A reforma laboral marcou un antes e un despois na calidade do emprego

Os datos publicados este martes reflicten a estabilización do mercado laboral en torno ao traballo estable e de calidade

Fecha: 03 Sep 2024

paroagos24

Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social de agosto, publicados este martes, mostran un aumento das persoas rexistradas como paradas e un descenso das afiliadas con respecto a xullo, unha tendencia que é habitual nos meses de agosto, ao coincidir co período estival e o peche por vacacións de moitas empresas. 

Así, o paro rexistrado increméntase este mes en 633 persoas, aínda así, é o dato de paro máis baixo nun mes de agosto da serie histórica de desemprego en Galicia dende 1996, ata un total de 118.678. Con respecto á afiliación, redúcese este mes en 488 persoas, rexistrando un total de 1.092.886 persoas afiliadas. Con respecto ao ano pasado, hai 9.047 persoas menos en paro e 14.975 persoas máis afiliadas á Seguridade Social, o que supón un ritmo de creación de emprego do 1,39% en Galicia, aínda que por abaixo do 2,33% do resto do Estado. Doutra banda, a temporalidade da afiliación é do 15,91%. 

Con respecto á contratación, este mes rexistráronse un total de 61.795 contratos, dos que 15.700 son indefinidos. Isto supón o 25,41% da contratación, 17,76 puntos máis que os rexistrados no mesmo mes de 2021. 

Por tanto, non hai dúbida de que a reforma laboral marcou un antes e un despois en termos de calidade de emprego, mantendo a temporalidade de forma estrutural en niveis moito máis baixos que os existentes antes. Á súa vez, o peso da contratación indefinida continúan en valores superiores tras máis de dous anos e medio de aplicación da reforma. Uns datos que, á fin e ao cabo, reflicten a estabilización do mercado laboral en torno ao traballo estable e de calidade. 



 

Avanzar no camiño da estabilidade coa reforma do despedimento

Por iso, é o momento de continuar avanzando no camiño da estabilidade iniciado grazas á reforma, modificando as cuestións que quedaron pendentes, como os custos e as causas do despedimento. Pois, como concluíu o Comité Europeo de Dereitos Sociais tras a reclamación presentada por UGT, España non cumpre coa Carta Social Europea en materia de despedimento improcedente, non garantindo o dereito dos traballadores a unha protección adecuada. 

Así, o sindicato reclama ao Goberno que convoque con urxencia ao Diálogo Social para adaptar a lexislación española á normativa europea, fixando unha indemnización por despedimento plenamente resarcitoria do dano causado e recuperando tamén, entre outras cuestións, os salarios de tramitación, de forma que despedir non salga tan rendible para o empregador. 

Para UGT, o despedimento debería ser a última das opcións posibles, priorizando outras vías como a formación e recolocación das persoas traballadoras dentro da empresa; unha estratexia que, ademais de ser máis eficiente para a organización, proporciona ás persoas traballadoras un extra de seguridade e estabilidade nos seus postos de traballo. 

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 633 persoas con respecto ao mes anterior (0,54%), e no Estado esta cifra tamén subiu, un 0,86%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 9.047 persoas, un 7,08% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 118.678 persoas, mínimo histórico nun mes de agosto en Galicia dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego subiu, nun 2,37%, unha tendencia máis alta que no resto de idades, e no ano a diminución foi dun 5,95%.

Por sexos, no caso dos homes o desemprego baixa no mes un 0,09% e no caso das mulleres sobe nun 0,97%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 6,21% entre os homes e o 7,67% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,29% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 70.361 mulleres, fronte a 48.317 homes.

En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro na agricultura e gandería, do 2,38%, e na construción, do 0,17%. Pola contra, sobe un 1,33% na industria; un 0,01% no colectivo sen emprego anterior; e un 1,33% na industria. No ano baixa en todos. Así, baixa un 12,12% no primario; o 9,47% na industria; o 11,05% na construción; o 6,50% no sector servizos; e o 4,23% entre o colectivo de sen emprego anterior.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 25,41%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 37,5%. Realizáronse en agosto un total de 61.795 contratos en Galicia.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 67,95%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 23,36%; na industria, do 21%; e no primario, do 54,24%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 70,48%, con 75.485 persoas beneficiarias. Deste total, 36.565 perciben subsidios e 4.061 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas, 38.920. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.092.886 de media mensual, descendendo un 0,04% no mes e aumentando un 1,39% no ano.



 

Fuente: UGT-Galicia