Os traballadores da Fundación USC Deportiva denuncian que levan catro anos solicitando unha reunión co padroado sen resposta

Fecha: 20 Mar 2018

FeSMC-UGT denuncia a situación de indefensión na que están os traballadores da Fundación USC Deportiva, con numerosos problemas laborais, a pesar do cal levan catro anos solicitando unha xuntanza co padroado desta Fundación sen resposta a día de hoxe. Aclaran que tan só foron recibidos en dúas ocasións, nunha polo reitor e noutra pola vicerreitoria da USC, pero nunca como presidente e vicepresidenta da Fundación.

De feito, en ambas ocasións, o reitor e a vicerreitora aclararon que acudían á xuntanza en calidade destes cargos, nunca como presidente e vicepresidenta da Fundación USC Deportiva.

Ademais, nestas dúas xuntanzas os representantes dos traballadores puideron percibir claramente que ambos descoñecían por completo o funcionamento real da Fundación e a situación actual dos seus traballadores, a pesar de estar ao fronte da mesma.

Pero tampouco teñen ningún interese en coñecer o funcionamento real da Fundación, o que fan é delegar, escapando dunha realidade da que son ambos responsables, no seu xerente, quen, por outra parte, o único que fai é tratar de silenciar e agochar a situación que atravesa a Fundación e os seus traballadores.

Neste senso, FeSMC denuncia as diferencias que se constatan nas condicións laborais dos traballadores; a notable redución do número de empregados nos últimos anos, actualmente son 32; o recurso reiterado ás contratacións precarias; as presións ás que se ven sometidos algúns traballadores; o reiterado incumprimento de varios puntos do convenio colectivo; ou a falta de transparencia á hora de informar aos representantes dos traballadores como establece a lexislación en varios supostos.

Ante a imposibilidade de facerlle chegar este malestar e denuncias ao padroado, por negarse este a manter unha reunión coa representación legal dos traballadores, os traballadores da Fundación vénse na obriga de denunciar publicamente esta situación e o fan, despois de que a actual xunta de goberno da USC anunciase que se vai presentar á reelección. Os traballadores consideran que chegou o momento de que alguén lles de explicacións e que se amose respecto polo seu traballo.

Aclarar que a Fundación USC Deportiva é a empresa concesionaria dos servizos deportivos da USC e que se creou dende a propia universidade como alternativa ao Club Deportivo USC. Unha transformación que xa no seu momento trouxo consigo moitas dúbidas legais e deixou atrás moitos postos de traballo.



Fuente: FeSMC-UGT