística desglosada), agricultura acumulou no 2024 un total de 1.157 sinistros; pesca, 651; industria, 6.793; construción, 4.267; e servizos, 14.278. Dos mortais, 23 corresponden ao sector servizos, 12 á construción, 9 á industria, 7 á pesca e 7 á agricultura.
Territorialmente, é a provincia da Coruña a que máis accidentes rexistrou, 13.150 e con 22 mortais. Pontevedra rexistrou 10.780, con 27 mortais; Lugo, 3.161, con 13 falecidos; e Ourense, 3.268, con 2 persoas mortas durante a súa xornada laboral.
Infartos e outras patoloxías non traumáticas son as causas que ocasionan máis accidentes mortais. Urxen medidas que reduzan os riscos psicosociais
Dentro dos accidentes laborais mortais (o ISSGA nas estatísticas non inclúe neste desglose os in itinere), 26 producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas, o que representa o 45% do total, sendo os máis numerosos, segundo os datos facilitados polo ISSGA. Despois están as mortes producidas por choques ou golpes contra obxectos en movemento, con 11 persoas falecidas, o 19% do total. Caídas e golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles acumula 7 falecidos e 10 os atrapamentos e amputacións. Dúas mortes producíronse por contacto con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas, unha por contacto con axente cortante ou punzante e unha por afogamento ou sepultamento.
Neste senso, UGT-Galicia demanda políticas que atendan á redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais.
En canto ó índice de incidencia, accidentes por cada 100.000 traballadores, en Galicia este foi no 2024 de 2.588,54. Este índice, no caso dos sinistros mortais, situouse no 5,53, 0,69 puntos máis que hai un ano.
Tampouco se poden esquecer os accidentes de traballo nos que non foi necesaria a baixa, un total de 13.104 no 2024.
Galicia rexistra 4.690 sinistros xa nos dous primeiros meses de 2025, un incremento do 2,4% en relación aos dous primeiros meses do 2024
Nos dous primeiros meses de 2025, segundo os datos do Ministerio, Galicia rexistrou un total de 4.690 sinistros (incluídos os “in itinere”). Destes, 4.605 foron leves; 76 graves; e 9 resultaron mortais.
Por provincias, A Coruña rexistrou 2.095 sinistros; Pontevedra, 1.650; 471 Lugo; e 474 Ourense. A distribución dos mortais, nos dous primeiros meses do ano, foi de 2 na Coruña; 3 en Lugo; e 4 en Pontevedra.
Por todo isto, UGT-Galicia demanda, este 28 de abril, que a seguridade e saúde no traballo sexan un dereito real e efectivo.
Lembrar que a finais dos anos 80 do pasado século os sindicatos estadounidenses elixiron o 28 de abril como xornada en memoria das vítimas de accidentes de traballo ou de enfermidades de orixe laboral. Esta conmemoración estendeuse na seguinte década polo conxunto do movemento sindical internacional e terminou por dar lugar á declaración do Día internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo por parte da OIT en 2003.
Este ano, UGT elaborou o manifesto co gallo do 28 de abril baixo o lema “A prevención salva vidas, esíxea”. UGT reafirma o seu compromiso coa defensa da seguridade e saúde das persoas traballadoras, e de contornas seguras e saudables como dereito fundamental. O 28 de abril é unha data de recordo de todas aquelas persoas que perderon a súa saúde ou a súa vida no traballo, pero tamén é unha data de reivindicación e de demanda á sociedade de máis atención ante este problema.
As persoas traballadoras temos dereito a volver a casa sans e salvos despois da xornada laboral. Non estamos a reclamar compromisos inalcanzables, unicamente aplicar o dereito a que se garanta a nosa seguridade e saúde no traballo. Por iso, desde UGT continuamos esixindo que se establezan as medidas necesarias para acabar con esta insoportable sinistralidade laboral de forma eficaz e inmediata, que pasan necesariamente por modificar e modernizar a Lei e pola negociación e articulación dun Plan de Choque contra a Sinistralidade Laboral. Os accidentes de traballo, ademais de supoñer un drama persoal e familiar, demostran que as condicións de traballo son inseguras e inxustas.
Tampouco nos esquecemos das vítimas do amianto que están a sufrir unha situación realmente inxusta xa que, tras máis de dous anos da creación do fondo de compensación para as vítimas deste axente canceríxeno, aínda non se aprobou o regulamento necesario para a súa posta en funcionamento. Desde UGT consideramos intolerable este atraso e instamos ao Goberno a que desbloquee esta situación de maneira inmediata, concedendo unhas indemnizacións adecuadas e exentas de tributación do IRPF como xa se fai con outros colectivos.
