Os sindicatos en España e en Galicia á cabeza de Europa en dar cobertura ás persoas traballadoras coa metade das horas sindicais e con menos recursos

Fecha: 11 Mar 2016

Segundo a Enquisa Europea de Empresas, realizada por Gallup para a axencia Eurofound da UE, os sindicatos españois están á cabeza en nivel de cobertura que dan aos traballadores e isto o logran, ademais, coa metade de horas sindicais que o resto dos representantes europeos.

Así, en niveis de cobertura, aos sindicatos españois só os superan os de Finlandia e Dinamarca e figuran por diante de países como Francia, Alemaña, Italia ou Inglaterra.

Segundo os datos da devandita Enquisa, de media, o 32,1 por cento das empresas europeas teñen representación sindical estable (seccións sindicais, delegados ou comités de empresa). Non obstante, esta porcentaxe varía segundo a dimensión da empresa e o propio sector no que se encadre. Increméntase nas grandes empresas do sector industrial e baixa nas de menor tamaño do sector servizos.

España está por enriba da media comunitaria en canto a representación sindical nas empresas, sendo a media deste país do 57,1 por cento. Segundo os datos do Ministerio de Emprego, en España hai rexistrados 303.622 representantes sindicais, dos que o 35,4 por cento corresponden a UGT.

En Galicia, aínda que a porcentaxe baixa un pouco, ata o 44,59 por cento, esta segue a estar por enriba da media comunitaria e os sindicatos galegos teñen uns niveis de cobertura por enriba de países como Portugal, Grecia, Reino Unido, Alemaña, Austria, Italia ou Irlanda. Concretamente, en Galicia hai 15.387 representantes sindicais, dos que o 28,67 por cento corresponden a UGT; o 27,56 por cento á CIG; e o 25,61 por cento a CCOO.

Tamén nesta Autonomía a porcentaxe de representación (cobertura) medra moito cando a análise se fai en empresas grandes. Por exemplo se se toman como referencia as do sector industrial de máis de 250 traballadores, a porcentaxe de representación elévase ata o 84 por cento. Isto evidencia que baixar ata o 44,59 en termos xerais é consecuencia tamén do tecido produtivo galego marcado polo baixo peso da gran industria e a forte incidencia de pequenas empresas nas que o nivel de cobertura baixa.

Esta situación, sempre segundo a propia enquisa, dáse a pesar de que os sindicatos españois teñen menos recursos materiais, formativos e de tempo para o exercicio das funcións de representación, en relación á media europea.

Neste senso, hai que apuntar que o 37 por cento dos representantes sindicais europeos teñen acceso ao financiamento das propias empresas para costear o asesoramento xurídico, económico ou técnico, mentres que en España esta circunstancia redúcese practicamente á metade.

Ademais, os datos do informe desmenten un dos tópicos máis difundidos sobre os sindicatos españois no relativo ás horas sindicais. Os sindicalistas españois sitúanse á cola da UE, xa que só o 28,3 por cento dos seus representantes dispoñen de crédito horario para exercer as súas funcións. Mentres, a media da Unión Europea é do 56,2 por cento.

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE POLÍTICA SINDICAL, RELACIÓNS LABORAIS E FORMACIÓN DE UGT-GALICIA, JOSÉ DOMINGO BARROS. TELÉFONO: 679451570.

Fuente: UGT-Galicia