O paro increméntase en Galicia no sector público en máis dun 45 por cento con 4.100 desempregados máis
Fecha: 28 Abr 2017

Dende a FeSP-UGT de Galicia denunciamos, cos datos da EPA diante, os altos niveis de destrución de emprego, temporalidade e rotación que afectan a moitas das persoas que traballan ou traballaron no sector público.
DENDE O 2010 HAI 21.100 TRABALLADORES MENOS NO SECTOR PÚBLICO GALEGO
A destrución de emprego público se evidencia a través dos datos oficiais do INE. No ano 2010 Galicia contaba no seu sector público con 194.000 persoas empregadas. Agora contamos con 173.900 (21.100 persoas menos), con peores salarios e con menos dereitos.
En canto ao paro, os datos do T I do ano 2017 amosan unha suba moi significativa a costa das persoas do sector público que perderon o seu emprego.
O INE nos di que entre o T IV do ano 2016 e o TI do ano 2017 medra o número de parados en 4.100 persoas no sector público galego. Pecharon o ano pasado 9.000 destas persoas no paro e xa son 13.100 as que, tres meses despois, pechan este T I do 2017. Estamos pois ante un aumento do 45,56% . Con respecto ao mesmo trimestre (T I) do ano 2016, o incremento supón tamén unha cifra moi alta, o 11,02%
O INE NON CONTABILIZA AOS DESEMPREGADOS QUE VEÑEN DO SECTOR PÚBLICO E LEVAN MÁIS DUN ANO NO PARO. AS CIFRAS REAIS AÍNDA SERÍAN MÁIS ELEVADAS
Pero dende as oficinas do INE alértannos aínda máis cando nos din que estes datos só se corresponden a enquisas feitas a persoas desempregadas que levan menos de 365 días paradas, pois o INE afirma que xa non contabiliza neste apartado aos parados de longa duración, polo tanto, o número de persoas desempregadas en Galicia que chegaron a esta situación dende un emprego do sector público é moi superior (o 50% dos desempregados levan máis dun ano parados)
A TEMPORALIDADE NO SECTOR PÚBLICO GALEGO SUPERA O 22 POR CENTO
Outro dato que nos parece moi negativo é o da temporalidade. No T I do ano 2010 a temporalidade era dun 22,7% cun número de efectivos con contrato temporal que superaba os 44.000 . Neste mesmo trimestre do ano 2017, con 6.000 temporais menos, a taxa de temporalidade segue a superar o 22% (22,2%), o que manifesta ben ás claras que a destrución e a rotación é elevadísima tamén no emprego do sector público galego.
A proposta da FeSP- UGT de Galicia non pode ser outra: logo da posta en marcha do Acordo para a Mellora do Emprego Público que asinamos co Goberno do Estado hai escasamente un mes, a Administración ten que iniciar xa unha verdadeira negociación coas organizacións sindicais máis representativas para poñer en marcha unha OPE excepcional que permita recuperar emprego público neto en sanidade, ensino, autonómica e administración local (o proceso na Administración do Estado terá que articularse a través dos ministerios correspondentes) e rematar cos altísimos datos de temporalidade.
As Administracións públicas teñen que cumprir o mandato do Acordo Estatal para a mellora do emprego e co pactado coas organizacións sindicais para recuperar emprego de calidade no sector público.
NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É DOMINGO BARROS (FeSP-UGT). TELÉFONO: 679451570.