O secretario xeral de UGT-Galicia apunta ao emprego de calidade, recuperación do estado de benestar e a defensa dos servizos públicos e protección social como os eixos sobre os que debe pivotar a recuperación

Fecha: 19 Jul 2016

Unha vez proclamados os resultados da elección da nova Comisión Executiva de UGT-Galicia, que desenvolverá a xestión do Sindicato de cara aos vindeiros anos, tivo lugar no Pazo de Congresos de Santiago o acto de clausura do 12º Congreso de UGT-Galicia.

Neste acto interviñeron, en representación de UGT-Portugal, Osvaldo Pinto; o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández; o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez; e, finalmente, pechou o acto o recentemente reelixido secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez.

Precisamente, este último, abriu a súa intervención indicando que despois deste 12º Congreso “toca poñernos a traballar”. Apuntou ás eleccións sindicais, representación e afiliación como as tres liñas prioritarias de traballo nas que hai que incidir dende xa porque esta debe ser a base e o sustento da Organización.

Recoñeceu que os tempos foron malos e resulta difícil loitar pola redistribución xusta da riqueza ou por uns servizos públicos de calidade neste contexto, non obstante, o Sindicato está convencido de que as cousas poden facerse doutro xeito.

No eido interno, neste Congreso veñen de aprobarse uns cambios organizativos que nos van dar un Sindicato mías áxil e eficaz, máis próximo aos traballadores. Engadiu que será un modelo organizativo máis operativo, cunha xestión máis participativa. Achegará máis o Sindicato ás empresas, ao centro de traballo.

E, precisamente, este novo modelo organizativo, no que se pasa de sete a tres federacións, máis sectorializadas, servirá tamén para, no eido externo poder facer un mellor traballo que vai desenvolverse baixo a filosofía de que “hai outro xeito de saír da crise”.

Neste senso, en relación a Galicia, fixo fincapé en que “non nos vale de nada ser alumnos aventaxados en materia de axuste fiscal”. Porque isto supón máis sacrificios e perda de dereitos para a cidadanía. É un esforzo estéril e inútil que só beneficia a uns poucos.

O que si tería que facer, xa, o Goberno da Xunta é articular un plan polo emprego que garanta a creación de postos de traballo de calidade e o fin da cronificación da situación de desemprego que están a padecer moitos galegos; un plan de políticas activas de emprego con este mesmo fin pero dotadas de partidas orzamentarias que as fagan operativas xa; atender a situación de xeito urxente dos máis mozos e dos maiores de 55 anos que están en desemprego; garantir os investimentos produtivos; traballar polo mantemento e a mellora da situación da industria que ten Galicia; e apostar por outro modelo produtivo, en definitiva, a Xunta ten que loitar por outro modelo que garanta a reactivación da economía porque este vai ser o único xeito de permitir a creación de emprego de calidade.

Aglutinando todos os esforzos, as liñas de demanda e traballo do Sindicato van xirar ao redor de tres eixos fundamentais: emprego de calidade; estado de benestar; e protección social e servizos públicos.

Concluíu a súa intervención ratificándose en que vai abordar este nova etapa con ilusión, traballo e sen caer en ningún momento na desesperanza e a resignación porque a sociedade e os traballadores contan co Sindicato para construír unha realidade máis xusta.

SER A VOZ DOS QUE MENOS TEÑEN E DOS QUE PEOR OS ESTÁN A PASAR

Pola súa banda, o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, insistiu na súa mensaxe de que o Sindicato ten que elevar a bandeira de poñer voz aos problemas dos traballadores e do país en xeral. Ser a voz dos que menos teñen.

Coincidiu con José Antonio Gómez en que o cambio organizativo que está a abordar o Sindicato vai servir para que a acción sindical chegue máis aos traballadores.

Tamén resaltou a importancia da aposta pola transparencia, emanada das resolución que saíron dos Congresos, unha aposta que xa se traduciu na creación da Comisión de seguimento do código ético.

Apuntou a un dos traballos fundamentais nesta nova etapa que vai ser recuperar o prestixio social do Sindicato. Vanse poñer enriba da mesa as medidas necesarias para que nunca máis ninguén poida cuestionar a ética e o xeito de actuar do Sindicato. Aínda que tamén recoñeceu que nestes últimos anos UGT sufriu un maltrato, moitas veces inxusto, por parte certos medios de comunicación.

Quixo deixar ben claro que quitarlles subvencións aos sindicatos dende as administracións é quitarlles dereitos aos traballadores en xeral. Son os sindicatos os que negocian os convenios para todos os traballadores, defenden os seus dereitos e fan a acción sindical do día a día nas empresas ou nas grandes reivindicacións no eido social e laboral.

Insistiu na urxencia de derrogar as reformas laborais e non se admiten modificacións. Hai que ir a unha derrogación absoluta porque só fixeron dano ao mercado laboral e foron totalmente estériles e inútiles para crear emprego de calidade. Ademais, romperon o equilibrio que historicamente existiu na negociación entre traballadores, empresas e administracións.

Neste senso, e de cara ao vindeiro proceso electoral, demandou que, para UGT, é imprescindible que nos programas que presenten os partidos políticos apareza explicitamente recoñecida a intención de derrogar as reformas.

A necesidade de retomar o contrato relevo tamén foi outra das demandas propostas. Pola súa dobre vía de achega ao mercado laboral. Por unha banda, garantiría un futuro digno para os máis maiores e, por outra, garantiría novos postos de traballo para os máis mozos.

Insistiu en que UGT non vai aceptar nunca máis a escusa de que non hai diñeiro para abordar as reformas necesarias para axudar ás familias a saír da crise. Neste senso, demandou unha persecución firme e efectiva da fraude fiscal que beneficiaría, e moito, ás arcas públicas, o que permitiría investir alí onde é máis necesario.

En moitas das liñas das intervencións dos secretarios xerais coincidiu o presidente do Consello

Galego de Relacións Laborais que fixo unha importante defensa dos sindicatos e cualificou como imprescindible a súa operatividade para o conxunto da sociedade. Neste senso, apostou por un sistema de financiamento suficiente que lles permita desenvolver a acción, xestión e defensa da clase traballadora cun mínimo de dignidade. Considera que o Sindicato precisa dun financiamento público efectivo e suficiente porque fai unha función pública transcendental para calquera sociedade.

Coincidiu cos secretarios xerais en que urxe a derrogación das relacións laborais que tanto dano fixeron aos traballadores e, concretamente, á negociación colectiva. Afirmou que nunca houbo menos mesas abertas de negociación de convenios, salarios tan baixos e inaplicación de convenios.

DÚAS RESOLUCIÓNS DE URXENCIA EN DEFENSA DOS TRABALLADORES DE LINORSA E DO SECTOR INDUSTRIAL

No transcurso do desenvolvemento da clausura do Congreso tamén se presentaron á Mesa dúas propostas de resolución de urxencia. Unha delas referida a Linorsa na que se demandou a defensa dos seus traballadores, uns 2.500 en Galicia, que xa non aguantan máis á asfixia á que están sendo sometidos co impago de nóminas ao estar a empresa nunha situación de concurso de acreedores. Como posible solución inmediata a Federación de Servizos (FES-UGT) demandou que asuman outras empresas a xestión e o cadro de persoal.

A outra resolución, presentada pola federación de Metal, Construción e Afíns (MCA-UGT), demanda apoio aos sectores industriais de Galicia. Facendo unha mención especial ao naval e ás industrias electrointensivas que se están a ver prexudicadas por un sistema do prezo da enerxía que limita a súa competitividade.

Fuente: UGT-Galicia