A pesar do crecemento económico, as brechas de xénero no emprego continúan ampliándose
Fecha: 05 Mar 2018

Un ano máis, o 8 de Marzo conmemórase o Día internacional da muller traballadora pero este ano vaise converter nun punto de inflexión coa convocatoria dunha folga de dúas horas por quenda porque as razóns sobran. Urxe denunciar a precariedade laboral das mulleres, a brecha salarial e a violencia machista da que son vítimas.
Como todos os anos, nesta data, UGT-Galicia presenta o informe sobre a situación sociolaboral das mulleres en Galicia e, un ano máis, confírmase que o mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino en todas as súas variables.
É innegable a progresiva incorporación da muller ao mercado laboral pero, a pesar disto, as diferenzas por xénero persisten. As estatísticas están aí. As taxas de actividade feminina son 8,8 puntos inferiores ás masculinas e as de ocupación están 8,1 puntos por debaixo. Pero, contrariamente, a taxa de desemprego é 1,4 puntos superior no caso das mulleres.
De feito, tras a equiparación das taxas de paro entre sexos por mor da crise, as taxas volven de novo a afastarse, o que evidencia que a tímida recuperación da economía e do mercado laboral segue sen chegar ás mulleres, volven a quedar excluídas.
A TAXA DE ACTIVIDADE DAS GALEGAS ESTÁ CASE NOVE PUNTOS POR DEBAIXO DA DOS HOMES E É 4,54 PUNTOS INFERIOR Á DO ESTADO
A taxa de actividade das mulleres galegas, ademais de estar case nove puntos por debaixo da dos homes, tamén é inferior á do resto das mulleres do Estado, situándose 4,54 puntos por debaixo da media. Así, Galicia é a que peor taxa de actividade feminina rexistra, só están en peores condicións as mulleres de Asturias, Estremadura e Castela e León.
Unha análise da ocupación por sectores evidencia que se perpetúa a segregación horizontal. O 83,3 por cento das mulleres están empregadas no sector servizos (417.700 mulleres). A continuación séguelle o industrial, cun 10 por cento (49.900 ocupadas). Pola contra, o mercado laboral masculino caracterízase por unha maior diversificación.
Por situación profesional, obsérvase unha maior tendencia á ocupación por conta propia no caso dos homes, o 24,1 por cento, fronte ao 18,5 por cento no caso das mulleres.
En canto á división sector público/privado, as mulleres seguen a a ter un maior peso no sector público, en relación cos homes, cun 21 por cento do emprego total, fronte ao 79 por cento do sector privado. No caso dos homes a porcentaxe de ocupación no público é do 13,8 por cento e do 86,2 por cento no privado.
A TAXA DE TEMPORALIDADE FEMININA É DE 28,7 PUNTOS, FRONTE AOS 25,3 PUNTOS QUE SOPORTAN OS HOMES. AS DIFERENZAS INCREMENTÁRONSE NESTES ÚLTIMOS ANOS
A temporalidade tamén incide en maior medida no mercado laboral feminino e nos últimos anos as diferenzas agudizáronse aínda máis. As mulleres asalariadas acceden ao mercado laboral en peores condicións que os homes. A taxa de temporalidade entre as mulleres no 2017 foi dun 28,7 por cento, fronte ao 25,3 por cento dos homes, unha diferenza de 3,5 puntos. No 2013 esta diferenza era de 2,6 puntos e no 2014 de 0,5 puntos. De novo constátase que ás mulleres cústalles máis incorporarse ao camiño da recuperación. Dende o ano 2014 a temporalidade feminina increméntase en nada menos que 5 puntos.
O “TEITO DE CRISTAL” SEGUE AÍ
Pero é que a segregación vertical tamén é un feito. Tan só 11.400 mulleres galegas ocupan postos de dirección ou xerencia, fronte a 26.300 homes. Isto supón que tan só o 2,3 por cento da poboación ocupada feminina está en postos de dirección ou xerencia, o “teito de cristal” segue presente para as mulleres. En relación ás empresas do IBEX, as mulleres tan só representan o 13,27 por cento nos órganos de dirección.
