O sector de coidados persoais necesita investimento para ter traballo decente

O luns 7 de outubro de 2019 as organizacións sindicais agrupadas ao redor da Confederación Sindical Internacional (CSI), como UGT, celebraremos a 12ª Xornada Mundial polo Traballo Decente que este ano ten como lema “Investir en Coidados para a Igualdade de Xénero”. O Manifesto elaborado por CSI, e que comparte con outras organizacións sindicais internacionais, afirma que esta mobilización quere render “homenaxe aos traballadores e traballadoras do sector de coidados e esiximos condicións xustas no seu traballo a través de recoñecemento, salarios dignos, igualdade de remuneración por traballo de igual valor e contornas de traballo seguros e saudables que estean libres de discriminación, violencia e acoso”. Investimento, factor crave 

Algunhas investigacións, segundo CSI, demostraron que “investir o equivalente ao 2 por cento do PIB na economía de coidados xeraría millóns de empregos de calidade, axudaría a reducir a diferenza de xénero no emprego e reduciría as desigualdades de xénero no traballo remunerado e non remunerado”. Para UXT son as políticas públicas o factor crave para elevar os coidados persoais –tanto no relativo ao envellecemento da poboación, como a atención a persoas en situación de dependencia- ao estándar de dignidade e calidade con que naceron aspirando a ser o cuarto alicerce do Estado de Benestar, e que se frustrou ao priorizar os intereses do capital privado que obtén cuantiosos beneficios da subcontratación, e a precarización extrema das condicións de traballo. 

Adicionalmente, para UGT é prioritario acometer cantas medidas sexan necesarias para liberar ás mulleres dunha responsabilidade nas tarefas de coidados herdadas dun patriarcado anacrónico e inxusto que debe ser desterrado de sociedades que aspiran a sustentarse sobre valores de xustiza, igualdade, e democracia. Para o Sindicato, as tarefas de coidados que asumen de forma moi maioritaria as mulleres teñen un custo en termos humanos e económicos que debe asumir a sociedade de forma igualitaria e con cantos recursos públicos sexan necesarios para que cheguen a todos, fágano con equidade, coa calidade necesaria e liberando á metade da sociedade desa silente escravitude.

Fuente: UGT-Galicia