A sinistralidade laboral continúa incrementándose, un 1,3% no último ano, e xa van 7 falecidos nos dous primeiros meses de 2026
28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo. “A Lei non nos protexe, o século XXI esixe cambios”
Fecha: 27 Abr 2026
28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo. “A Lei non nos protexe, o século XXI esixe cambios”
A sinistralidade laboral continúa incrementándose, un 1,3% no último ano, e xa van 7 falecidos nos dous primeiros meses de 2026
Urxe unha nova Lei de prevención de riscos laborais
Santiago, 27 de abril de 2026.- Un ano máis, UGT-Galicia lamenta que o 28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo, teña que celebrarse denunciando a secuela da sinistralidade laboral que continúa presente no mercado laboral galego. E este ano (dous primeiros meses, datos do Ministerio) arrancou, neste senso, con cifras moi negativas, xa con 7 persoas falecidas e un total de 4.516 sinistros nesta Comunidade. Ademais, no 2025, en relación ao 2024, a sinistralidade aumentou nun 1,3% pero é que o número de sinistros mortais “in itinere” medrou no último ano nun 67%. Custa moito dixerir como ano tras ano continúan producíndose accidentes por causas facilmente evitables. UGT-Galicia vai conmemorar esta data baixo o lema “A Lei non nos protexe, o século XXI esixe cambios”.
As cifras están aí e demostran que a sinistralidade laboral segue a ser a gran secuela do mercado de traballo. No ano 2025 rexistráronse en Galicia, segundo os datos publicados polo ISSGA, 30.749 accidentes laborais, no ano anterior contabilizáronse
30.359 accidentes, o que supón un incremento do 1,3%. Hai que precisar que todas estas cifras inclúen os accidentes “in itinere” e só os accidentes con baixa.
Deste total, 30.254 foron accidentes de carácter leve, 440 graves e 55 mortais. Hai que subliñar o perigoso incremento da sinistralidade mortal “in itinere”, do 67%, ao pasar de 6 persoas falecidas no 2024 a 10 no 2025.
Por sector de actividade económica (aquí só se detallan os sinistros en xornada, non os in itinere, xa que o ISSGA non facilita esta estatística desglosada), agricultura acumulou no 2025 un total de 1.084 sinistros; pesca, 606; industria, 7.147; construción, 4.169; e servizos, 14.547. Dos mortais, 19 corresponden ao sector servizos, 9 á construción, 9 tamén á industria, 3 á pesca e 5 á agricultura. Hai que subliñar que, en relación ao ano anterior, 2024, en canto aos mortais, destaca o incremento do 29% no sector da industria. Sector que en termos globais tamén rexistra o maior incremento anual, do 5,21%.
Territorialmente (en xornada e in itinere), é a provincia da Coruña a que máis accidentes rexistrou, 13.151 e con 24 mortais. Pontevedra rexistrou 11.282, con 15 mortais; Lugo, 3.108, con 11 falecidos; e Ourense, 3.208, con 5 persoas mortas.
Infartos e outras patoloxías non traumáticas son as causas que ocasionan máis accidentes mortais, case a metade da totalidade dos falecidos. Urxen medidas que reduzan os riscos psicosociais
Dentro dos accidentes laborais mortais (o ISSGA nas estatísticas non inclúe neste desglose os “in itinere”), 21 producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas, o que representa o 47% do total, sendo os máis numerosos, segundo os datos facilitados polo ISSGA. Despois están as mortes producidas por choques ou golpes contra obxectos en movemento, con 8 persoas falecidas, o 18% do total. Caídas e golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles acumula 4 falecidos e 6 os atrapamentos e amputacións. Dúas mortes producíronse por contacto con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas, unha por contacto con axente cortante ou punzante, unha tamén por sobreesforzo, trauma psíquico ou exposición a radicacións e dúas por afogamento ou sepultamento.
Neste senso, UGT-Galicia demanda políticas que atendan á redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais.
En canto ó índice de incidencia, accidentes por cada 100.000 traballadores, en Galicia este foi no 2025 de 2.588,85. Este índice, no caso dos sinistros mortais, situouse no 4,23.
Neste senso, dende UGT-Galicia alértase do feito que, un ano máis, esta Comunidade sitúase entre as que teñen un maior índice de incidencia de sinistralidade mortal. Isto significa que se se analizan os accidentes laborais mortais dimensionados segundo o número total de asalariados, Galicia está entre as que máis falecidos rexistra. Así, cun 4,23, só se ve superada por Asturias, cun índice de 5,24; Castela A Mancha, do 5,32; e Murcia, do 4,32.
