Para UGT-Galicia, a violencia de xénero seguirá mentres non se eliminen as desigualdades, incluídas as do eido laboral

Co gallo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que terá lugar mañá, UGT-Galicia denuncia que esta lacra continúa, nalgúns casos incluso agudízase porque o Sindicato ten claro que a violencia de xénero existirá mentres non se eliminen a discriminación e a desigualdade de xénero.

O feminicidio segue a ser a manifestación máis evidente da desigualdade e a subordinación á que se ven sometidas as mulleres. O Estudo mundial sobre o homicidio, publicado no 2019 por Nacións Unidas, apunta que o 40% de todas as mulleres vítimas de homicidios no 2016 o foi a mans da súa parella, porcentaxe que sobe ata o 60% cando se inclúe a familiares entre os agresores. Mentres que neste ano ningún home foi vítima dun homicidio no ámbito da parella ou exparella. E, dentro do ámbito das parellas, as mulleres non só sofren violencia física, senón que tamén padecen violencia psicolóxica, sexual a económica.

O 90% das vítimas de conduta de acoso sexual son mulleres e un terzo deste acoso prodúcese no eido laboral

De feito, segundo o estudo “Violencia de xénero contra as mulleres” da Axencia de dereitos fundamentais da UE de 2014, o 90% das vítimas de condutas por acoso sexual son mulleres e un terzo deste acoso prodúcese no eido laboral. E os distintos estudos sobre este tema manifestan que as denuncias que se poñen relativas ao acoso sexual e por razón de sexo no traballo son unha ínfima parte dos casos que se producen na realidade. Dentro de todo isto tamén están as fórmulas de reprodución de violencia de xénero a través das novas formas de comunicación tecnolóxica.

Acabar coa desigualdade e coa discriminación é prioritario

Acabar coa desigualdade e coa discriminación é prioritario para poder combater a violencia contra as mulleres. Discriminación que sofren as mulleres, ata nos países máis avanzados, no acceso ao mundo laboral, nas retribucións, no tipo de ocupación e nos niveis xerárquicos que ocupan na escala laboral.

O número de asasinatos de mulleres a mans das súas parellas ou exparellas non para de medrar. Entre 2003 e 2019 foron asasinadas 61 mulleres galegas vítimas da violencia de xénero

Neste contexto, UGT-Galicia denuncia que o número de asasinatos de mulleres a mans das parellas ou exparellas, dos seus fillos e fillas e os orfos e orfas que deixa a violencia machista non paran de medrar. Entre o 1 de xaneiro de 2003 e o 4 de novembro de 2019, 1.027 mulleres foron asasinadas nestas circunstancias, 61 delas, galegas. No 2018 houbo 50 mulleres vítimas en España, tres galegas e 7 menores asasinados como consecuencia da violencia de xénero. E quedaron 39 menores orfos e orfas. O 2019 non apunta mellor, a 4 de novembro xa van 51 mulleres vítimas mortais e tres menores, e ata 41 menores orfos por estas circunstancias. Así, Galicia é a sexta comunidade autónoma onde máis asasinatos se produciron dende o 2003.

A protección no eido xudicial non é suficiente. O número de denuncias increméntase en Galicia nun 3%

Os datos son arrepiantes e UGT-Galicia considera que as mulleres que sofren estas circunstancias non contan coa suficiente protección no eido xudicial. Do total das denuncias rexistradas no 2018, en Galicia aparecen como vítimas de violencia de xénero 6.183, un incremento do 3% en relación a 2017.

Non obstante, os diferentes estudos que hai ao respecto conclúen que as mulleres que sofren violencia de xénero tardan moito tempo en pedir axuda e a miúdo o fan en situacións límite, tardando unha media de 8 anos e 8 meses. Entre as causas que impiden ou atrasan estas denuncias están o medo ao agresor, crer que poden resolver o problema soas, o medo ao procedemento xudicial ou a falta de recursos económicos propios.

540 denuncias en Galicia por agresión sexual, un 17,6% máis que no 2017. 56, vítimas de violacións, case cinco violacións ao mes

En relación aos abusos ou agresións sexuais, segundo os anuarios do Ministerio do Interior, en Galicia no ano 2018 as denuncias ascenderon a 540, un 17,6% máis que no 2017. Destas, 56 foron violacións, un 27,3% máis que no 2017, é dicir, case cinco violacións ao mes. De novo, existe constancia de que as agresións sexuais que se denuncian son unha mínima parte das reais.

Preocupante o número de denegacións de protección, o 33,7%

En canto ás solicitudes de ordes de protección, a UGT-Galicia preocúpalle o número de denegacións. En Galicia o número de solicitudes denegadas supuxo o 33,7% das incoadas. De xaneiro a xuño de 2019 houbo en Galicia 957 solicitudes ordes de protección incoadas, 586 adoptadas, 357 denegadas e 14 inadmitidas.

