O salario medio anual das mulleres galegas é un 22 por cento inferior ao dos homes
Fecha: 21 Feb 2018

Con motivo da celebración mañá, día 22, do Día pola igualdade salarial, UGT-Galicia ven de publicar un informe no que se constata que a brecha salarial persiste porque se infravalora o traballo das mulleres. UGT-Galicia considera que chegou o momento de esixir unha lexislación específica que reforce as vías de eliminación de discriminación cara ás mulleres, xa prohibidas nos sucesivos Tratados da Unión Europea e na maioría das lexislacións europeas. A vía máis disuasoria para a eliminación das brechas salariais pasa por sancións exemplares de idéntica contía á que as empresas deixaron de pagar ás mulleres, ademais de reparar ás mulleres polas contías que deixaron de percibir.
UGT-Galicia insiste en que esta é a tendencia lexislativa que se está a adoptar xa na nosa contorna. Países como Alemaña veñen de aprobar recentemente unha Lei de igualdade salarial para corrixir estas diferenzas que son o resultado da confluencia dunha serie de discriminacións cara ás mulleres que acceden a un emprego remunerado, que teñen a súa orixe en outorgar un valor inferior aos traballos desempeñados por mulleres.
AS MULLERES GALEGAS PARA PERCIBIR O MESMO SALARIO QUE OS HOMES TERÍAN QUE TRABALLAR 71 DÍAS MÁIS AO ANO
Entrando xa de cheo cos datos que arroxa o informe publicado hoxe por UGT-Galicia, este constata que as mulleres galegas perciben un salario medio anual inferior nun 21,98 por cento ao dos homes, o que supón que para percibir o mesmo salario terían que traballar 71 días máis ao ano.
Ademais, esta situación, lonxe de corrixirse, agudízase. De feito, a brecha en Galicia é 0,17 puntos superior á do ano 2010. No contexto de aparente recuperación económica, as mulleres volven saír prexudicadas, recaendo sobre elas en maior medida a precariedade xeneralizada do mercado laboral.
AS GALEGAS PERCIBEN UN SALARIO MEDIO SIMILAR AO QUE PERCIBÍAN OS HOMES NO 2005
Deste xeito, a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres foi en termos absolutos no 2015 (último dato dispoñible na Enquisa anual de estrutura salarial) de 5.096,50 euros. A realidade é abafadora, as mulleres galegas perciben no 2015 un salario medio similar ao que percibían os homes no 2005.
Se se atende á ganancia media por hora traballada, segundo os datos do INE do ano 2015, as mulleres perciben unha retribución un 14,2 por cento inferior á dos homes. Só teñen por detrás ás canarias, murcianas e estremeñas.
GALICIA É A QUINTA AUTONOMÍA CO SALARIO MEDIO ANUAL FEMININO MÁIS BAIXO
Segundo as comunidades autónomas, o salario medio anual das mulleres galegas é un 9,8 por cento inferior ás do conxunto do Estado. Galicia é a quinta autonomía onde o salario medio anual das mulleres é máis baixo.
Os ingresos medios das galegas, 18.093,26 euros, foron 1.958,32 euros inferiores á media estatal. Destacan as diferenzas coas mulleres do País Vasco, que son dun 23,1 por cento, ou coas madrileñas, dun 22,9 por cento.
OS COMPLEMENTOS SALARIAIS, UNHA DAS CLAVES QUE EXPLICAN A BRECHA
Á vista da realidade analizada, os complementos salariais son unha das claves que explican a diferenza salarial entre homes e mulleres. De feito, o peso que teñen os complementos no caso do salario bruto anual dos homes é de 762,66 euros máis que o das mulleres, o que supón unha brecha do 27,8 por cento.
DE CADA TRES PERSOAS QUE PERCIBEN SALARIOS POR DEBAIXO DO SMI, DÚAS SON MULLERES
Outro indicador certamente negativo e que evidencia esta lacra da diferenza salarial entre homes e mulleres, é que dúas de cada tres persoas que perciben salarios por debaixo do SMI son mulleres, o 69,37 por cento.
O Sindicato considera que as subas do SMI para os próximos anos acordadas polos interlocutores sociais e validadas polo Congreso o pasado 6 de febreiro poden mellorar lixeiramente a situación das mulleres, xa que son case o 70 por cento das que perciben, como máximo, o SMI. A suba nos aproxima ao obxectivo de acadar o 60 por cento do salario medio, tal e como ratificou España na Carta Social Europea, aínda que somos conscientes de que é insuficiente e que no 2020 haberá que revisar este acordo. E, para non agardar tanto, UGT aposta porque nas mesas de negociación colectiva se esixan salarios mínimos de convenio de 1.000 euros ao mes.
Por sectores, a brecha salarial é maior nos que hai maior presenza feminina, exceptuando o da educación, onde a brecha é do 9,34 por cento.
En sectores de actividades administrativas e servizos sociais a brecha é dun 33,99 por cento; no de outros servizos, dun 33,73 por cento; actividades inmobiliarias, cun 32,73 por cento; ou de actividades sanitarias e de servizos sociais, cunha brecha dun 27,23 por cento.
BRECHA SALARIAL POR SECTORES EN GALICIA
En Galicia, noutros sectores no que a presenza da muller é menor, como a industria, a brecha é dun 28,09 por cento. De feito, é Galicia a terceira comunidade autónoma cunha brecha máis elevada neste sector. No sector servizos, a brecha en Galicia é dun 20,97 por cento.
Se a comparativa se fai entre o privado e o público, as diferenzas son abismais. No público a brecha é dun 5,9 por cento, fronte ao 26,8 por cento das empresas de control privado.
Detrás destas desigualdades tamén están as modalidades de contratación. É evidente que a contratación indefinida garante uns salarios máis elevados, onde o número de mulleres é inferior.