A IGUAL FORMACIÓN, OS HOMES ACADAN MAIORES TAXAS DE OCUPACIÓN EN TODOS OS NIVEIS FORMATIVOS
Outra realidade que constata que o mercado laboral dista moito de ser igualitario é que aínda queda moito por facer e que a igual formación os homes acadan maiores taxas de ocupación que as mulleres en todos os niveis formativos.
Cun nivel de formación superior, o nivel de ocupación das mulleres acada os 71 puntos, fronte aos 71,8 dos homes. Conforme se baixa na escala formativa as diferenzas son maiores. Coa segunda etapa de secundaria, os homes acadan os 59,3 puntos e as mulleres os 50,5. Se se baixa á primeira etapa de secundaria, son 50,5 puntos para os homes e 40,1 para as mulleres. Con estudos primarios, 11,9 puntos para os homes e 6,8 para as mulleres. Xa sen estudos, o nivel de ocupación dos homes é de 2,5 puntos e de 1,6 puntos para as mulleres.
A TAXA DE DESEMPREGO FEMININA SUPERA EN 1,4 PUNTOS Á MASCULINA E A SÚA DIFERENZA INCREMÉNTASE DENDE O ANO 2012. A MULLER SEGUE A QUEDAR EXCLUÍDA DO ACCESO AO MERCADO LABORAL
No referente ao desemprego, a taxa de paro feminina supera en 1,4 puntos á masculina e a súa diferenza increméntase progresivamente dende o ano 2012, pasando dos 0,6 puntos a favor das mulleres; no 2013 igual; no 2014 a diferenza xa é positiva para os homes en 0,1 puntos; 1,3 puntos no 2015; 1,3 puntos de novo no 2015; e xa 1,4 puntos no 2017.
Isto amosa as dificultades que teñen as mulleres para acceder ao mercado laboral e que a recuperación económica non está chegando ao precarizado mercado laboral feminino.
Se no emprego son as grandes prexudicadas o mesmo sucede no desemprego. Só o 47 por cento das mulleres en situación de desemprego con dereito a prestación teñen cobertura, fronte ao 57,8 por cento dos homes.
O 91,9 POR CENTO DAS PERSOAS QUE NON ACCEDEN AO MERCADO LABORAL POR TER QUE COIDAR DE MENORES, PERSOAS ADULTAS ENFERMAS OU DEPENDENTES SON MULLERES
A realidade cultural e social tamén penaliza ás mulleres. Do total de persoas que nin teñen nin buscan emprego por ter que coidar de menores, persoas adultas enfermas, con discapacidade ou persoas maiores, o 91,9 por cento son mulleres e por ter outras responsabilidades familiares ou persoais o 87,4 por cento son mulleres.
Resulta evidente que a corresponsabilidade no fogar non existe. Por un lado, existe un problema de educación e cultural asentado na sociedade que fai que as mulleres asuman as reponsabilidades de coidado familiar case ao cen por cento pero tamén existe un problema de ausencia de verdadeiras e efectivas políticas públicas de conciliación e corresponsabilidade para mudar esta tendencia.
A BRECHA SALARIAL É DE 22 PUNTOS. AS MULLERES TERÍAN QUE TRABALLAR 71 DÍAS MÁIS AO ANO
En materia de salarios, a brecha continúa e, de feito, agudízase dende o ano 2008. Hoxe esta brecha é de 22 puntos, segundo os datos da última Enquisa anual de estrutura salarial. Así, as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis para percibir o mesmo salario que os homes nun ano.
Temporalidade e parcialidade tamén. O 21,9 por cento das mulleres ocupadas en Galicia traballan cun contrato a tempo parcial, fronte ao 5,9 por cento dos homes.
DO TOTAL DA OCUPACIÓN A TEMPO PARCIAL, O 77,25 POR CENTO AFECTA A MULLERES
Do total da ocupación a tempo parcial, o 77,25 por cento afecta a mulleres (un total de 109.700), fronte ao 22,75 por cento de homes (32.300).
Afondando máis nesta realidade, constátase que das persoas que teñen un contrato a tempo parcial por ter que coidar de nenos ou nenas, de persoas maiores ou atender outras responsabilidade familiares, máis do 94 por cento son mulleres.
