O crecemento económico non basta para reducir a precariedade, urxe un cambio de políticas económicas e de emprego

Fecha: 17 Ago 2017

UGT-Galicia ven de elaborar un informe sobre a situación do mercado de traballo nesta Comunidade que arroxa unha radiografía certamente preocupante que obriga a un cambio de políticas económicas e de emprego. O documento amosa que o crecemento non está a chegar ás familias. Se ben é certo que se crea emprego, este cada vez é máis precario. Cae o desemprego pero persiste o máis estrutural. Os salarios perden poder adquisitivo e os beneficios empresariais gañan. As mulleres empeoran a súa situación relativa. Seguen aumentando as desigualdades e a pobreza. E da análise dedúcese que as reformas laborais impostas están detrás desta complexa realidade.

O EMPREGO NON MEDRA COA MESMA INTENSIDADE QUE A ECONOMÍA. REPÍTESE O DÉBIL PATRÓN DE CRECEMENTO DE ETAPAS ANTERIORES

É obvio que a economía galega crece un ritmo do 3,1 por cento e, segundo adianta a Consellería de Facenda a previsión para o 2017 xa se sitúa nun 3 por cento. A fase é plenamente expansiva e as empresas xa están recuperando os niveis de beneficios de antes da crise. Pero, neste contexto, que sucede co emprego?. Que non está a medrar coa mesma intensidade que a economía, é dicir, repítese o patrón de crecemento de emprego de etapas anteriores que xa amosou a súa debilidade e as nefastas consecuencias cando chegan dificultades económicas.

GALICIA MANTÉN UNHA CRISE DE EMPREGO, DE CANTIDADE E CALIDADE

Resulta evidente que Galicia segue tendo unha crise de emprego, tanto de cantidade como de calidade. Repítense os erros do pasado, como noutras saídas de crise, os empregos que máis medran son os temporais, así, a taxa de temporalidade xa está no 27,2 por cento. A perniciosa cultura da temporalidade continúa, baseada, sobre todo, nunha utilización fraudulenta dos contratos por parte das empresas.

GALICIA PRESENTA UN COMPORTAMENTO NA FASE EXPANSIVA MÁIS NEGATIVO QUE O RESTO DO ESTADO

Ademais,  Galicia presenta un comportamento, na fase expansiva, distinto que o do resto do Estado. Dende o segundo trimestre de 2015 ata o segundo trimestre de 2017 os asalariados con contrato indefinido si aumentaron en España, en 426.100 persoas, un 3,9 por cento, fronte a tan só 3.300 en Galicia, o que supón un incremento de tan só o 0,6 por cento.

Incluso nalgún trimestre durante a fase expansiva pérdese emprego indefinido en Galicia, algo que non sucede no conxunto do Estado onde se mantén a creación de emprego indefinido trimestre tras trimestre.

Dende a imposición no ano 2012 da reforma laboral perdéronse 30.200 empregos indefinidos e só aumentaron os temporais en 44.600. No Estado ambas variables tiveron un comportamento positivo.

PRETO DO 62 POR CENTO DOS TRABALLADORES A TEMPO PARCIAL PREFERIRÍAN UN CONTRATO A TEMPO COMPLETO

Por outra banda, e nesta mesma liña de perniciosa precariedade mantida no tempo, están os datos relativos ao emprego a tempo parcial. Do total dos traballadores que en Galicia teñen esta modalidade contractual, o 61,8 por cento declaran traballar a tempo parcial porque non teñen outra opción. No ano 2009 esta porcentaxe era do 43 por cento.

Os contratos indefinidos en Galicia non chegan nin ao 7,5 por cento e esta modalidade é cada vez tamén máis inestable ao incorporar figuras como o contrato de apoio a emprendedores, máis barato e precario aínda que os temporais. Así, no 2016 ratificáronse nesta Comunidade un total de 7.064 contratos a emprendedores. E, ademais, aparecen novas formas laborais que están xerando condicións de traballo nefastas, xa que burlan as garantías mínimas que establecen os convenios colectivos, trátase das empresas multiservizos.

O 34,7 POR CENTO DOS CONTRATOS TEMPORAIS DURAN MENOS DE SETE DÍAS

Dende UGT-Galicia tamén se denuncia que Galicia presenta unha porcentaxe de contratos de duración de sete ou menos días superior ao conxunto do Estado. E esta circunstancia agudízase aínda máis co paso do tempo. En 2016 o 34,7 por cento dos contratos temporais eran de menos de sete días, no Estado a porcentaxe baixa aos 28,1 puntos, preto de sete puntos de diferenza. No ano 2012 a diferenza era de tan só 4,7 puntos.

En 2012 os contratos de menos de sete días supoñían o 28,8 por cento do total dos temporais (no Estado o 24,1 por cento). En 2016 son 34,7 por cento, máis dun terzo do total dos contratos temporais asinados teñen unha duración inferior a unha semana.

O desemprego baixa pero, nunha alta porcentaxe isto débese á redución da poboación activa. Hai no segundo trimestre do ano 2017 un total de 95.400 desempregados menos en relación ao primeiro trimestre de 2014, cando se rexistra o máximo de paro. E a taxa de paro descende en 7,1 puntos, do 23,2 por cento ao 16,1 por cento.

