O emprego segue crecendo, pero agora toca repartir mellor o tempo, a riqueza e o traballo

UGT subliña que negarse a debater a redución da xornada de traballo ou impedir este avance en dereitos laborais é situarse contra a maioría social do país

Fecha: 06 May 2025

paro

O emprego segue crecendo, pero agora toca repartir mellor o tempo, a riqueza e o traballo

UGT subliña que negarse a debater a redución da xornada de traballo ou impedir este avance en dereitos laborais é situarse contra a maioría social do país



 

Santiago, 6 de maio de 2025.- Os datos publicados hoxe polos Ministerios de Traballo e Seguridade Social confirman unha realidade incuestionable: o emprego no noso país segue crecendo, e faino con maior calidade. Abril volveu a ser un mes positivo, impulsado pola Semana Santa, pero tamén pola fortaleza dunha reforma laboral que segue demostrando a súa eficacia estrutural.

A afiliación á Seguridade Social alcanzou cifras récord nun mes de abril, con 1.087.434 persoas ocupadas. Creáronse 8.038 novos empregos en abril, o que supón unha cifra notablemente superior á do mesmo mes de 2024 (6.740). Ademais, o paro rexistrado descende en 3.610 persoas, situándose no seu nivel máis baixo desde 1996.

Este comportamento do mercado laboral non é casual. Responde a un modelo que aposta por estabilidade, dignidade e dereitos. 

A calidade do emprego tamén mellora: a taxa de contratación indefinida sitúase no 35,12%, case 24 puntos por enriba da que existía antes da reforma laboral. 

Agora ben, a pesar destes datos esperanzadores, non podemos perder de vista que España e Galicia seguen arrastrando un paro estrutural elevado, que afecta aínda a máis de 100.000 persoas e no Estado a 2,5 millóns de persoas. Para lograr a súa redución, é imprescindible abordar unha reforma profunda das políticas activas de emprego, con máis recursos económicos e humanos, e con servizos públicos de emprego capaces de ofrecer orientación personalizada, formación punteira e unha intermediación eficaz.

Igualmente, é urxente protexer o contrato de traballo, reformando o custo do despedimento ilegal ou improcedente, para que sexa xusto e verdadeiramente disuasorio. Tras o fallo do Comité Europeo de Dereitos Sociais, que deu a razón a UGT na súa reclamación contra o actual marco regulatorio de despedimentos inxustificados , faise inaprazable revisar un sistema que permite cesamentos ilegais demasiado fáciles e baratos e que non protexe adecuadamente ás persoas traballadoras, nin está aliñado cos compromisos internacionais do noso país.

É o momento de profundar nas reformas laborais que tan bos resultados están a dar ao noso país. Por iso, desde UGT reclamamos con urxencia que non se obstaculice no Parlamento a tramitación, discusión e debate do proxecto de lei para a redución da xornada laboral sen diminución salarial.

Esta medida non só é esperada por millóns de persoas traballadoras, senón que responde a unha lóxica de xustiza económica. Nun contexto de marxes empresariais crecentes, é necesario unha repartición máis equilibrada da riqueza. A cidadanía, senta nacionalmente como senta e vote o que vote, reclama unha mellora das súas condicións de vida e de traballo. E os grupos parlamentarios non poden manterse á marxe desa esixencia colectiva.

Reducir a xornada máxima legal a 37,5 horas en 2025 é unha medida que xerará máis emprego, mellorará a produtividade e reforzará a cohesión social. Negarse a debater esta lei e impedir este avance en dereitos laborais é situarse contra a maioría social do país. Quen se opoña ao que a xente traballadora está a demandar, terminarán pagando o prezo político e social desa decisión.

É hora de dar un paso adiante. É hora de seguir construíndo unha sociedade máis xusta, máis equilibrada e máis decente. O emprego segue crecendo. Pero agora toca repartir mellor o tempo, a riqueza e o traballo.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego caeu en 3.610 persoas con respecto ao mes anterior (3,03%), e no Estado esta cifra tamén baixou, un 2,61%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 10.789 persoas, un 8,54% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 115.545 persoas, mínimo histórico en Galicia dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades, baixou no mes nun 8,93%, e no ano a diminución foi dun 7,62%.

Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 3,78% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,48%. No ano baixou o desemprego tamén en ambos casos, o 9,07% entre os homes e o 8,16% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,3% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 67.354 mulleres, fronte a 48.191 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes baixa en todos. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 3,13%; na industria, nun 1,41%; nun 2,83% na construción; en servizos, nun 3,13%; e o 3,95% no colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos tamén. Así, diminúe un 13,46% no primario; o 12,11% na industria; o 13,39% na construción; o 7,81% no sector servizos; e o 5,09% entre o colectivo de sen emprego anterior.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 35,12%. Realizáronse en abril un total de 51.364 contratos en Galicia. Antes da reforma laboral, no mes de abril de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 11,37%.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 71,3%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 33,2%; na industria, do 28,9%; e no primario, do 63,6%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 67,92% (76,32% no Estado), con 73.258 persoas beneficiarias. Deste total, 31.635 perciben subsidios e 2.273 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 39.350. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.087.434 de media mensual, crecendo o 0,74% no mes e aumentando un 1,79% no ano.

Fuente: UGT-Galicia