Só o 9,2% das denuncias acabou en condena

En canto ás sentenzas condenatorias, no primeiro semestre de 2019 foron o 80,7% do total. Pero esta porcentaxe refírese ás 383 ditadas e non ás denuncias presentadas, 3.343, respecto ás que só o 9,2% acabou en condena.

Neste contexto, coa alta porcentaxe de denegacións de ordes e sobresementos e arquivo de denuncias, resulta difícil pensar como se pode pedir ás vítimas que denuncien, aínda que UGT-Galicia insiste en que teñen que facelo como parte do camiño para rematar con esta lacra. Resulta evidente que algo está a fallar na defensa e protección das mulleres que sofren violencia de xénero. A pesar dos lentos avances, a igualdade non chegou plenamente aos tribunais nin ás institucións.

UGT alenta ás vítimas a que denuncien e insta ao sistema a que garanta a protección e seguridade das vítimas

A pesar disto, UGT alenta a denuncia pero tamén insta ao sistema a que garanta a protección e seguridade das vítimas que den o paso de denunciar.

O emprego é esencial para combater a violencia de xénero. O 82,5% das mulleres que sofren violencia son pouco independentes economicamente

Para o Sindicato, o emprego resulta esencial e imprescindible para combater a violencia de xénero, polo que é necesario mellorar a lograr a inserción laboral e o emprego de calidade para as vítimas. Aínda que a violencia de xénero dáse en todos os estratos económicos e sociais, no marco do Proxecto We go! Da UE (2016-2018), que levan a cabo diversos centros de varios países, incluída España, conclúese que o 82,5% das mulleres que sufriron violencia son pouco independentes economicamente. O 40,9% teñen traballo e o 59,1% están en desemprego. Só o 13,3% viven nunha csa que é da súa propiedade e o 73,7% teñen fillos ao seu cargo. O informe sinala tamén que o 71% das vítimas destaca o desemprego e a situación da precariedade como os principais freos para denunciar.

As medidas para a inserción están a ser pouco efectivas

A inserción laboral debería estar garantida por parte das administracións. Hai medidas e incentivos pero son insuficientes e en moitos casos pouco efectivos. De feito, segundo os datos recollidos polo Observatorio estatal de violencia sobre a muller, o total de contratos bonificados por violencia de xénero entre o 1 de xaneiro de 2003 e setembro de 2019 foi de 486 en Galicia, tan só o 0,02% do total da contratación feminina. E, ademais, nunha alta porcentaxe trátase de emprego temporal.

En canto ás axudas económicas, no primeiro semestre de 2019 tan só se rexistraban 77 axudas de pagamento único, 318 de pagamento periódico, unha indemnización e 20 certificacións para incorporación ao programa de inserción laboral. No relativo ás mulleres galegas perceptoras da renda activa de inserción, o seu número foi decrecendo ano tras ano, se no 2015 eran 1.303, no 2019 pasaron a ser 936.

Acoso sexual no traballo e acoso por razón de xénero

No relativo ao acoso sexual no traballo e o acoso por razón de xénero, aínda que non hai datos oficiais en España, sábese que no marco das relacións laborais, segundo datos da Inspección de Traballo, entre 2008 e 2017, 2.666 persoas víronse afectadas por infraccións en materia de acoso sexual no traballo, e 2.170 por infraccións en materia de acoso por razón de sexo. Sumando os dous tipos, 1,25 diarias.

UGT-Galicia reclama contar con datos máis específicos nesta materia, o que facilitaría poder poñer enriba da mesa medidas para atallar esta violencia laboral. Urxen políticas eficaces que preveñan a combatan calquera fórmula de violencia contra as mulleres, incluídos o acosos laboral e sexista no traballo.

Tampouco se pode esquecer a ciber violencia e os discursos de odio online contra as mulleres. O estudo publicado polo Parlamento europeo en 2018 sobre esta materia apunta que as mulleres están ameazadas de xeito abrupto pola violencia no mundo dixital, de feito, recolle que o 20% das mulleres novas da UE sofren acoso cibernético (cyber sexual) e o 14% (cyber stalking) dende os 15 anos.

E esta é unha práctica tamén habitual no eido laboral e que se vai estendendo cada vez máis. UGT considera que, con independencia de que o Código Penal pida ser aplicado tamén no eido laboral, sería necesario contar cunha regulación específica nesta materia no eido laboral.

Por todo isto, e porque o mero feito de ser muller non pode poñer en perigo a vida e integridade moral e física de ninguén, UGT-Galicia insta á cidadanía e que, co gallo deste 25N, participe nos actos e mobilizacións convocadas porque hai que berrar alto e claro que “Basta xa de violencia de xénero!”.

Informe violencia de xénero en Galicia (2019)


 

Fuente: UGT-Galicia
25N