A reforma laboral creou un novo status de pobreza para os traballadores e sitúa ao límite da exclusión aos desempregados

Fecha: 18 Abr 2016

O secretario de Política sindical, Relacións laborais e Formación de UGT-Galicia, José Domingo Barros, presentou hoxe en Santiago o estudo “Catro anos de reforma laboral: desigualdade e pobreza”, elaborado polo Sindicato, no que se pon en evidencian o fracaso absoluto da reforma laboral imposta polo Goberno do PP no ano 2012. Nin rematou coa dualidade na contratación, nin xerou emprego, nin axudou a mellorar os índices de desemprego nin achegou nada á competitividade e á produtividade das empresas deste país, como prometían aqueles que a defenderon, e aínda a defenden a pesar do seu demostrado fracaso.

Atendendo só a datos estatísticos e sen ningún tipo de valoración, a reforma laboral nin xerou emprego, nin reduciu o paro e o que si fixo foi incidir nun empeoramento da calidade do emprego e do propio desemprego.

Segundo a EPA, entre o cuarto trimestre de 2011 e o último de 2015 o emprego descende en 47.900 persoas, unha caída dun 4,4 por cento. En medias anuais, a destrución supera os 72.000 empregos, máis do 6,6 por cento de contracción.

A temporalidade tampouco se reduciu, segue por riba do 25 por cento. A porcentaxe de emprego a tempo parcial medrou en case dous puntos ata acadar o 13,7 por cento e a parcialidade involuntaria sube en cinco puntos, quedando no 63,8 por cento.

OS PEORES DATOS DE DESEMPREGO REXÍSTRANSE EN PLENA APLICACIÓN DA REFORMA LABORAL, CUNHA TAXA DO 23,2 POR CENTO

Catro anos de reforma laboral non serviron tampouco para atallar o desemprego. De feito, os peores datos reflíctense en plena aplicación da reforma. O número de

persoas desempregadas acadou un máximo de 297.000 no primeiro trimestre de 2014 e a taxa de paro superaba naquel momento o 23,2 por cento.

Se ben esta reforma está a ser moi negativa para todo o mercado laboral, hai dous grupos de idade máis vulnerables aos seus efectos, os máis mozos, menores de 25 anos, e as persoas de máis de 55 anos. O efecto desánimo está a ter efectos devastadores en ambos sectores da poboación. Entre os máis mozos a taxa de paro era ao rematar o 2015 do 42,5 por cento (do 38,3 por cento antes da reforma) e no caso das persoas maiores de 55 anos do 13,6 por cento( de 11,1 puntos antes de impoñer esta nova lexislación laboral).

Unha análise da participación dos galegos no mercado laboral tamén arroxa datos preocupantes. Nestes últimos catro anos 65.000 persoas activas menos no mercado de traballo desta Comunidade e 16.200 inactivas máis. Como consecuencia disto, descende a taxa de actividade ata o 53,3 por cento.

AS PORCENTAXE DE PERSOAS QUE LEVAN MÁIS DE DOUS ANOS NO PARO É DE 45,3 PUNTOS, CASE 20 MÁIS QUE ANTES DA REFORMA

O lastre do paro de longa duración, que conduce a situacións límite para moitas persoas e familias, incluso ao borde da exclusión social e pobreza, ven preocupando, e moito, ao Sindicato nestes últimos anos. A porcentaxe de persoas desempregadas que leva máis de dous anos nesta situación é xa do 45,3 por cento (finais de 2015), 19,4 puntos máis que hai catro anos (finais de 2011). E o 60 por cento dos parados leva máis dun ano nesta situación, unha cifra superior en máis de nove puntos á rexistrada xusto antes da aplicación da reforma laboral.

Por outra banda, aqueles que si están traballando, son vítimas constantes tanto da temporalidade como da precariedade. No período 2011/2015 a contratación temporal seguiu unha tendencia en ascenso difícil de frear, medrando nun 31,6 por cento esta modalidade de contratación. No 2015, o 92,6 por cento dos contratos rexistrados son temporais, seis décimas máis que no 2011.

EN MARZO O 34,2% DOS CONTRATOS ASINÁRONSE PARA UN MÁXIMO DE SETE DÍAS

Destaca a proporción de contratos que se asinan para un máximo de sete días. Por exemplo, no mes de marzo a porcentaxe dos mesmos non superaba os 34,2 puntos, é dicir, tres de cada dez contratos. Esta cifra en xaneiro de 2012 non superaba o 21,3 por cento.

O auxe dos contratos a xornada parcial foi un dos grandes obxectivos cumpridos pola reforma laboral. Así, o número de contratos a tempo parcial medrou un 54,2 por cento dende a reforma, 34 puntos máis que a contratación a tempo completo.

NESTES CATRO ANOS DE REFORMA LABORAL A COBERTURA POR DESEMPREGO BAIXA EN MÁIS DE 15 PUNTOS

Pero é que aqueles que están no desemprego tamén sofren as consecuencias desta nefasta lexislación en materia laboral. O 68,8 por cento dos desempregados rexistrados no 2011 tiña acceso a unha prestación, mentres que no 2015 a cobertura descendeu ao 53,5 por cento.

