Os datos de paro poñen de relevo a fortaleza do noso mercado de traballo
Melloran a calidade e estabilidade do emprego pero hai que seguir recuperando salarios, implantar canto antes a redución de xornada e reforzar as políticas activas de emprego
Fecha: 04 Mar 2025

Os datos de paro poñen de relevo a fortaleza do noso mercado de traballo
Melloran a calidade e estabilidade do emprego pero hai que seguir recuperando salarios, implantar canto antes a redución de xornada e reforzar as políticas activas de emprego
Santiago, 4 de marzo de 2025.- Os datos de afiliación á Seguridade Social e de paro rexistrado de febreiro publicados hoxe reportan, como adoita ocorrer neste mes, bos resultados no que á creación de emprego refírese, contabilizándose un incremento do número de afiliados á Seguridade Social e unha baixada do desemprego.
Nesta ocasión o aumento mensual de afiliación cífrase en 4.858 de persoas, co que o total de persoas ocupadas afiliadas á Seguridade Social sitúase en 1.071.948. Se o comparamos con febreiro de 2024 hai 16.930 persoas máis afiliadas, un 1,6%, co que o ritmo de creación de emprego mantense.
O paro rexistrado reduciuse en 343 persoas con respecto ao mes anterior, alcanzando un total de 120.977, sendo o dato máis baixo para un mes de febreiro desde 1996. Con respecto ao mesmo mes do ano anterior o paro reduciuse en 9.606 persoas.
Pola súa banda, a calidade e estabilidade do emprego segue mellorando grazas aos cambios que introduciu reforma laboral de 2021, de maneira que a taxa de temporalidade en febreiro foi do 13,88%, 0,29 puntos menos que hai un ano e 13,8 puntos menos que a que se rexistraba en febreiro de 2021, antes da reforma.
Neste segundo mes asináronse un total de 45.327 contratos, 8,62% menos que en febreiro de 2024. Deles, o 36,02% da contratación é indefinida, mentres que antes da reforma este valor roldaba o 10% dos contratos.
Así, os datos expostos poñen de relevo a fortaleza do noso mercado de traballo, mesmo nun contexto de incerteza internacional como o actual, que pode minguar o crecemento potencial das economías europeas. E non só créase máis emprego, senón que este é de maior calidade, en tanto se asenta sobre a figura do contrato indefinido, conformando unhas relacións laborais cada vez máis sólidas e estables.
Seguir na vía da recuperación salarial
Con todo, aínda existen importantes vías de mellora para facer máis eficiente o noso mercado laboral, sendo a recuperación salarial unha das principais. A revalorización do salario mínimo interprofesional ata os 1.184 euros mensuais en 2025 (en 14 pagas) foi, sen dúbida, unha noticia moi positiva, aínda que debe ser complementada coa súa exención total do IRPF ata que non alcancen todos os seus perceptores unha contía equivalente, polo menos, ao 60% do salario medio.
Ademais, este acordo debe de servir de impulso para mellorar tamén as retribucións dos salarios de convenio, de maneira que a subida do salario mínimo interprofesional non comprima o abanico salarial por abaixo e sirva para mellorar a capacidade de consumo de toda a poboación traballadora.
Este aumento salarial é necesario e coherente coa situación de bonanza económica xeral e das empresas no noso país xa que, por cuarto ano consecutivo, as marxes sobre beneficios volven situarse en máximos históricos, polo que non só as empresas teñen capacidade para seguir incrementando salarios, senón tamén para reducir a xornada sen que iso conleve unha rebaixa salarial.
Redución de xornada, desconexión e rexistro horario
Así mesmo, UGT vai seguir pelexando por implantar, canto antes, a xornada laboral de 37,5 horas, un obxectivo esencial para o sindicato cuxo bloqueo non admite ningún tipo de xustificación política nin económica. Dita transformación debe vir acompañada doutras medidas que tamén melloren a calidade do emprego, como o reforzo do dereito á desconexión ou a mellora do rexistro horario.
Por último, a pesar de que os datos de emprego dos últimos meses resultan positivos, tanto en termos cuantitativos e cualitativos, é necesario que estes avances esténdanse a toda a poboación traballadora, polo que se deben seguir reforzando as políticas activas de emprego co obxectivo de combater o paro de longa duración e mellorar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego caeu en 343 persoas con respecto ao mes anterior (0,28%), e no Estado esta cifra tamén baixou, un 0,23%, dun xeito similar ao que sucedeu en Galicia. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 9.606 persoas, un 7,36% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 120.977 persoas, mínimo histórico nun mes de febreiro en Galicia dende 1996.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego, pola contra, subiu, nun 2,78%, e no ano a diminución foi dun 2,89%.
Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 0,64% entre os homes e no caso das mulleres nun 0,02%. No ano baixou o desemprego tamén en ambos casos, o 7,36% entre os homes e o 7,35% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 57,92% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 70.067 mulleres, fronte a 50.910 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes baixa en todos, excepto no colectivo de sen emprego anterior. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 1,67%; na industria, nun 1,72%; nun 1% na construción; en servizos, nun 0,27%. Pola contra, sube entre o colectivo de sen emprego anterior, nun 2,09%. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 12,86% no primario; o 11,22% na industria; o 11,88% na construción; o 6,78% no sector servizos; e o 2,25% entre o colectivo de sen emprego anterior.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 36,02%. Realizáronse en febreiro un total de 45.327 contratos en Galicia. Antes da reforma laboral, no mes de febreiro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 11,46%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 72,5%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 34,4%; na industria, do 25,8%; e no primario, do 64,3%.
En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 74,80%, con 82.523 persoas beneficiarias. Deste total, 34.545 perciben subsidios e 3.051 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 44.927. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.071.948 de media mensual, crecendo un 0,46% no mes e aumentando un 1,6% no ano.