A realidade está marcada por un desenvolvemento económico e produtivo en plena transformación, que supón cambios moi rápidos non só no traballo, senón tamén nos riscos asociados ao mesmo. A revolución tecnolóxica, os efectos do cambio climático, o impacto do traballo na saúde mental e a lonxevidade da poboación activa supoñen desafíos importantes para a seguridade e saúde no traballo. É por iso que, desde UGT consideramos urxente a actualización da normativa preventiva e instamos ao Goberno á intensificación das negociacións iniciadas na Mesa de Diálogo Social fai máis dun ano.
Hai que cambiar a organización preventiva na empresa para alcanzar unha maior integración da prevención dos riscos laborais, avanzar na calidade dos servizos de prevención e mellorar a protección da saúde mental das persoas traballadoras reforzando a prevención dos riscos psicosociais, pero tamén acometer a diversidade xeracional e a perspectiva de xénero na xestión preventiva. Ademais, é necesario mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo nas PEMES a través do reforzo da xestión preventiva, para iso, contar coa participación das persoas traballadoras é esencial para que o centro de traballo non sexa un lugar de risco.
Na modificación da normativa debe facerse explícita a obrigación empresarial de avaliar e adoptar medidas que protexan a saúde mental das persoas traballadoras, tendo ademais en conta a transformación dixital e o impacto das novas formas de organización do traballo.
Consideramos, ademais, inaprazable a actualización do cadro de enfermidades profesionais para que sexan incluídas, entre outras, as enfermidades mentais vinculadas ao traballo e para dotalo da necesaria perspectiva de xénero.
O desenvolvemento tecnolóxico, coa dixitalización, a robotización ou a utilización da intelixencia artificial, presenta oportunidades desde a óptica da prevención de riscos laborais, pero fundamentalmente expón novos retos que é necesario abordar.
Trataríase de aproveitar a oportunidade da dixitalización para crear lugares de traballo máis seguros, automatizando tarefas perigosas, mitigando o traballo monótono ou utilizar a IA para previr accidentes mediante a análise de datos en tempo real para a detección de fallos en máquinas ou o empeoramento das condicións ambientais, evitando os riscos que poida engadir, e que habitualmente non se teñen en conta.
É especialmente relevante como a dixitalización e a intelixencia artificial no traballo están a incrementar a exposición a riscos psicosociais como consecuencia da intensificación do traballo, a falta de desconexión, a monitorización e vixilancia constante ou a redución da autonomía para realizar pausas ou descansos. O seu impacto na saúde mental das persoas traballadoras é evidente.
Desde UGT vemos necesario que se garanta un punto de encontro entre a innovación no mercado de traballo e a seguridade e saúde das persoas traballadoras. Por iso, deben establecerse marcos regulatorios xustos e éticos que protexan os dereitos da clase traballadora tanto no deseño como na implementación destas ferramentas e impulsen unha formación de calidade en novas tecnoloxías que permita coñecer os seus riscos asociados e as formas segura de utilización.
Os sindicatos somos cruciais na xestión do cambio que vén da man da dixitalización e a IA. Débense respectar os dereitos sindicais da negociación colectiva e o diálogo social e fortalecer unha democracia no lugar de traballo que impulse cambios tecnolóxicos que beneficien a todos e todas. Garantir a participación activa dos sindicatos nesta transformación permitiranos crear un futuro do traballo inclusivo e equitativo.
É urxente recuperar o impulso das políticas públicas en materia de seguridade e saúde no traballo e aumentar os recursos da Inspección de Traballo, do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e de todas as estruturas autonómicas de prevención de riscos laborais, así como a creación de Xulgados especializados na materia.
Por último, queremos seguir manifestando o noso apoio, compromiso e recoñecemento ao labor dos delegados e delegadas de prevención, agradecendo a todos eles a súa dedicación para conseguir que os centros de traballo sexan máis seguros. Do mesmo xeito, facemos un chamamento ás traballadoras e traballadores para que participen nos diferentes actos convocados con motivo da conmemoración do 28 de abril para conseguir visibilizar o drama da sinistralidade laboral, a falta de cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais por parte das empresas e a necesidade de actualizar a normativa para dar resposta aos novos retos do mundo do traballo.
ACTOS CONVOCADOS POR UGT EN GALICIA
A Coruña: ás 13 horas concentración conxunta con CCOO diante da sede da Confederación de Empresarios na Praza Luís Seoane.
Ferrol: ás 11.30 na sede de UGT asemblea de delegados e delegadas.
Santiago: concentración fronte á sede de UGT ás 12.00 horas.
Pontevedra, Vilagarcía e Deza: concentracións fronte ás sedes de UGT ás 12.00 horas.
Vigo: concentración conxunta con CCOO ás 12 fronte á sede da Xunta.
MANIFESTO 28 DE ABRIL