O mercado laboral mantén o seu dinamismo e rexistra o mellor dato nun mes de xullo da serie histórica
No mes de xullo, o paro sobe moi lixeiramente en Galicia, aínda que baixa no resto do Estado, pero diminúe moito no ano. Pola contra, a afiliación á Seguridade Social increméntase, cando no Estado baixa
Fecha: 02 Ago 2024
Non obstante, a pesar dos bos datos, UGT-Galicia alerta de que as mulleres representan o 59% do total do desemprego
O mercado laboral mantén o seu dinamismo e rexistra o mellor dato nun mes de xullo da serie histórica
No mes de xullo, o paro sobe moi lixeiramente en Galicia, aínda que baixa no resto do Estado, pero diminúe moito no ano. Pola contra, a afiliación á Seguridade Social increméntase, cando no Estado baixa
Santiago, 2 de agosto de 2024.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social de xullo, publicados este venres, mostran unha lixeira suba do paro rexistrado e un incremento da afiliación, unha tendencia, en ambos casos contraria á do resto do Estado. Aínda así, segue a ser o mellor dato de desemprego nun mes de xullo na serie histórica, dende o ano 1996, e o segundo mellor dato de todos os meses dende 1996. Polo que se pode seguir falando de dinamismo do mercado laboral.
Así, o paro rexistrado sobe este mes en 107 persoas, ata un total de 118.045, contabilizándose 9.400 persoas menos que o ano anterior. A afiliación, pola súa banda, sobe en 8.503 persoas afiliadas á Seguridade Social. Consolidando o emprego afiliado en 1.093.374 persoas afiliadas en xullo, 15.245 (1,41%) máis que hai un ano.
Doutra banda, a estacionalidade propia do verán causa unha temporalidade da afiliación do 15,72%. Un valor, aínda así, moi baixo, sobre todo se se compara co existente no mesmo mes de 2021, antes da reforma laboral.
Con respecto á contratación, este mes rexistráronse un total de 81.604 contratos, dos que 22.823 son indefinidos. Isto supón o 28% da contratación, 21 puntos máis que os rexistrados no mesmo mes de 2021.
Por tanto, parece que a reforma laboral está a cumprir co obxectivo co que foi deseñada: reducir a excesiva temporalidade que afectaba de maneira estrutural ao mercado laboral, manténdoa en niveis moi baixos con respecto a anos atrás, a pesar das posibles variacións estacionais. Algo que é posible grazas á gran creación de emprego indefinido que se levou a cabo nestes dous anos e medio de vixencia da norma, consolidando ao longo do tempo unha sólida base de emprego estable e de calidade.
Chegados a este punto, é hora de abordar as cuestións que quedaron pendentes na reforma, modificando as causas e o custo do despedimento para que se adapten ás disposicións da Carta Social Europea. Pois, tal e como concluíu o Comité Europeo de Dereitos Sociais tras a reclamación presentada por UGT, a indemnización por despedimento improcedente existente actualmente en España non garante o dereito dos traballadores a unha protección adecuada.
Por iso, UGT reclama ao Goberno que se convoque canto antes ao Diálogo Social para adaptar a lexislación española a esta resolución vinculante, fixando unha indemnización plenamente resarcitoria do dano causado, eliminando ou elevando os topes de compensación e incluíndo os salarios de tramitación. Para o sindicato, é primordial mellorar a protección das persoas nos seus postos de traballo, facendo que o despedimento sexa a última opción posible para o empregador e evitando os despedimentos arbitrarios e inxustos, de forma que se continúe avanzando no camiño da estabilidade iniciado grazas á última reforma laboral.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu levemente en Galicia, en 107 persoas con respecto ao mes anterior (0,09%), sen embargo, no Estado esta cifra baixou, un 0,42%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 9.400 persoas, un 7,38% menos. No caso do Estado a baixada anual non foi tan forte, do 4,77%. Así, o número total de desempregados sitúase en 118.045 persoas, o dato de desemprego máis baixo nun mes de xullo dende 1996 e o segundo dato de paro máis baixo da serie histórica, dende 1996, só mellorado polo dato de hai un mes.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixa nun 0,64% e no ano a diminución foi dun 4,74%.
Por sexos, no caso dos homes o desemprego baixa no mes un 1,08% pero, pola contra, no caso das mulleres sobe un 0,92%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 6,52% entre os homes e o 7,96% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 69.686 mulleres, fronte a 48.359 homes.
En canto aos sectores, dáse un comportamento desigual. Diminúe un 1,30% na industria; un 2,9% na agricultura e gandería; e un 1,54% na construción. Non obstante, sobe no sector servizos, un 0,58%, e un 0,05% entre o colectivo de sen emprego anterior. No ano si que baixa en todos. Así, baixa un 11,93% no primario; o 11,25% na industria; o 11,47% na construción; o 6,6% no sector servizos; e o 4,29% entre o colectivo de sen emprego anterior.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 28%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 38,7%. Realizáronse en xullo un total de 81.604 contratos en Galicia.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 66,9%, e no primario, do 57,8%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 25,8%; na industria, do 25,3%.
En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 70,57%, con 75.513 persoas beneficiarias. Deste total, 37.649 perciben subsidios, 4.208 a Renda Activa de Inserción e 33.656 prestacións contributivas. A cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas, a pesar de percibir prestacións, por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.093.374 de media mensual, aumentando un 0,78% no mes e un 1,41% no ano.