O paro continúa cebándose coas mulleres e cos máis mozos
Fecha: 02 Mar 2018

Os datos do paro rexistrado facilitados hoxe polo INE evidencian que, aínda que baixa timidamente o desemprego, este segue afectando máis ás mulleres que aos homes. Os mozos, os menores de 25 anos, tamén volven a ser diana do desemprego que baixa no conxunto de idades pero medra un 2,7% entre os mozos galegos.
Ademais, UGT-Galicia pon de manifesto que a precariedade continúa cebándose co mercado laboral galego, no que tan só o 10,63% dos contratos asinados foron indefinidos, e coas persoas desempregadas, xa que as taxas de cobertura por desemprego rexistraron unha nova caída anual e xa non superan o 55,7%.
URXE DERROGAR A REFORMA LABORAL QUE DANA E PRECARIZA O MERCADO DE TRABALLO
Para UGT-Galicia, urxe derrogar xa unha Reforma Laboral que está a danar moi seriamente ao mercado de traballo dende o ano 2102, mermandoo e precarizándoo. Unha economía que medra a un ritmo do 3,1% non pode permitirse estas cifras de desemprego e precariedade. É evidente que segue habendo unha fonda crise de emprego e que non se está facendo partícipe da recuperación económica ás familias galegas.
Entrando polo miúdo nas estatísticas, estas indican que en Galicia no mes de febreiro o desemprego caeu nun 0,88%, habendo así 188.207 persoas desempregadas, 1.679 menos que no mes de xaneiro.
En termos interanuais, a contracción foi do 11,2%, 23.717 persoas desempregadas menos.
Por sexos, as mulleres seguen a ser as máis prexudicadas, non conseguen entrar no camiño da tímida mellora da economía. Mentres entre os homes o desemprego caeu no mes nun 1,4%, no caso das mulleres o fixo tan só nun 0,5%. De feito, estas representan o 56,4% do total das persoas desempregadas que hai en Galicia. É dicir, 82.033 homes desempregados, fronte a 106.174 mulleres. En termos interanuais compróbase tamén esta fonda brecha por sexos. O desemprego cae entre os homes nun 14,7%, fronte á baixada dun 8,3% das mulleres.
Outro colectivo que sofre dun xeito máis incisivo as carencias do mercado laboral galego son os máis mozos, os menores de 25 anos. Neste caso, o desemprego medrou no mes nun 2,7%, evolución contraria á rexistrada no conxunto de idades. No ano a baixada foi inferior tamén ao resto de idades, de tan só un 9%.
Por sectores de actividade, o paro caeu en todos, excepto no colectivo de sen emprego anterior, onde medrou nun 1,3%. No que máis se contraeu foi no sector da construción, o 2,5%, na industria baixou un 1,6%, nos servizos un 0,8% e na agricultura un 0,4%.
Interanualmente, o descenso máis acusado foi na construción, cunha baixada dun 23,3%; na industria, un 15,1%; no sector primario, cunha baixada dun 13,1%. Pero, en termos absolutos, a maior contracción rexistrouse no sector servizos, no que baixou o desemprego en 12.343 persoas.
Segundo os datos de contratación, asináronse 69.200 contratos no mes, baixando esta en 11.070 contratos en relación a xaneiro. Do total de contratos asinados, tan só o 10,63% foron indefinidos.
CASE 93.000 DESEMPREGADOS SEN COBERTURA
UGT-Galicia denuncia que a cobertura por desemprego continúa baixo mínimos. O número de beneficiarios de prestacións foi en xaneiro (último dato dispoñible) de 97.226 persoas, 7.325 menos que hai un ano. Queda así a taxa de cobertura nun 55,7% (59,2% no resto do Estado), deixando fóra do sistema a 75.803 desempregados. Cifra que ascende aos 92.660 se se teñen en conta tamén ás persoas desempregadas que non teñen dereito á cobertura.
A GRAN MAIORÍA DA COBERTURA POR DESEMPREGO É DE CARÁCTER ASISTENCIAL
A precariedade no desemprego afecta non só pola cantidade de persoas que están á marxe do sistema de protección, senón pola contía das prestacións. Tan só 43.792 persoas son beneficiarias de prestacións por desemprego de carácter contributivo, o 45% do total, cun importe medio de 792,9 euros ao mes. Pero a gran maioría da cobertura por desemprego é de carácter asistencial, ben sexa por subsidios (41.893); renda activa de inserción (9.256); ou programa de activación do emprego (2.285).
Finalmente, en termos de afiliación á Seguridade Social os datos non son bos tampouco. En febreiro a afiliación foi de 978.489. Seguimos afastados do millón de afiliados que se rexistraban antes da crise.
| GALICIA | Febreiro 2018 | VARIACIÓN SOBRE | ||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
| Mes anterior | Mesmo mes ano anterior | |||||
| nº | % | nº | % | |||
| DESEMPREGO | ||||||
| Nº desempregados rexistrados | 188.207 | -1.679 | -0,9 | -23.717 | -11,2 | |
| * homes | 82.033 | -1.158 | -1,4 | -14.163 | -14,72 | |
| * mulleres | 106.174 | -521 | -0,5 | -9.554 | -8,26 | |
| Nº parados mozos < 26 anos | 9.136 | 244 | 2,7 | -903 | -9,0 | |
| Nº desempregados por sectores* |
|
|
|
|
| |
| * agricultura | 7.077 | -25 | -0,4 | -1.063 | -13,1 | |
| * industria | 21.287 | -343 | -1,6 | -3.784 | -15,1 | |
| * construción | 17.825 | -461 | -2,5 | -5.402 | -23,3 | |
| * servizos | 126.480 | -1.048 | -0,8 | -12..343 | -8,9 | |
| * sen emprego anterior | 15.538 | 198 | 1,3 | -1.125 | -6,8 | |
| Beneficiarios prestación por desemprego (xaneiro) | 97.226 |
| ||||
| Taxa de cobertura prestación por desemprego (xaneiro) | 55,70 | |||||
| Parados totais sen ningún tipo de prestación (xaneiro) | 92.660 | |||||
| CONTRATACIÓN |
|
|
|
|
| |
| Nº contratos | 69.200 | -11.070 | -13,8 | 6.877 | 11,0 | |
| Nº contratos indefinidos (inclúe transformación de contratos en indefinidos) | 7.355 | -256 | -3,4 | 1.007 | 15,9 | |
| Nº contratos temporais | 61.845 | -10.814 | -14,9 | 5.870 | 10,5 | |
| AFILIACÍON Á SEGURIDADE SOCIAL |
|
|
|
| ||
| Nº afiliados/cotizantes (datos provisionais) | 973.462 | 5.027 | 0,5 | 24.926 | 2,6 | |
Fonte: Gabinete Económico Comisión Executiva UGT Galicia, a partir dos datos do MEYSS |
|
NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É JOSÉ CARLOS RODRÍGUEZ DEL RÍO, SECRETARIO DE POLÍTICA INSTITUCIONAL DE UGT-GALICIA. TELÉFONO: 658774009.