Os orzamentos da Xunta para o 2016 esquécense da reactivación económica, a xeración de emprego, da diversificación do tecido produtivo, do reforzamento dos servizos públicos e a mellora da protección social

UGT-Galicia e o S.N. de CCOO de Galicia ofreceron hoxe en Santiago unha rolda de prensa na que analizaron os orzamentos da Xunta para o ano 2016. Orzamentos que foron cualificados como pouco cribles, electoralistas e que non teñen en conta a realidade galega.

Ambos sindicatos consideran que as contas públicas para o 2016 desta Comunidade non dan resposta á situación de crise e de emerxencia social que vive Galicia. Non apostan pola reactivación económica e a xeración de emprego de calidade, non apostan polo tecido produtivo e pola súa diversificación, e obvian a necesidade de reforzar os servizos públicos e a protección social.

Trátase duns orzamentos electoralistas, que non apostan pola creación de emprego nin a mellora da protección social necesaria nesta momento. Son unhas contas públicas hipotecadas pola débeda e condicionadas por un sistema fiscal regresivo, baseados nunha previsión de ingresos irreal e, polo tanto, que non solucionarán os problemas do país.

O orzamento consolidado para o 2016 ascende a 10.310 millóns de euros que representan, na riqueza anual xerada en Galicia, o 18,1 por cento do PIB, é dicir, deixarían moita capacidade de intervención na economía galega.

Por iso, dende UGT-Galicia considérase que outros orzamentos son posibles, outros orzamentos que posibiliten unha saída equilibrada e xusta da crise. Con outra planificación de ingresos que facilite unha política de gasto centrada nas persoas e o emprego; co desenvolvemento dunha economía sostible e competitiva, asentada na maior produtividade e o valor engadido que xere emprego de calidade e un adecuado estado de benestar.

Pola conta, o Goberno galega presenta uns orzamentos electoralistas, expansivos, que aumentan de xeito significativo o gasto e incorpora rebaixas fiscais que non beneficiarán aos galegos ata o ano 2017.

Trátase dun orzamento inxusto porque os ingresos fiscais proveñen da imposición indirecta no 31,5 por cento, gravando por igual ás persoas independentemente da súa renda.

UGT-Galicia tamén desaproba as rebaixas fiscais deste proxecto de orzamentos, que supoñen unha perda de recadación estimada de máis de 140 millóns de euros. Por outra banda, malia que o gasto financeiro da Xunta será de 8.804,4 millóns de euros, non se pode esquecer que son 2.622 millóns menos que en 2009. Dende que goberna Núñez Feijoo o gasto non financeiro da Xunta caeu nun 23 por cento.

Noutra orde de cousas, esta orzamento non vai solucionar o problema máis graves que teñen os galegos, o desemprego. O Goberno opta pola resignación. Dende o 2009 perdéronse en Galicia 117.200 empregos. Segundo o proxecto de orzamentos, o emprego medrará un 1,7 por cento en 2016. É dicir, no mellor dos casos, en dous anos crearanse en Galicia uns 25.000 empregos, pouco máis do 20 por cento dos perdidos.

Non obstante, a redución nun 1 por cento das horas efectivas por persoa traballadora, entre o terceiro trimestre de 2015 e o mesmo período de 2014 dá conta da calidade do emprego que se crea. Valaí o emprego polo que aposta a Xunta.

Que o emprego non é a prioridade do Goberno reflíctese tamén nos orzamentos destinados ás políticas activas de emprego, a pesar de haber máis persoas desempregadas que en 2009, o orzamento é inferior nun 50 por cento ao daquel ano.

Só a falta de vontade política explica que un goberno con máis de 222.000 parados manteña este recorte nas políticas coas que deberían combater esta situación.

Tampouco responde as contas públicas ás necesidade da sociedade galega. Os orzamentos para 2016 son expansivos no gasto, pero menos no gasto social. Tras anos de fortes recortes e retrocesos nos servizos públicos e, nomeadamente, na sanidade e na educación, o proxecto de orzamentos non aproveita o incremento dos gastos para restituír o estado de benestar usurpado durante a crise.

A sanidade e a educación medran por baixo do orzamento, o que implica que perden peso, pasando de supoñer o 55,7 % en 2015 ao 54,9 % en 2016.

Hai partidas que medran, como as destinadas á dependencia ou a risga, pero non o suficiente para suplir os recortes de anos anteriores e, moito menos, para paliar os efectos da crise. O aumento dos recursos na dependencia agocha os recortes nas libranzas para coidados no contorno e, xunto cos recortes do Goberno central, imposibilita a atención das 25.000 persoas que aínda están en lista de espera.

Canto a inclusión social, tamén aumentan os recursos pero non abondan para atender a situación dos case 30.000 fogares galegos onde non entra ningún ingreso.

