A Reforma Laboral afunde os salarios

A Reforma Laboral do ano 2012, imposta polo Goberno do PP, afundiu os salarios, abaratou os custos laborais, agrediu os dereitos laborais -xerando importantes taxas de precariedade- e promoveu o trasvase das rendas das persoas asalariadas ás empresas.

Como xa reiterou en numerosas ocasións UGT-Galicia, as empresas galegas saíron da crise hai tempo recuperando os niveis de beneficios previos ao 2008 pero non así as persoas traballadoras, ás que lles falta moito para recuperar os niveis previos á crise, así o evidencian os datos de Contabilidade Nacional feitos públicos hoxe polo INE.

É evidente que a Reforma Laboral foi un arma arroxadiza para precarizar o mercado de traballo e as condicións de vida dos traballadores que se impuxo aproveitando un contexto de crise pero que continúa facendo estragos e impide que a recuperación chega aos fogares, vía estabilidade e mellora dos salarios.

As cifras están aí e son claras. No 2008, punto de inflexión porque é o momento no que estoupa a crise, o conxunto da poboación asalariada percibía o 46,9 por cento do PIB e o empresariado o 45 por cento. Non obstante, e a pesar da crise, as rendas dos traballadores mantivéronse por enriba das empresariais ata o 2012, data na que se impón a Reforma Laboral. (Como se pode observar na táboa).

















EVOLUCIÓN DA ESTRUTURA DA RENDA 2000-2017


Remuneración dos asalariados (RA)

Excedente de explotación bruto / Renda mixta bruta

Impostos netos sobre a produción e as importacións

2000

46,5

43,4

10,1

2001

46,0

44,1

9,9

2002

46,1

44,0

9,9

2003

46,2

43,7

10,1

2004

45,7

44,0

10,3

2005

45,6

43,6

10,8

2006

45,6

43,8

10,5

2007

46,2

44,0

9,8

2008

46,9

45,0

8,1

2009

48,0

43,8

8,1

2010

46,9

44,1

9,0

2011

46,7

44,3

9,0

2012

45,4

45,0

9,6

2013

44,7

45,6

9,8

2014

44,0

46,1

9,9

2015

43,6

46,3

10,0

2016

43,1

46,9

10,0

2016/III

43,2

46,8

10,0

2017/I

42,7

47,3

10,0

2017/II

42,5

47,6

9,9

2017/III

42,4

47,7

9,8

Fonte: Gabinete Económico UGT Galicia a partir de Contas económicas trimestrais IGE - INE

Resulta evidente que o reparto do PIB empeorou claramente para os salarios. Se no 2008 esta porcentaxe era de 46,9, baixa no 2012 ata os 45,4, no 2016 ata os 43,1 e agora está no 42,4. Unha forte caída dos peso dos salarios en Galicia que urxe remontar para falar dunha verdadeira recuperación económica.

Paralelamente, que ocorreu coas rendas empresariais?. Pois non o mesmo, todo o contrario, parece que estas foron inmunes á crise e beneficiarias directas da Reforma Laboral. No 2008 representaban o 45% do PIB, no 2012 mantiñan esta porcentaxe, no 2016 subiron ata o 46,9 e a día de hoxe están xa no 47,7%. Existe un claro trasvase das rendas do traballo ás empresariais.

Como evidencia a táboa adxunta, nos tres primeiros trimestres do ano 2017 a situación non mellora, senón que a remuneración dos asalariados incluso diminúe ata o 42,4%.

UGT-Galicia denuncia que a Reforma Laboral contribuíu de xeito decisivo á perda de renda dos salarios, deixando o volume de remuneracións en mínimos históricos, todo o contrario que lles pasa aos excedentes de explotación/rendas mixtas.

NO RESTO DO ESTADO OS SALARIOS TAMÉN PERDEN PESO PERO SEGUEN A ESTAR POR DIANTE DAS RENDAS EMPRESARIAIS

Que sucede no resto do Estado?. Pois, aínda que tamén se constata unha perda de peso da remuneración de asalariados sobre o total das rendas, do 50,1% no 2008 ao 47,6% no 2016, tamén é certo que a remuneración dos asalariados continúa por diante das rendas empresariais.

ESTRUTURA RENDA 2008-2016


Datos corrixidos de estacionalidade e calendario

Prezos correntes (millóns de euros)

2008

2012

2016

Diferencia 2016-2008

Remuneración dos asalariados (RA)

27.388,4

24.711,3

25.331,6

-2.056,8

Excedente de explotación bruto / Renda mixta bruta

26.263,5

24.491,1

27.541,4

+1.277,9

Impostos netos sobre a produción e as importacións

4.727,5

5.198,9

5.867,5

+1.140,0

PIB a prezos

58.379,3

54.401,3

58.740,6

+361,3

Fonte: Gabinete Económico UGT Galicia a partir de IGE. Contas económicas trimestrais



Sería razoable pensar que coa crise se reduciría o monto total de salarios e beneficios paralelamente. Pero non foi así en termos agregados. Se comparamos o montante total destinado ás persoas traballadoras nos anos 2008 e 2016 prodúcese unha diminución do 7,5 por cento. Pola contra, os excedentes de explotación bruta/renda mixta bruta aumentan un 4,9 por cento. A remuneración dos asalariados perde 2.057 millóns de euros e o excedente gaña 1.278 millóns de euros.