Outro dato significativo é que a prestación por maternidade segue a desfrutarse de forma case exclusiva pola nai, no 97,9 por cento dos casos.
O 73,8 POR CENTO DAS REDUCIÓNS DE XORNADA SEGUEN A SER SOLICITADAS POR MULLERES
Ademais disto, as reducións de xornada por coidado legal seguen a ser solicitadas en maior medida por mulleres (73,8 por cento) que polos homes (26,1 por cento). O mesmo sucede coas excedencias por coidado familiar que seguen a ser solicitadas no 89,1 por cento dos casos polas mulleres en Galicia.
A BRECHA NAS PENSIÓNS É DE 37,7 PUNTOS
Como consecuencia da maior precarización que sofren as mulleres no mercado laboral, a súa protección social tamén é menor. As mulleres representan o 53,5 por cento do total das pensións que se perciben pero só o 49,1 por cento delas accede á pensión de xubilación, fronte ao 77,2 por cento dos homes. E as contías destas pensións tamén son menores, como consecuencia do traballo desenvolvido ao longo da súa vida, con xornadas a tempo parcial, contratos temporais, excedencias, reducións de xornada... Consecuencia de todo isto, a brecha salarial no caso das pensións elévase ao 37,7 por cento. Case 200.000 mulleres xubiladas na actualidade están vivindo cunha pensión de xubilación media de 655,85 euros, fronte aos 1.052,76 dos homes. A isto hai que engadir que no caso da protección social non contributiva de xubilación as mulleres representan o 78 por cento do total das percepcións, cun importe medio de 365,48 euros.
A realidade está aí, as estatísticas non son interpretacións, son constatacións dunha circunstancia social que, lonxe de mellorar, en moitos aspectos mantense e noutros agudízase. A muller incorpórase ao mercado laboral pero non o fai nas mesmas condicións que os homes, sofre salarios máis baixos, máis precariedade, maiores interrupcións na vida laboral por atencións familiares, tamén maiores renuncias a xornadas completas por coidados familiares, ben de fillos ou fillas ou de maiores, cústalles aínda a día de hoxe acceder a postos de responsabilidade...e todo isto reflíctese en prestacións máis baixas, tanto chegado o momento do desemprego como o da xubilación.
UGT-Galicia considera que este 8 de Marzo ten que converterse nun punto de inflexión para que as administracións, dunha vez por todas atendan a esta realidade e lle poñan freo. Urxe poñer enriba da mesa todas as medidas necesarias para rematar no eido laboral coa discriminación por razón de xénero.
Hai que avanzar na eliminación das violencias machistas; impulsar o diálogo social e a negociación colectiva; incrementar as políticas activas de emprego; esixir plans de igualdade en todas as empresas obrigadas por lei e establecer medidas de acción positiva, imprescindibles para combater as brechas de xénero no emprego; avanzar na conciliación e corresponsabilidade e eliminar as desigualdades na protección social; incrementar os recursos técnicos e humanos da Inspección de Traballo e mellorar os criterios de vixilancia e control do cumprimento da igualdade efectiva entre mulleres e homes no eido laboral; fortalecer os servizos públicos, especialmente en educación, sanidade e servizos sociais, garantindo infraestruturas públicas necesarias para a atención a maiores, persoas dependentes e menores; promover unha lei para a igualdade salarial e avanzar na representación paritaria nos órganos de representación e decisión do conxunto das estruturas sociais e económicas; e a ratificación do Convenio 189 da OIT sobre o traballo digno das traballadoras do fogar.
Por todo isto, UGT-Galicia aposta porque este 8 de Marzo se converta nunha xornada de loita pola igualdade. Para o cal, anima a toda a cidadanía a secundar a folga de dúas horas por quenda e participar nas mobilizacións convocadas ao longo do día.
NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É A SECRETARIA DE IGUALDADE, XUVENTUDE E MOVEMENTOS SOCIAIS DE UGT-GALICIA, MÓNICA RODRÍGUEZ. TELÉFONO: 628470657.