Tampouco se poden esquecer os accidentes de traballo nos que non foi necesaria a baixa, un total de 12.312 no 2025.
UGT denuncia a infradeclaración das enfermidades profesionais, sobre todo, nos cancros de orixe laboral, con tan só 5 comunicacións en todo o 2025
Mención aparte merecen as enfermidades profesionais, con tan só 926 casos rexistrados en Galicia no 2025 con baixa e 646 sen baixa, o que evidencia a súa infradeclaración. Deste total, 740 corresponden ó denominado grupo II (enfermidades causadas por axentes físicos). Estas son as que ocasionan baixa. E, sen baixa, 485. Séguenlle os 101 casos do grupo IV (enfermidades causadas por inhalación de substancias e axentes), ás que lle hai que sumar 68 sen baixa. 37 do grupo I (axentes químicos) e 34 sen baixa. 16 do III (axentes biolóxicos) e 26 sen baixa. 29 do V (enfermidades profesionais da pel) con 31 sen baixa. E 5 do grupo VI, enfermidades profesionais causadas por axentes carcinóxenos. Por sectores, os que máis acumulan son industria, con 703 (sumadas as de baixas e sen baixa), seguida do sector servizos, con 695.
Para UGT, o procedemento de notificación e o rexistro son inoperantes, privando ás persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que ten dereito. Ademais de ter un impacto directo na prevención porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se adoptan medidas preventivas. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente escandalosa a súa infradeclaración é no caso dos cancros de orixe laboral. No 2025 tan só comunicáronse 5 casos do grupo VI (enfermidade profesional causada por axentes carcinóxenos). Isto contrasta coa estimación de que en España anualmente falecen 8.700 homes e 850 mulleres por cancros debidos a exposicións laborais.
Galicia rexistra 4.516 sinistros xa nos dous primeiros meses de 2026
Nos dous primeiros meses de 2026, segundo os datos do Ministerio, Galicia rexistrou un total de 4.516 sinistros (incluídos os “in itinere”). Destes, 4.448 foron leves; 61 graves; e 7 resultaron mortais.
Por provincias, A Coruña rexistrou 1.903 sinistros; Pontevedra, 1.658; 467 Lugo; e 488 Ourense. A distribución dos mortais, nos dous primeiros meses do ano, foi de 2 na Coruña; 2 en Lugo; 1 en Ourense; e 2 en Pontevedra.
Por todo isto, UGT-Galicia demanda, este 28 de abril, que a seguridade e saúde no traballo sexan un dereito real e efectivo.
Neste ano declarado en España da Seguridade e Saúde no traballo, a conmemoración do 28 de abril debe destacarse especialmente polo seu significado, sendo un día de recordo e denuncia.
Desde UGT queremos lembrar ás persoas traballadoras vítimas de accidentes e enfermidades laborais por traballar en condicións que non garantían nin a súa saúde nin a súa seguridade e esiximos ás empresas o cumprimento da normativa.
A Lei de Prevención de Riscos Laborais aprobouse hai máis de 30 anos e non conseguiu eliminar, nin sequera reducir significativamente, os accidentes de traballo. As 45 persoas traballadoras que perderon a vida no traballo en 2025, son a consecuencia máis grave e evidente da falta de medidas preventivas.
As enfermidades producidas polo traballo son tamén outro dos desafíos máis importantes para a saúde posto que permanecen invisibilizadas e non recoñecidas na maioría dos casos.
As avaliacións de riscos nas empresas, aínda que son obrigatorias por Lei, moitas veces nin existen e cando se realizan, a miúdo son deficientes e non identifican todos os riscos asociados, tampouco cos procesos crónicos. As enfermidades profesionais son así tratadas como enfermidades comúns, evitando o seu correcto rexistro e impedindo que se poidan acometer as medidas preventivas necesarias. A esta situación súmaselle a perda de prestacións para as persoas afectadas e a sobrecarga na xa de si mermada Sanidade Pública.
Os problemas relacionados coa saúde mental crecen. Moitos deles orixinados ou agravados por factores relacionados coa organización do traballo provocando tensión, ansiedade e depresión, sen que as empresas interveñan nin sequera en moitos casos realizando a obrigatoria avaliación de riscos psicosociais. As desordes mentais non forman parte do cadro de enfermidades profesionais vixente no noso país, por iso estas enfermidades non se notifican como tales. Esta listaxe debe ser actualizada e non só para incluír estas enfermidades, tamén deben incluírse patoloxías como o cancro de ovario por exposición ao amianto ou o cancro de mama por exposición a traballos nocturnos, axentes químicos ou radiacións ionizantes que afectan as mulleres. Non poden aparecer excluídas durante máis tempo o cancro de pel por exposición a radicación soar, o cancro de pulmón por fumes diésel ou as enfermidades reumáticas autoinmunes sistémicas por sílice cristalina, son enfermidades letais e seguen ausentes desta listaxe.