POR RAMAS DE ACTIVIDADE, ONDE SE PRODUCE UNHA MAIOR PERDA DE RENDAS É NA INDUSTRIA, CONSTRUCIÓN E ACTIVIDADES FINANCEIRAS E SEGUROS

Por ramas de actividade, onde se produce unha maior perda de rendas é na industria, na construción e nas actividades financeiras e de seguros. As persoas asalariadas desas tres ramas partían no 2008 dunha remuneración de 9.453 millóns de euros no 2008 e sofren no 2016 unha perda de xeito agregado de 2.770 millóns de euros, en termos relativos o descenso foi do 29,30 por cento.

A REFORMA LABORAL ATACOU OS SALARIOS E O EMPREGO

Ademais do ataque aos salarios, a Reforma Laboral supuxo un claro ataque ao emprego. Nun só ano de vixencia desta Reforma, entre 2012 e 2013, destruíronse preto de 22.000 empregos (en termos de emprego equivalente a tempo completo da Contabilidade trimestral de Galicia) e, como é sabido, a perda de persoas asalariadas contribúe decisivamente á perda de remuneracións. No 2014 dáse o mínimo de postos de traballo equivalentes a tempo completo, a partir de ese ano aumentan o número de postos de traballo equivalentes a tempo completo pero, a pesar diso, a porcentaxe do PIB destinado a salarios segue perdendo peso.

Aínda falta por recuperar 188.978 postos de traballo equivalentes a tempo completo, destes, 158.607 corresponden a poboación asalariada, para situarnos a nivel do ano 2008.

POSTOS DE TRABALLO EQUIVALENTES A TEMPO COMPLETO DENDE O COMEZO DA CRISE


Total

Asalariados

2008

1.182.578

986.691

2009

1.116.915

937.519

2010

1.080.491

893.444

2011

1.037.840

863.672

2012

985.797

815.088

2013

963.421

793.173

2014

947.830

787.253

2015

956.959

796.701

2016

975.923

811.344

2017

993.600

828.084



Fonte: Gabinete Económico UGT Galicia a partir de IGE. Contas económicas trimestrais

UGT-Galicia insiste na denuncia de que a tan publicitada recuperación económica trasládase a beneficios empresariais pero non á mellora do emprego. Mentres cae a produción dáse unha caída do emprego moito máis acusada. Non obstante, cando hai unha recuperación da produción, o crecemento do emprego é inferior, non se traslada coa mesma intensidade o crecemento económico ao emprego. A debilidade do emprego en Galicia é innegable.

O PIB SEGUE CRECENDO PERO NON O BENESTAR SOCIAL

Por todo isto, UGT-Galicia insiste na denuncia de que o crecemento económico non se está traducindo nunha mellora da calidade de vida da maioría da poboación. O emprego que se crea é de baixa calidade, pouco produtivo e mal remunerado. E os recortes en prestacións sociais e na dotación de servizos públicos esenciais que levou a cabo o Goberno no bienio 2012-2013 non se reverteron, o que supón unha merma directa do estándar de vida de milleiros de familias.

Por iso, este país atópase á cabeza da UE en materia de desigualdade económica e niveis de pobreza, uns rexistros que non ceden co crecemento económico.

Aumenta a actividade e xérase riqueza pero repártese de xeito pouco equitativo. As rendas salariais non recuperan o perdido durante a crise e as pensións tamén caen en termos reais. Sen embargo, os beneficios empresariais medran como nos mellores momentos da etapa anterior expansiva e xa superaron os niveis con creces de antes da crise.

Os datos de Contabilidade Nacional feitos públicos hoxe inciden nesta situación que, a xuízo de UGT-Galicia, non pode continuar porque é ineficiente, ao restar capacidade de crecemento á economía; é inxusta ao aumentar as desigualdades e castigar coa perda de poder de compra á maioría da cidadanía (persoas asalariadas, pensionistas e perceptores de prestacións sociais); e é insostible porque produce unha desafección política e un malestar colectivo que só pode dexenerar nun conflito social.

Por isto, UGT-Galicia esixe a reversión da Reforma Laboral de 2012; o aumento dos salarios en 2018 nitidamente por enriba da inflación, de xeito que gañen poder de compra e recuperen parte do perdido dende 2008, especialmente, os salarios máis baixos. Así, UGT propón un salario mínimo de convenio de 1.000 euros.

Ademais, o Sindicato aposta pola posta en marcha dunha política industrial que potencie as capacidades produtivas e asente as bases dun novo modelo económico e o reforzamento do sistema de prestacións sociais e a retirada da reforma das pensións de 2013.







Fuente: UGT-Galicia