O Primeiro de Maio debe ser un berro polo pleno emprego, menos xornada e mellores salarios

O secretario xeral de UGT-Galicia e a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia presentaron hoxe as reivindicacións e os actos que ambos sindicatos teñen programados de cara ao Primeiro de Maio que este ano vaise celebrar baixo o lema “Polo pleno emprego: menos xornada e mellores salarios"

Fecha: 24 Abr 2024

Primeiro Maio24

UGT e CCOO presentan o Primeiro de Maio en Galicia que este ano vaise celebrar baixo o lema “Polo pleno emprego: menos xornada, mellores salarios”



 

Santiago, 24 de abril de 2024.- O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, presentaron hoxe en rolda de prensa en Santiago as reivindicacións e os actos que ambos sindicatos teñen programados de cara ao Primeiro de Maio que este ano vaise celebrar baixo o lema “Polo pleno emprego: menos xornada, mellores salarios”.

Nesta rolda de prensa o secretario xeral de UGT-Galicia indicou que a lexislatura pasada foi unha lexislatura de reformas e avances nos que hai que seguir profundando nestes novos anos de xestión porque aínda queda moito por facer.

Aínda que a reforma laboral mellorou a calidade do emprego, as taxas de desemprego seguen a ser elevadas e hai que seguir traballando de cara ao pleno emprego. Engadiu que ambos sindicatos, nesta liña de traballo, apostan pola redución da xornada laboral, camiñar cara as 37,5 horas, e todo isto acompañado de mellores salarios porque a situación económica e os amplos beneficios empresariais así o permiten.

Tamén fixo fincapé no proceso de eleccións que está ás portas na UE. Ante o que os países da Unión e os seus traballadores e traballadoras xóganse moito, ou manter as políticas expansivas e de protección social e económica ou volver ás políticas de austeridade que tan malos resultados deron no pasado.

Gómez describiu un escenario económico no que se rexistran, tanto en España como en Galicia, sendos crecementos económicos, por enriba incluso do conxunto da UE, unha situación que debería permitir seguir mellorando as condicións laborais dos traballadores e traballadoras e situar a meta no pleno emprego.

Neste contexto, marcado ademais pola chegada dos fondos europeos, hai que apostar por un novo modelo industrial e enerxético. Pero todo isto debe facerse mediante o consenso, neste senso, indicou que ambos sindicatos saúdan a proposta realizada pola Xunta para un pacto pola enerxía e a industria. Así, adiantou que UGT comprométese a traballar, no marco do diálogo social, neste pacto por unha Galicia mellor.

En materia de emprego, Galicia segue a rexistrar algúns valores peores que as medias do Estado, como nas taxas de afiliación á Seguridade Social ou taxas de actividade, polo que, tamén no marco do diálogo social, insistiu en que UGT aposta por potenciar os servizos públicos de emprego e mellorar as políticas activas de emprego.

A aposta pola revitalización do diálogo social en Galicia, que tan bos resultados deu no Estado, ten que ser clara e nesto vai traballar o Sindicato, aclarou José Antonio Gómez.

Tamén amosou a súa preocupación polo que está a suceder en materia de sinistralidade laboral, con cifras inasumibles, polo que urxe reforzar as políticas nesta materia e comezar a traballar xa nun cambio da Lei de Prevención porque o mundo do traballo mudou moito nos últimos anos e a lexislación ten que adaptarse a estes cambios.

Outras materias pendentes son a redución da xornada, cara as 37,5 horas; avanzar na xubilación parcial e no contrato relevo.

Finalmente, lembrou que neste Primeiro de Maio haberá mobilizacións na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e que o acto central será na cidade herculina.

 

MANIFESTO

 



 

Fuente: UGT-Galicia