Ademais, lembramos que por fin se iniciou a tramitación parlamentaria da actualización da Lei de Prevención de Riscos Laborais. Os avances na dixitalización, as consecuencias do cambio climático, o aumento da presenza das mulleres no mundo do traballo e en ocupacións anteriormente reservadas en exclusiva aos homes e o envellecemento da poboación traballadora, modifican as condicións de traballo, as relacións laborais e os riscos aos que nos enfrontamos na actualidade.
Desde UGT reclamamos aos grupos parlamentarios que tomen conciencia da súa responsabilidade ante esta situación de alarma e aproben a nova Lei para protexer as persoas traballadoras nos seus centros de traballo. Ademais esiximos que se cumpran os compromisos adoptados co Goberno para o desenvolvemento dunha norma diferenciada referida a riscos psicosociais, a modificación do actual RD de coordinación de actividades empresariais e da Orde TIN que regula a acreditación dos Servizos de Prevención.
É urxente actualizar a Lei de Prevención de Riscos Laborais aos retos do século XXI. Vai a vida niso. Os accidentes e as enfermidades laborais pódense evitar.
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA, EN XORNADA E IN ITINERE
AVANCE XANEIRO-FEBREIRO 2026 (MINISTERIO DE TRABALLO E ECONOMÍASOCIAL)
EN XORNADA IN ITINERE
| TOTAL | LEVES | GRAVES | MORTAIS | TOTAL | LEVES | GRAVES | MORTAIS |
GALICIA | 4.004 | 3.941 | 56 | 7 | 512 | 507 | 5 | - |
CORUÑA | 1.695 | 1.678 | 15 | 2 | 208 | 204 | 4 | - |
LUGO | 424 | 408 | 14 | 2 | 43 | 43 | - | - |
OURENSE | 455 | 446 | 8 | 1 | 33 | 33 | - | - |
PONTEVEDRA | 1.430 | 1.409 | 19 | 2 | 228 | 227 | 1 | - |
GALICIA. TOTAL. XANEIRO DECEMBRO DE 2025 (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia)
2025 | TOTAL | LEVES | GRAVES | MORTAIS |
GALICIA | 27553 | 27132 | 376 | 45 |
A CORUÑA | 11835 | 11684 | 133 | 18 |
LUGO | 2873 | 2781 | 82 | 10 |
OURENSE | 2968 | 2921 | 43 | 4 |
PONTEVEDRA | 9877 | 9746 | 118 | 13 |
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA, IN ITINERE, SEGUNDO GRAVIDADE
GALICIA. TOTAL. XANEIRO DECEMBRO DE 2025 (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia)
2025 | TOTAL | LEVES | GRAVES | MORTAIS |
GALICIA | 3196 | 3122 | 64 | 10 |
A CORUÑA | 1316 | 1285 | 25 | 6 |
LUGO | 235 | 229 | 5 | 1 |
OURENSE | 240 | 236 | 3 | 1 |
PONTEVEDRA | 1405 | 1372 | 31 | 2 |
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA, EN XORNADA, SEGUNDO GRAVIDADE
GALICIA. TOTAL. XANEIRO DECEMBRO DE 2024 (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia)
2024 | TOTAL | LEVES | GRAVES | MORTAIS |
GALICIA | 27146 | 26674 | 416 | 56 |
A CORUÑA | 11783 | 11589 | 176 | 18 |
LUGO | 2913 | 2840 | 60 | 13 |
OURENSE | 3022 | 2983 | 37 | 2 |
PONTEVEDRA | 9428 | 9262 | 143 | 23 |
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA, IN ITINERE, SEGUNDO GRAVIDADE
GALICIA. TOTAL. XANEIRO DECEMBRO DE 2024 (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia)
2024 | TOTAL | LEVES | GRAVES | MORTAIS |
GALICIA | 3213 | 3152 | 55 | 6 |
A CORUÑA | 1367 | 1340 | 25 | 2 |
LUGO | 248 | 243 | 5 | - |
OURENSE | 246 | 244 | 2 | - |
PONTEVEDRA | 1352 | 1325 | 23 | 4 |