Os avances na creación de emprego mostran que a economía segue crecendo
Os datos de afiliación á Seguridade Social e paro rexistrado correspondentes ao mes de marzo, publicados hoxe, mostran un incremento do emprego e unha redución do desemprego
Fecha: 06 Abr 2026
Os avances na creación de emprego mostran que a economía segue crecendo
Os datos de afiliación á Seguridade Social e paro rexistrado correspondentes ao mes de marzo, publicados hoxe, mostran un incremento do emprego e unha redución do desemprego
Santiago, 6 de abril de 2026.- A afiliación á Seguridade Social crece este mes en 7.644 persoas en comparanza con febreiro, alcanzando 1.095.875 persoas afiliadas. Continuando así en cifras de máximos de afiliación no mes de marzo. Con respecto a hai un ano hai 16.480 persoas ocupadas máis, o que sitúa a taxa de creación de emprego no 1,53%, reflectindo unha notable fortaleza da demanda de traballo e a capacidade de xerar emprego da nosa economía. Aínda que hai que precisar que por debaixo do que sucede no resto do Estado, onde a taxa de creación de emprego foi do 2,5%.
Estas cifras, que reforzan a tendencia positiva dos últimos anos, demostran que a mellora dos dereitos laborais non só aumenta a calidade de vida das persoas traballadoras, senón que impulsa os resultados do conxunto da economía. En contra das formulacións austericidas e neoliberais, que sempre receitan recortes de garantías e de salarios con nefastos resultados (como se comprobou tras a Gran Recesión), a aplicación desde 2018 dunha estratexia diametralmente oposta demostrou a falsedade das predicións liberais. Así, a aposta polo contrato fixo como eixo da contratación, a recuperación de dereitos laborais, o reequilibrio da negociación colectiva e o notable incremento do salario mínimo interprofesional lograron situar á economía española nunha senda de crecemento sostido que se sitúa á cabeza das grandes economías europeas e que está a lograr cifras marca de emprego e mínimas de paro. Estes bos rexistros marcan o camiño para seguir nos próximos anos, que pasa por seguir mellorando os dereitos laborais e a calidade do emprego e por elevar máis os salarios, fonte principal da renda dos fogares que, co seu consumo, sostén a nosa demanda interna.
Pola súa banda, o paro rexistrado experimenta unha caída mensual de 1.388 persoas. En total rexístranse 114.670 persoas en situación de desemprego, a cifra máis baixa para un mes de marzo desde hai 18 anos e un 3,76% inferior á de hai un ano. Este ritmo de redución do desemprego mantense en niveis moi significativos, mesmo tras os descensos acumulados en exercicios anteriores, o que evidencia a persistencia dunha tendencia estrutural de mellora no mercado de traballo.
Durante este mes formalizáronse un total de 57.370 contratos, dos cales 19.317 corresponden a contratos indefinidos, o que supón o 33,67% do total, 18,8 puntos porcentuais máis que en marzo de 2021, previo á entrada en vigor da reforma laboral.
Polo que se refire á temporalidade da afiliación, en marzo situouse no 13,49%, 14 puntos inferior á existente no mesmo mes de 2021, antes da reforma laboral que permitiu mellorar de xeito drástico un dos problemas estruturais máis persistentes do mercado de traballo.
Deste xeito, a evolución favorable da economía segue impulsando a creación de emprego, que segue sendo un obxectivo prioritario, posto que a nosa taxa de paro, a pesar de situarse por baixo do 10%, segue sendo a máis elevada da UE. Así mesmo, o mercado de traballo mostra unha maior estabilidade e calidade como consecuencia dos cambios introducidos pola última reforma laboral, que permitiron incrementar en todo o Estado en máis de 4,7 millóns o número de persoas traballadoras con contrato indefinido desde marzo de 2021, o que reflicte un cambio estrutural relevante no patrón de creación de emprego.