No 2015 houbo en Galicia 308.100 homes con contratos indefinidos, fronte a 288.600 mulleres, cunha brecha dun 24,2 por cento. Pola contra, houbo 97.900 homes con contrato de duración determinada, fronte a 105.600 mulleres, aquí a brecha baixa ata o 9,3 por cento.
Os salarios dos contratos temporais, onde as mulleres son maioría, son moi inferiores aos de duración indefinida.
A MAIOR IDADE, MAIOR BRECHA SALARIAL
No informe tamén se constata que, a maior idade, maior brecha salarial. Basicamente, porque a temporalidade diminúe e fenda e a temporalidade é moito máis elevada nas idades novas. As mulleres maiores de 45 anos sofren brechas, do 25,2 por cento nas mulleres de 45 a 54 anos; e do 24,2 por cento, no de máis de 55 anos. Por exemplo, entre os 25 e 34 anos a brecha baixa ao 12 por cento, polo efecto temporalidade.
UN HOME CON ESTUDOS PRIMARIOS PERCIBE DE MEDIA MÁIS DE 18.400 EUROS AO ANO E UNHA MULLER NON SUPERA ESTE NIVEL RETRIBUTIVO ATA TER UNHA DIPLOMATURA
Por nivel de estudos, obsérvase que unha muller non percibe un salario superior aos 18.400 euros ata ter unha diplomatura universitaria ou similar. Os homes xa perciben esta cantidade, de media, con estudos primarios.
A brecha salarial supera o 25 por cento en todos os niveis de estudos, excepto no caso de ter unha licenciatura, doutoramento ou similar, onde a brecha é dun 18,9 por cento, cunha diferenza de 6.553,11 euros ao ano.
AS GRANDES PREXUDICADAS NO DESEMPREGO E NAS PENSIÓNS
Todo isto trae consecuencias de cara ás prestacións por desemprego e á xubilación. No primeiro caso, as beneficiarias son menos, aínda existindo máis mulleres desempregadas que homes, e a contía que perciben é inferior nun 14,3 por cento.
Isto débese ás escasas cotizacións, tanto en termos temporais como monetarios, derivada esta situación das súas condicións de contratación e salario.
En materia de pensións, as diferenzas repítense, en cantidade e contías. A brecha das pensións en Galicia é de 37,7 puntos, 5.556,74 euros menos ao ano. Onde si existe unha diferenza a favor das mulleres é no caso das pensións de viuvez cun importe medio moi baixo, de 564,58 euros. Se ben non se pode esquecer que a maior parte dos homes que perciben esta pensión a compatibilizan coas rendas do traballo ou con outra pensión do sistema, mentres que no caso das mulleres o habitual é que esta pensión sexa a súa única fonte de ingreso.
AS MULLERES GALEGAS PERCIBEN A PENSIÓN DE XUBILACIÓN MÁIS BAIXA DE TODO O ESTADO
326.013 mulleres galegas perciben prensións de xubilación inferiores ao SMI, fronte a 153.976 homes. De media, as mulleres galegas perciben a pensión de xubilación máis baixa de todo o Estado.
Ademais, co paso do tempo a situación agudízase. No 2002 a diferenza entre a pensión de xubilación dun home e dunha muller en Galicia era de 188,48 euros. No 2017 esta diferenza elévase ao 396,91 euros.
Tamén destaca o feito de que o 77,1 por cento das pensión non contributivas de xubilación son percibidas por mulleres, sendo o importe medio das mesmas de 365,48 euros.
URXE UNHA LEI DE IGUALDADE SALARIAL QUE INCLÚA O CONCEPTO DE TRABALLO DE IGUAL VALOR
Por todo isto, UGT-Galicia esixe a aprobación dunha Lei de Igualdade Salarial, que inclúa o concepto de “traballo de igual valor” e que ademais recolla sancións exemplarizantes para que a igualdade salarial entre mulleres e homes sexa un feito.
Todo iso, para alcanzar o cumprimento do Tratado da Unión Europea, da Constitución Española e do Estatuto dos Traballadores. Así mesmo pedímoslle ao Goberno que traslade á nosa normativa interna, as recomendacións de cantas normas e recomendacións no ámbito internacional e europeo avogan pola igualdade salarial entre mulleres e homes. En especial as Recomendacións da Comisión Europea en materia de igualdade de retribucións, aprobadas nos anos 2013 e 2014, cuxo nivel de detalle, de ser postas en práctica, permitiría avanzar na eliminación das discriminacións salariais por razón de xénero.
Esiximos, que en cumprimento do art. 20 da Lei de Igualdade Efectiva entre Mulleres e Homes, as estatísticas sobre salarios inclúan cada vez maior información: maior número de variables analizadas e para todos os todos os territorios de España, que nos permitan realizar unha análise exhaustiva dos salarios reais que perciben mulleres e homes e as súas diferenzas.
UGT-GALICIA CHAMA Á CIDADANÍA GALEGA A SECUNDAR A FOLGA DE DÚAS HORAS POR QUENDA DO 8 DE MARZO PORQUE SOBRAN AS RAZÓNS
Á vista da realidade que describe o informe, sobran as razóns para denunciar que existe discriminación laboral das mulleres e que hai que rematar xa con esta lacra. Por iso, UGT-Galicia reitera o seu chamamento á cidadanía galega a participar nas mobilizacións e secundar a folga de dúas horas por quenda do 8 de marzo contra a violencia machista, a brecha salarial e a precariedade laboral das mulleres.
NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É A SECRETARIA DE IGUALDADE, XUVENTUDE E MOVEMENTOS SOCIAIS, MÓNICA RODRÍGUEZ. TELÉFONO: 628470657.