En definitiva, son uns orzamentos perdidos no eido social, porque os maiores recursos dispoñibles non se destinan a mellorar a vida dos galegos e as galegas.

NON SE RECUPERA O INVESTIMENTO INDISPENSABLE

Os investimentos deixan de ser en 2016 unha das variables de axuste dos orzamentos e medran por vez primeira nos últimos sete anos. Con respecto ao ano anterior, as operacións de capital (investimentos reais máis transferencias de capital) medran en 173,3 millóns de euros, o que equivale a un crecemento do 13,9 %.

Pero esta avaliación positiva torna en negativa se estendemos o período de comparación ata o ano 2009. Nese exercicio, os gastos de capital eran de 2.708 millóns de euros, así que desde entón os investimentos caeron en 1.290,4 millóns de euros: redúcense un 47,8 %. E de negativa pasa a dramática se engadimos que os gastos financeiros no mesmo período medraron un 83,5 %.

Sen investimento público abondo estrangúlase a economía e limítase o crecemento. Sen aposta por novos sectores produtivos e destinando á investigación, desenvolvemento e innovación un ridículo 1,3 % do orzamento (inalterable nos últimos dous anos), Galicia seguirá apostando por sectores de baixo valor engadido e emprego de pouca calidade que desaparece cando a conxuntura non é favorable.

Galicia precisa que desde o sector público se aposte polos sectores produtivos tradicionais, pero tamén por outros novos de maior contido tecnolóxico. Para iso precísanse máis investimentos en infraestruturas de comunicación e transporte, de ordenación do territorio para actividades económicas, investigación ou en desenvolvemento e innovación ou das infraestruturas do medio rural, para capitalizar o país, para medrar e crear emprego de calidade.

ORZAMENTOS HIPOTECADOS POLA DÉBEDA

A renuncia da Xunta a utilizar a súa autonomía fiscal e as cesións ante o inxusto sistema de financiamento imposto por Madrid (irrazoable distribución do déficit público entre as diferentes administracións, Fondo de Cooperación que non cumpre a converxencia, ausencia dunha verdadeira reforma fiscal en todo o Estado) leváronnos a recorrer ao endebedamento para cubrir os ingresos orzamentarios. A crise, coa conseguinte baixada dos ingresos, fixo o resto.

Por esta razón puramente ideolóxica, a Xunta de Galicia disparou o seu endebedamento desde a chegada de Feijóo ao goberno: en marzo de 2009, a débeda pública galega acumulada nos vinte e cinco anos de autonomía era de 3.922 millóns de euros; no segundo trimestre de 2015 elevouse ata 10.210 millóns de euros.

A consecuencia deste fortísimo incremento da débeda é o seu elevado custo, tanto en termos de amortización de principal como en gastos financeiros, que consome cada vez máis recursos do orzamento.

En definitiva, un 16 % do orzamento hipotecado pola débeda, debido a unha decisión ideolóxica do Partido Popular de non impoñer unha fiscalidade máis progresiva e xusta e por non facer política de país fronte ao Goberno central. Un novo orzamento perdido para Galicia por non destinar estes recursos a mellorar as condicións de vida e traballo da cidadanía galega.

OS EMPREGADOS PÚBLICOS SEGUEN PERDENDO

Os empregados e empregadas da Xunta de Galicia seguen perdendo cos orzamentos de 2016. A suba dun 1 % prevista para as súas retribucións non compensa nin de lonxe o recorte de case un 20 % que sufriron os seus salarios desde o 2010 (tanto polas reducións como pola perda de poder adquisitivo, que se producirá unha vez máis en 2016). Pero non paran aquí os recortes: prolóngase outro ano máis o recorte nas pagas extras de 2013 e nos complementos da extra de 2012.

Mantense a prórroga da lei de medidas temporais no emprego público, a aplicación dunha taxa de reposición do 50 % e a redución de emprego público pola vía das interinidades e substitucións. Son as medidas que penalizan os empregados e empregadas públicas, facendo recaer sobre este colectivo boa parte dos recortes orzamentarios.

Os empregados e empregadas da Xunta de Galicia non só perderon capacidade económica, tamén perderon o emprego como consecuencia das políticas de recortes aplicadas polo Partido Popular desde a súa chegada ao Goberno. E concreto, en 2015 hai 10.000 empregos menos ca no 2009. Menos empregos e peores servizos públicos para a cidadanía.

Cando perden dereitos os empregados e empregadas públicas, pérdenos todos os traballadores e traballadoras porque a súa menor capacidade de consumo inflúe na demanda e porque os seus salarios se utilizan como referencia nas negociacións salariais no sector privado.

Fuente: UGT-Galicia