Con todo, a pesar destes avances, persisten retos importantes no mercado de traballo, especialmente no que respecta ás condicións de vida e benestar das persoas traballadoras.
En primeiro lugar, como se mencionou antes, subsiste unha ampla marxe de mellora na redución do desemprego, especialmente no caso do paro de longa duración. É necesario desenvolver unhas políticas activas de emprego máis eficaces, con orientación personalizada, maior dotación de recursos técnicos e humanos dos servizos públicos de emprego, unha carteira de servizos homoxénea entre CCAA e sistemas de avaliación que permitan medir resultados.
En segundo lugar, é clave acometer xa a redución da xornada laboral sen perda salarial, que constitúe unha reforma necesaria para adaptarse aos cambios estruturais do mercado de traballo, que ten amplo respaldo social, e que constitúe unha vía para mellorar a calidade do emprego, a produtividade e as condicións de vida das persoas traballadoras.
Para rematar, resulta imprescindible avanzar en salarios máis xustos e acordes coa evolución da economía e os beneficios empresariais. Aínda que os incrementos salariais de convenio permitiron certa recuperación do poder adquisitivo nos últimos tres anos, a recente guerra iniciada por EEUU e Israel en Irán desencadeou tensións nos mercados enerxéticos que ameazan con erosionar o poder de compra das persoas traballadoras, especialmente de quen percibe salarios baixos. Por iso, resulta imprescindible incluír en todos os convenios colectivos cláusulas de revisión salarial para protexer as subidas pactadas dos aumentos de prezos sobrevindos.
En definitiva, os avances na creación de emprego mostran que a economía segue crecendo e xerando benestar para o conxunto da poboación. No entanto, é imprescindible seguir reforzando as políticas activas, elevar os salarios e aplicar dunha vez a redución da xornada, entre outras medidas, para seguir configurando un mercado laboral máis produtivo, sostible e xusto.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 1,388 persoas con respecto ao mes anterior (1,20%) e no Estado esta cifra tamén baixou, aínda que menos, un 0,94%. O mesmo sucedeu no ano, o desemprego diminuíu, en 4.485 persoas, un 3,76% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 114.670 persoas.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades en canto ao mes pero non no ano, xa que, neste caso, o paro subiu. Así, en relación ao mes anterior, o desemprego baixou entre os menores de 25 anos nun 0,55% e no ano este aumentou nun 7,08%.
Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 1,23% entre os homes e no caso das mulleres nun 1,17%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 4,10% entre os homes e o 3,52% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,11% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 66.636 mulleres, fronte a 48.034 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes baixa en todos, excepto no colectivo de “sen emprego anterior”. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 0,38%; no 0,70% na industria; no 3,42% no sector da construción; e o 1,35% no sector servizos. Pola contra, sube nun 0,71% no colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 6,65% no primario; o 4,62% na industria; o 9,83 na construción; o 2,93% nos servizos; e o 4,24% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.
Territorialmente, o desemprego tamén baixa no mes en todas as provincias, excepto en Ourense, onde sobe nun 0,16%. Baixa o 1,21% na Coruña, 1,49% en Lugo, e un 1,54% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 4,05% na Coruña, 0,81% en Lugo, 1,27% en Ourense e o 5% en Pontevedra.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 33,67%. Realizáronse en marzo un total de 57.370 contratos en Galicia, un 18,52% máis que no mes anterior e un 10,18% máis que no mesmo mes do ano anterior. No mes de marzo de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 14,87%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 69,8%, e no sector primario, do 62%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 31,9%, e na industria, do 25,6%.
En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 62,77%, moi por debaixo do 80,70% do Estado, con 66.114 persoas beneficiarias. Deste total, 22.893 perciben subsidios e 62 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 43.159. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.095.875 de media mensual, subindo o 0,70% no mes e aumentando un 1,53% no ano. Rexistrándose así un máximo nun mes de marzo de afiliación á Seguridade Social.