A reconstrución só será posible con traballo decente

Fecha: 07 Oct 2020

XMTD_2020

A Confederación Sindical Internacional convoca a 13ª Xornada Mundial polo Traballo Decente

 

  • UGT considera prioritario derrogar a reforma laboral porque só xera precariedade, e insta o Goberno a convocar a mesa do diálogo social

  • A pandemia revelou, con toda crueza, que as políticas neoliberais que soportamos durante décadas fracasaron, creando unha sociedade precaria

  • É imprescindible unha visión global para a reconstrución  pos-covid, un pacto social, empezando polo concurso das organizacións sindicais na elaboración dos plans de reconstrución

 

A Confederación Sindical Internacional (CSI) convocou para o 7 de Outubro de 2020 a 13ª Xornada Mundial polo Traballo Decente, que este ano ten como obxectivo esixir que os plans de reconstrución, que están a poñer en marcha os Estados e organizacións como a UE, teñan como elemento central o traballo decente e déase prioridade ás persoas.

A Unión Xeral de Traballadores, en coincidencia coa CSI, considera que é necesario construír un novo país sobre as bases de máis xustiza, máis igualdade, e máis emprego con dereitos e salarios dignos, polo que é necesario comezar de maneira urxente coa derrogación da reforma laboral. A reforma laboral e outras políticas neoliberais implantadas nas últimas décadas só xeraron desigualdade e inseguridade para as persoas traballadoras. 

Unha sociedade precaria, unha sociedade desigual

En España a pandemia revelounos, con toda crueza, que a sociedade creada durante os anos da crise e que se mantivo intacta nos anos da recuperación é unha sociedade precaria, sen recursos sanitarios, sen recursos industriais propios, cun mercado de traballo tan fráxil que puido ver como se  volatilizaba a metade do mesmo dun día para outro. No caso de Galicia, xa é un mal endémico a falta de política industrial, que non  preserva aos sectores estratéxicos e cunha inexistente coordinación. Outra das características da nosa Comunidade é que contamos cun mercado laboral recesivo, sen actividade e cunha permanente fuxida da poboación máis moza de remprazo. Houbo que improvisar a toda velocidade novas normas de protección para empresas e traballadores, novos leitos de financiamento, novas formas de traballar, novas maneiras de producir e comercializar. 

Desde o punto de vista dos traballadores e traballadoras, o COVID-19 puxo en evidencia ás políticas neoliberais que soportamos durante décadas; deixou claro que recortar o Estado custa vidas; que deixar sen financiamento servizos públicos esenciais e sistemas básicos de protección social é letal para a cohesión social, e empobrece ás capas máis débiles da sociedade.

Por esta razón, as desigualdades e as lagoas nos sistemas de protección social preexistentes reveláronse con toda a súa crueza durante a pandemia. A desigualdade de ingresos, a desigualdade de xénero, o trato a traballadoras e traballadores  migrantes, o acceso das persoas mozas ao traballo, a secuela da economía mergullada e os seus efectos para traballadores e traballadoras que sobreviven con ela, a exclusión, ou a insuficiencia dun sistema de coidados público fixéronse visibles deixando a unha parte da poboación con menos oportunidades de facer fronte non só á situación sanitaria xerada pola COVID-19, senón ás súas consecuencias económicas e sociais. A desigualdade actuou e actúa como un factor de exclusión das medidas adoptadas para paliar os efectos da pandemia.  

Por iso, UGT-Galicia considera imprescindible o concurso das organizacións sindicais -que demostraron sobradamente durante esta crise a súa temperanza, sentido común e altura de miras- na elaboración dos plans de reconstrución, que deben servir para cambiar o noso tecido produtivo, para facelo máis forte fronte ás crises, e para xerar traballo decente, estable e con dereitos. Unhas organizacións sindicais que defenden servizos públicos e un sistema de protección social universais, os principios de igualdade entre mulleres e homes e de igualdade de trato e de oportunidades, a garantía da saúde e a seguridade no traballo, un sistema fiscal xusto e un traballo decente.

Derrogar as reformas laborais, imprescindible para a reconstrución

A reforma laboral só serviu para abaratar e facilitar o despedimento, a excesiva temporalidade, baixos salarios, prácticas ilegais, traballo en negro, etc. Ademais, a  desregulación e enfraquecemento da negociación colectiva e as institucións laborais estaban dirixidas a crear un modelo produtivo precario e baseado en baixos custos laborais.

Este modelo laboral precario ten consecuencias directas en ámbitos como a educación, as prestacións sociais, sanidade ou pensións, dado que a emprego e salarios máis precarios, menores cotizacións e peores servizos sociais e, en Galicia,  sempre  partindo de  vartiables con cifras en clara  desvantaxe con respecto  ao estado. Por esta razón é unha cuestión estratéxica para o noso país derrogar as reformas laborais dos últimos anos e articular unha regulación laboral á medida dos retos do século  XXI.

Estamos diante unha gran oportunidade para acometer o cambio de modelo produtivo, laboral, fiscal e social capaz de conxugar a dinamización da produtividade, a innovación e o coñecemento coa xeración de empregos decentes, salarios dignos, melloras no benestar social e o respecto ambiental; un modelo que garanta a eficiencia económica, a equidade social, a sustentabilidade ecolóxica e a solidariedade mundial.

UGT insta o Goberno a poñer en marcha de maneira inmediata a mesa de diálogo social sobre a reforma do mercado de traballo comprometida polo presidente do Goberno e proceder á derrogación da reforma laboral.

Fuente: UGT-Galicia