A proposta do módulo de financiamento de axuda no fogar á dependencia da Xunta non sae adiante polo voto en contra dos sindicatos

UGT-Galicia cualifica a proposta da Xunta como insuficiente, non garante as condicións laborais mínimas nin a prestación do servizo en condicións

A proposta do módulo de financiamento de axuda no fogar á dependencia da Xunta non sae adiante polo voto en contra dos sindicatos

UGT-Galicia esixe un cambio de modelo


 

Santiago, 24 de febreiro de 2023.- Hoxe tivo lugar unha xuntanza do Consello Galego de Benestar Social no que se analizaba e votaba a proposta da Xunta de modificación do módulo de financiamento de axuda no fogar a situacións de dependencia. Tras o voto en contra dos sindicatos, UGT, CCOO, UUAA e SLG, e a abstención da parte empresarial, a proposta da Xunta non saíu adiante.


 

Ante esta situación, UGT-Galicia considera que a Xunta debe reflexionar sobre o documento que puxo hoxe enriba da mesa pero debe ir máis aló, sobre o modelo en xeral de prestación deste servizo. Ao respecto, UGT-Galicia considera que este modelo non sirve e avoga por traballar, entre todas as partes implicadas, na busca dun novo modelo que garanta tanto as condicións laborais das persoas traballadoras que prestan o servizo, como a dignidade do mesmo para os e as súas usuarias.

En relación á proposta feita hoxe pola Xunta, a achega económica da Administración galega é claramente insuficiente. Non quedarían garantidas as condicións laborais das persoas traballadoras do servizo, tanto no relativo ao cumprimento do convenio colectivo como da aplicación das cláusulas de revisión salarial. O que mermaría aínda máis as condicións laborais dun sector femininizado e que xa ten uns salarios moi limitados.

Por outra banda, isto, evidentemente, redundaría dun xeito tamén negativo na propia calidade da prestación do servizo de cara aos usuarios.

UGT-Galicia insiste en que a achega da Xunta debe ser suficiente para garantir un sistema de prestación igualitario para toda a poboación que o precise e que non pode depender este servizo e a súa calidade do territorio e concello no que se resida.

Por todo isto, UGT-Galicia insiste en cualificar a proposta da Xunta como insuficiente e demanda un cambio de modelo.


 

Fuente: UGT-Galicia