A pesar de que a economía medre un 3,2%, segue a haber unha profunda crise de emprego
Fecha: 03 Oct 2017

Os datos do paro publicados hoxe evidencian un incremento do 1,62 por cento en Galicia, 2.932 persoas desempregadass máis que no mes de agosto, medrando por enriba do que sucede no resto do Estado, onde o crecemento foi do 0,82 por cento. Os datos referidos á afiliación á Seguridade Social tampouco son bos, situándose a afiliación en 992.260 persoas, caendo en 6.631, un 0,66 por cento no mes. Unha evolución contraria á do resto do Estado, onde aumenta un 0,14 por cento.
A isto, os altos niveis de paro, con 184.057 persoas desempregadas en Galicia, hai que sumarlle altos índices de desprotección, un abuso inxustificado da contratación temporal que, xunto coa moderación salarial, están conducindo á economía e á sociedade cara un modelo de desenvolvemento desequilibrado. Ademais, con empregos e salarios precarios non se poden ter pensións decentes.
A mellora da calidade do emprego e das rendas do traballo, neste contexto, é fundamental para consolidar un crecemento económico para todos, que non exclúa ás familias. Non é xa un problema só de presente, senón tamén de futuro. Con este modelo laboral, estanse creando unhas bases débiles que poden conducir a este país a unha nova crise e están xerando unha sociedade máis pobre para afrontar o futuro.
UGT-Galicia denuncia que a economía galega medre a un ritmo do 3,2 por cento e, a pesar disto, mantense a fonda crise de emprego que dificulta a situación das familias.
AS MULLERES E OS MÁIS MOZOS, OS MÁIS PREXUDICADOS
A análise dos datos do paro por sexos evidencia a peor situación
das mulleres, posición que mes tras mes agudízase. As mulleres representan xa o 57,4 por cento do total das persoas paradas que hai en Galicia e, mentres o paro medra no mes entre os homes nun 1,1 por cento, entre as mulleres faino nun 2 por cento. As cifras falan por si soas, 78.343 homes desempregados e 105.714 mulleres. E, a maior discriminación por sexos compróbase en termos interanuais, cae o desemprego nos homes no ano o 8,31 por cento e tan só o 2,92 por cento entre as mulleres.
Os mozos tamén sofren máis o desemprego. Hai 9.195 mozos, menores de 25 anos, desempregados en Galicia, medrando un 6,7 por cento no mes, un crecemento moi superior ao do conxunto de idades.
Por sectores, o paro medra en todos, salvo na construción. En termos relativos medra especialmente no primario, o 5,92 por cento, pero en termos absolutos o maior aumento dáse nos servizos, un 90 por cento do desemprego no mes dáse neste sector.
96.369 CONTRATOS ASINADOS EN GALICIA NUN SÓ MES SON A MOSTRA MÁIS CLARA DA ROTACIÓN E TEMPORALIDADE QUE DESCRIBE AO MERCADO LABORAL GALEGO
A temporalidade segue a ser unha das grandes lacras do mercado laboral galego. As empresas galegas seguen facendo só contratos temporais. Evidencia disto é que só no mes de setembro asináronse en Galicia 96.369 contratos, cada vez fanse máis contratos por mes. O valor das contratacións indefinidas segue baixo mínimos, non supera o 8,1 por cento.
En canto á protección por desemprego, os datos amosan que o número de persoas beneficiarias en agosto foi de 87.005, case 7.000 beneficiarios menos que en agosto de 2016. A taxa de cobertura é do 52,8 por cento, deixando fóra do sistema a 94.120 persoas desempregadas. No Estado esta taxa é do 59 por cento, amosando un forte diferencial entre ambos contextos e unha desprotección moito máis elevada en Galicia.
A PRECARIEDADE TAMÉN AFECTA Á PROTECCIÓN POR DESEMPREGO
Ademais, hai que engadir que tan só 38.050 persoas beneficiarias de prestacións por desemprego acceden a prestacións contributivas, o que incide aínda máis na precariedade na cobertura por desemprego. A gran maioría da cobertura é de carácter asistencial, o que sitúa a 48.955 persoas en situacións próximas á exclusión social ou incluso no limiar da pobreza.
Para UGT-Galicia, urxe mellorar o sistema de protección por desemprego, ampliando coberturas ás familias, ao tempo que se dota de recursos ás políticas activas de emprego. Todo elo, mediante un impulso ao diálogo social, que ten que ser o mecanismo para abordar estas cuestións de xeito urxente.
NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE Secretario de Política Sindical. Emprego e Seguridade Social DE UGT-GALICIA, LUIS BANEIRA GÓMEZ; TELÉFONO: 606649157.