As políticas sociais e a reforma laboral melloran a calidade de vida das persoas

Fecha: 02 Jun 2023

As políticas sociais e a reforma laboral melloran a calidade de vida das persoas


 

Os datos de desemprego do mes de maio seguen reflectindo a excelente incidencia do acordo laboral e das medidas de expansión de dereitos sociais acordadas durante os últimos anos no impulso do nivel de vida da poboación


 

Santiago, 2 de xuño de 2023.- Os datos de paro rexistrado publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego (SEPE) mostran un novo descenso do desemprego no mes de maio, concretamente de 4.909 persoas con respecto a abril. Tras varios meses consecutivos de caída, o número total de persoas desempregadas sitúase en 134.434, a cifra máis baixa de desemprego da serie histórica dende 1996. De igual maneira, o inicio da tempada estival déixase ver tamén na afiliación, que volve crecer este mes en 8.770 persoas.

Un mes máis, a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores sinala que os datos de contratación confirman o punto de inflexión que supuxo a reforma laboral na calidade de vida das persoas traballadoras. O número de contratos indefinidos elévase en maio en 20.979 contratos, supoñendo o 33,08% do total de contratos rexistrados, que ascende este mes a 63.415.

Para UGT-Galicia, é indubidable o impacto positivo que está a ter a reforma laboral para as relacións laborais do noso país, introducindo os incentivos necesarios para acabar coa fraudulenta temporalidade que implicaba a concatenación de contratos de moi curta duración e reducindo a inestabilidade laboral que sufrían miles de persoas nos seus postos de traballo. Agora que o contrato indefinido converteuse na modalidade de referencia para a contratación, é o momento de ampliar as súas garantías e continuar protexendo os dereitos das persoas traballadoras, acabando de rematar aquelas cuestións que quedaron sen resolver, como a reforma das causas e o custo do despedimento.


 

Tendo en conta o contexto actual, UGT ten claro que o benestar da poboación traballadora non pode depender dos vaivéns electorais. Por iso, o sindicato insta aos poderes públicos a que sigan traballando na mellora da xustiza social, pois é evidente que as políticas levadas a cabo ata o de agora demostraron ser amplamente eficaces impulsando a recuperación da economía e o progreso social grazas á creación de emprego digno e de calidade.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 4.909 persoas con respecto ao mes anterior (3,52%) e no Estado esta cifra baixou un 1,8%. No ano tamén se rexistrou unha contracción do desemprego, baixando en 11.686 persoas, un 8% menos.

Así, o número total de desempregados sitúase en 134.434 persoas, a cifra máis baixa nun mes da serie histórica, dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixou nun 6,11%, unha evolución máis acusada que no conxunto de idades, o que indica unha mellora de expectativas, e baixou no ano nun 11,08%.

Por sexos, o paro cae en ambos casos, entre as mulleres nun 2,95% e nun 4,34% entre os homes. No ano tamén baixou en ambos casos, o 9,51% entre os homes e o 6,91% entre as mulleres. Aínda así, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,92% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 79.213 mulleres, fronte a 55.221 homes.

En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro en todos. Así, baixou un 2,41% no primario; un 3,56% na industria; o 3,94% na construción; un 1,65% no colectivo sen emprego anterior; e nun 3,76% nos servizos. No ano sucede o mesmo, baixa en todos. Baixa un 17,74% no primario; o 13,95% na industria; o 10,89% na construción; e o 7,20% no sector servizos. No colectivo de sen emprego anterior as cifras mantéñense.

Territorialmente, cae o desemprego no mes en todas as provincias, nun 2,97% en Lugo; o 3,53% en Pontevedra; o 3,51% na Coruña; e o 4% en Ourense. No ano baixa en todas as provincias, en Lugo nun 10,18%; 9,09% en Pontevedra; 6,45% na Coruña; e o 7,78% en Ourense.

O dato de contratación indefinida é do 33,08%, aínda por abaixo do resto do Estado onde é do 44,3%. Realizáronse en maio un total de 63.415 contratos en Galicia, menos que no ano anterior pero de moita máis calidade.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 72,71%, e do 57,50%, no primario. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 32,03%, e na industria, do 23,48%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 64,92%, con 82.627 persoas beneficiarias. Deste total, 41.403 perciben a renda activa de inserción, 4.667 son importes asistenciais e tan só 36,554 prestacións contributivas, o 44,24% do total.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.059.085 de media mensual, medrando un 0,84% no mes e un 1,76% no ano.

Fuente: UGT-Galicia