O voceiro de En Marea visita a sede de UGT-Galicia e reúnese co seu secretario xeral

Fecha: 27 Oct 2016

O voceiro de En Marea, Luís Villares, acompañado polo deputado Manuel Lago, visitaron hoxe a sede de UGT-Galicia e mantiveron unha xuntanza co seu secretario xeral, José Antonio Gómez, que estaba acompañado dos membros da Executiva Mónica Rodríguez e José Carlos Rodríguez.

Nesta xuntanza, celebrada a petición de En Marea, falouse dos problemas da xente e da cidadanía e existiu un alto grado de coincidencia en que, máis aló de que haxa recuperación macroeconómica, a situación das familias segue a ser moi mala, resaltou José Antonio Gómez á saída da xuntanza nun encontro mantido cos medios de comunicación.

Indicou que “acabamos de coñecer os datos da EPA e que o que evidencian é que se consolida nesta recuperación o binomio pobreza laboral. O emprego que se crea é precario e de carácter estacional, emprego de mala calidade, cada vez máis parcialidade involuntaria e as retribucións diminúen constantemente. Hoxe ter un traballo xa non significa saír do círculo da pobreza, máis de 70.000 familias teñen todos os membros no paro e isto é insostible”.

Por todo isto, Gómez salientou que neste cambio de ciclo político o que demandamos dende UGT é que ese crecemento se aproveite para mudar as políticas. A Xunta ten competencias en materia de emprego e non pode escusarse. Están aí os orzamentos de 2017 e a primeira medida que debería tomar en materia de emprego é exercitar as competencias en materia de políticas activas de emprego a través dos orzamentos. Non pode ser que se reduciran os orzamentos máis do 30 por cento nos últimos catro anos.

Ademais disto, urxe mellorar o deterioro brutal que se rexistra en materia de dependencia, educación ou sanidade. Hai que rematar xa cos contratos lixo no eido sanitario, concluíu.

Pola súa banda, Villares destacou que a defensa dos intereses dos traballadores e persoas en situación de desemprego é o primeiro escalón para a defensa dos intereses de Galicia, por isto é necesaria unha colaboración continua co mundo sindical, que hoxe se escenifica con esta xuntanza con UGT.

Fuente: UGT-Galicia