O número de beneficiarios de prestacións cae un 28,2 por cento pero é que só no caso dos beneficiarios de prestacións contributivas a caída é en picado, de 43,6 puntos.

A causa de todo isto é clara, o endurecemento das condicións de acceso ao sistema de prestacións, en especial polo Real Decreto Lei 20/2012 que, de xeito drástico, reduciu a contía da prestación por desemprego, suprimiu a redución que se aplicaba na cotización a cargo do traballador desempregado e endureceu o requisito de carencia de rendas, entre outras modificacións.

Outra das patas desta reforma, son as nefastas consecuencias en materia salarial. O peso da remuneración dos asalariados no total da renda en Galicia xa era baixo e diminuíu aínda máis. No 2011 era do 46,7 por cento e situábase no 2014 no 44,6 por cento (último dato dispoñible).



 

Resulta evidente a quen beneficiou esta reforma e quen menos sufriu a crise ou sobre quen recaeron as consecuencias máis incisivas desta dura e longa crise. Se entre o ano 2011 e o 2014 rexístrase en Galicia unha perda da remuneración dos asalariados de 7,1 puntos, no caso do excedente bruto de explotación (rendas empresariais e mixtas) esta porcentaxe case se mantén, baixando un inapreciable 0,2 por cento. 1.856 millóns de euros fronte a tan só 46.

UN 31,1 POR CENTO DOS ASALARIADOS COBRA IGUAL OU MENOS DO SMI, TRES PUNTOS MÁIS QUE ANTES DA REFORMA

Outro dato que achegar a esta análise e que non fai máis que refutar a necesidade de derrogar xa esta tan daniña reforma laboral, un 31,1 por cento das persoas asalariadas cobraba menos ou igual do SMI (último dato do ano 2014), tres puntos máis que o que se rexistraba no 2011. En total, atopábanse nesta situación 300.000 traballadores.

O salario medio descendeu de 18.271 euros no 2011 a 17.729 no 2014, segundo os datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

A negociación colectiva tamén se viu atacada pola reforma. O incremento salarial medio pactado nos convenios asinados no 2011 foi do 2,82 por cento, sendo aínda o máis baixo dos once anos precedentes, pero é que nos convenios asinados e revisados no 2015 baixou ata o 0,76 por cento.

EMPEORAMENTO DAS CONDICIÓNS DE VIDA DOS FOGARES

A reforma supuxo un duro revés para os traballadores e o mercado laboral pero, ao final, supuxo tamén un duro revés para os fogares. De feito, o número de fogares con todos os activos no paro no 2011 era de 73.500 e no último trimestre de 2015 sitúase en 75.100. Neste mesmo período o número de fogares sen perceptores de ingresos pasou dos 24.000 aos 32.800.

Directamente relacionada con toda a análise realizada está a taxa de pobreza que no 2011 era do 15,73 por cento e, segundo os últimos datos dispoñibles de 2014, sitúase no 16,41 por cento.

O EMPREGO PÚBLICO EN GALICIA TAMÉN SE RESINTE COA REFORMA LABORAL

Os catro anos de reforma laboral tamén se deixaron sentir intensamente no emprego público en Galicia. Perdéndose 2.460 traballadores, ao pasar dos 89.000 antes da reforma aos 86.382 empregados públicos en xullo de 2015.

A temporalidade, axudada pola reforma, tamén se instalou dun xeito máis incisivo na Administración galega. Mentres en xullo de 2011 os empregos eventuais na Xunta eran 10.700, catro anos despois medraron ata os 15.667. Antes de que se iniciasen os descensos máis acusados no emprego público do Executivo galego, coincidindo coa reforma laboral, os temporais supoñían un 12 por cento. Actualmente representan un 18,1 por cento.

OS DATOS NON MENTEN

É evidente, que os datos non menten. Hai menos emprego e o que hai é máis precario. Hai máis paro e con menos protección. Caeron os salarios e aumentaron as desigualdades e a pobreza. A negociación colectiva está bloqueada. O equilibrio nas relacións laborais esnaquizouse, a favor dos empresarios. E o dereito laboral quedou degradado ata niveis insospeitados.

Neste contexto, UGT-Galicia comprométese a loitar contra a situación de pobreza e miseria na que viven miles de traballadores. En primeiro lugar, as persoas que están en desemprego pero tamén moitas persoas que están traballando e non chegan a final de mes. E un dos primeiros pasos para reverter esta situación é demandar a inmediata derrogación da reforma laboral que tanto dano está a facer ao mercado laboral deste país.

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE POLÍTICA SINDICAL, RELACIÓNS LABORAIS E FORMACIÓN DE UGT-GALICIA, JOSÉ DOMINGO BARROS. TELÉFONO: 679451570.

Fuente: UGT-Galicia