Pódese e débense seguir mellorando os desequilibrios do mercado laboral

O éxito da reforma laboral é incuestionable pero é necesario abordar o desemprego de longa duración, os baixos salarios ou a reforma do despedimento

Fecha: 03 Jun 2025

paromaio25

Pódese e débense seguir mellorando os desequilibrios do mercado laboral

O éxito da reforma laboral é incuestionable pero é necesario abordar o desemprego de longa duración, os baixos salarios ou a reforma do despedimento



 

Santiago, 3 de xuño de 2025.- Os datos de afiliación á Seguridade Social e de paro rexistrado de maio, publicados no día de hoxe, mostran un crecemento do volume de emprego, con forte predominio da modalidade indefinida grazas á reforma laboral. Así, constátase un incremento do número de afiliados á Seguridade Social e unha baixada do desemprego, mentres que a temporalidade segue en mínimos históricos.

O mes de maio adoita ser o mellor para o emprego de cada ano. Nesta ocasión, o aumento mensual de afiliación cífrase en 7.372 persoas, co que o total de persoas ocupadas afiliadas á Seguridade Social sitúase en 1.094.806, o segundo maior máximo da serie histórica. Se o comparamos con maio de 2024, hai 17.514 persoas máis afiliadas, un +1,63%, polo que o ritmo de creación de emprego mantense relativamente estable, a pesar da incerteza xerada polos conflitos coa agresión a Ucraína, o masacre sobre o pobo palestino en Gaza ou a guerra de aranceis que, de forma tan caótica, impulsa a Administración Trump.

O paro rexistrado reduciuse en 3.904 persoas con respecto ao mes anterior, alcanzando un total de 111.641, sendo o dato máis baixo da serie histórica. Ademais, con respecto ao mesmo mes do ano anterior, o paro reduciuse en 10.395 persoas.

Pola súa banda, a taxa de temporalidade da afiliación continúa recortándose, alcanzando o 14,17%, 13,65 puntos menos que a rexistrada en 2021. Así, o éxito da reforma laboral é incuestionable: a nova normativa laboral está a conseguir corrixir un dos principais problemas estruturais do noso mercado de traballo, impulsando unha maior estabilidade laboral e persoal entre a clase traballadora.

No que respecta á contratación, maio rexistrou un volume de 62.121 contratos, e deles 18.756 son indefinidos, o que implica que o 30,19% da contratación é indefinida. Antes da reforma este valor roldaba o 10%. 

Así, cabe valorar positivamente os datos de creación de emprego, que reforzan a tendencia positiva do noso mercado laboral mesmo nun contexto económico mundial marcado por unha elevada incerteza. Con todo, para UGT-Galicia, é esencial seguir avanzando para corrixir algúns desequilibrios estruturais e dotar de maior estabilidade e calidade de vida ás persoas traballadoras.

A redución da xornada laboral terá beneficios sobre as persoas e sobre a economía

En primeiro lugar, non hai que esquecer que existe un volume significativo de persoas en situación de desemprego de longa duración, un status que lles condena a contextos de extrema vulnerabilidade. Por iso, é vital afrontar unha reforma profunda das políticas activas de emprego, garantindo procesos de orientación e formación máis personalizados e eficaces. Así, debemos lograr que as etapas expansivas da economía –como a que atravesamos– tamén redunden no beneficio dos colectivos de traballadores e traballadoras con maiores dificultades de empregabilidade.

Para seguir gañando en dereitos e cumprir coa Carta Social Europea, resulta urxente abordar tamén a reforma do custo de despedimento ilegal ou improcedente, que debe ser xusto e disuasorio. Así, o sindicato instou oficialmente ao Comité Europeo de Dereitos Sociais do Consello de Europa a que requira ao Estado español o cumprimento efectivo da decisión ditada o pasado 20 de marzo de 2024, que outorgaba a razón ao noso sindicato concluíndo que a lexislación española sobre o despedimento improcedente non se axusta ao artigo 24 da Carta Social Europea Revisada.

O Comité estableceu que, para que un país cumpra co devandito artigo, debe prever:

o reembolso das perdas económicas entre o despedimento e a resolución do tribunal de apelación (é dicir, salarios de tramitación),

a posibilidade real e efectiva de readmisión, sen que dependa exclusivamente do empregador, e

unha indemnización suficientemente disuasoria e reparadora do dano causado polo despedimento inxusto.

UGT solicitou formalmente a execución desta resolución e esixe que o Estado español cumpra cos seus compromisos internacionais e adapte a súa lexislación en consecuencia.

Por último, a xornada laboral de 37,5 horas semanais debe facerse realidade canto antes. Trátase dunha medida que expón cambios positivos na nosa economía e mercado de traballo, intensificando a creación de emprego de calidade e promovendo cambios estruturais na produtividade e competitividade das empresas.

Ademais, os cuantiosos beneficios empresariais cultivados nos últimos anos avalan dita transformación, polo que non hai ningunha razón para bloquear un avance esencial para a maioría social do noso país. Repartir a riqueza e transformar as melloras de produtividade en xornadas máis curtas debe ser unha máxima para consolidar un país máis democrático, igualitario e xusto.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego caeu en 3.904 persoas con respecto ao mes anterior (3,38%) e no Estado esta cifra tamén baixou, un 2,30%. No ano tamén se rexistrou unha contracción do desemprego, baixando en 10.395 persoas, un 8,52% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 111.641 persoas, mínimo histórico en Galicia dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades, baixou no mes nun 5,90%, e no ano a diminución foi dun 5,15%.

Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 4,34% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,69%. No ano baixou o desemprego tamén en ambos casos, o 9,32% entre os homes e o 7,95% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,71% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 65.542 mulleres, fronte a 46.099 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes baixa en todos. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 3,97%; na industria, nun 3,05%; nun 3,80% na construción; en servizos, nun 3,40%; e o 3,03% no colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos tamén. Así, diminúe un 13,27% no primario; o 11,92% na industria; o 14% na construción; o 7,64% no sector servizos; e o 6,01% entre o colectivo de sen emprego anterior.

Territorialmente, o desemprego tamén baixa en todas as provincias. O 2,99% na Coruña, 4,47% en Lugo, 4,03% en Ourense e un 3,30% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 9,21% na Coruña, 6,58% en Lugo, 6,99% en Ourense e o 8,75% en Pontevedra.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 30,19%. Realizáronse en abril un total de 62.121 contratos en Galicia. Antes da reforma laboral, no mes de maio de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 9,60%.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 66%, e no sector primario, do 61,1%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 28,9%, e na industria, do 21,7%.

En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 65,92% (74,06% no Estado), con 69.015 persoas beneficiarias. Deste total, 29.905 perciben subsidios e 1.907 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 37.203. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.094.806 de media mensual, crecendo o 0,68% no mes e aumentando un 1,63% no ano.

Fuente: UGT-Galicia