O DESCENSO DO DESEMPREGO ALIMÉNTASE NUNHA PARTE IMPORTANTE DA DIMINUCIÓN DA POBOACIÓN ACTIVA

Pero o descenso de 95.400 desempregados aliméntase nunha parte importante da diminución da poboación activa, en 29.500 persoas.

PERSISTE O DESEMPREGO ESTRUTURAL, SOBRE TODO ENTRE OS MÁIS MOZOS

UGT-Galicia reitera que cae o desemprego pero que persiste o máis estrutural. Fenómeno que se produce dun xeito máis incisivo entre os máis mozos. Os activos menores de 35 anos descenderon

en 108.900 persoas dende a reforma laboral de 2012. A isto hai que sumarlle o forte peso do desemprego de longa duración. Hai 116.700 parados que levan máis dun ano nesta situación (o 58 por cento do total ) e un total de 85.600 levan dous ou máis anos (o 42,5 por cento do total).

E tamén destaca a elevada taxa de paro entre os menores de 25 anos que é do 35 por cento, a pesar da redución da actividade nestas idades.

A pesar destas cifras, UGT critica que os orzamentos en materia de políticas de emprego aínda se afastan dos de 2008 a 2012 nos que a media orzamentaria situábase en 375,9 millóns de euros. Neste último quinquenio a redución orzamentaria neste senso foi dun 36 por cento.

DIMINÚEN AS COBERTURAS E AS CONTÍAS MEDIDAS DAS PRESTACIÓNS

A persistencia do desemprego, xunto á ineficacia das políticas activas e os recortes en materia de prestacións dos gobernos do PP provocan unha forte caída da cobertura das persoas en paro. A taxa de cobertura dos parados con experiencia laboral é tan só do 50,3 por cento. Hai 108.000 desempregados sen cobertura, aquí reside unha das causas do aumento dos niveis de pobreza e de exclusión social en Galicia.

De forma paralela á redución da cobertura, tamén se produce unha diminución da contía media das prestacións. En maio de 2017 foi de 802, 1 euros, cen euros inferior á cantidade que se rexistraba en decembro de 2011. Isto non só aumenta a desprotección dos traballadores, senón que tamén provoca unha caída adicional dos ingresos da Seguridade Social.

A CAÍDA SALARIAL FOI DUN 5 POR CENTO DENDE O 2009 E ENTRE AS RENDAS MÁIS BAIXAS ESTA CAÍDA CHEGA AO 18 POR CENTO

En materia salarial constátase que foron os traballadores os que pagaron, con rebaixas das súas retribucións, as débedas das empresas. A caída salarial foi dun 5 por cento de media dende o ano 2009 ata o 2016. Esta contracción dos salarios é o resultado dunha estratexia deliberada dirixida a abaratar os custos laborais ás empresas para que aumentaran os seus beneficios, facilitando así o pago do seu elevado endebedamento.

Pero é que, ademais, son os traballadores con menores rendas os que sufriron en maior medida a caída dos salarios reais. Para o 10 por cento dos traballadores que teñen menores retribucións os salarios caeron entre o 2009 e o 2015 un 18 por cento, mentres que para o 10 por cento das mellores retribucións estes medraron un 4 por cento.

RESULTA ANÓMALO QUE CO NOTABLE AUMENTO DO PIB PARA O 2017 SE PREVEA UNHA PERDA SALARIAL DE 1,47 PUNTOS

Segundo os datos facilitados polo CGRL a mes de abril de 2017, en Galicia o aumento salarial é do 1,23 por cento, dado que o IPC real esta á ser ata abril do 2,7 por cento, prodúcese de novo unha perda salarial de 1,47 puntos. Un resultado anómalo nun exercicio de notable aumento do PIB.

Esta perda real poderíase paliar cunha cláusula de revisión salarial que a patronal ven de negar na negociación do III AENC. O que levou á ruptura das negociacións entre patronal e sindicatos.

A distribución da renda prexudica claramente aos traballadores. Entre o 2008 e o 2016 as rendas dos asalariados caeron en 2.167 millóns de euros, un 8 por cento. Mentres que os excedentes empresariais medraron en 784 millóns de euros, un aumento do 3 por cento.

EXISTE UN TRASVASE DAS RENDAS DOS TRABALLADORES ÁS EMPRESAS

Resulta evidente o trasvase das rendas dos traballadores ás empresas. Agora, en fase expansiva, os traballadores deberían participar nos froitos da actividade que axudan a xerar e, para elo, deben gañar poder de compra.

ÁS MULLERES CÚSTALLES MÁIS CHEGAR Á RECUPERACIÓN

A análise da situación por sexos define unha conxuntura máis prexudicial para as mulleres. A elas cústalles chegar máis á recuperación. Así, a poboación activa feminina continúa contraéndose, cae en 7.600. No conxunto do Estado esta variable entre as mulleres medra en 348.800.

As mulleres tamén soportan taxas de temporalidade moito máis elevadas, do 28,6 por cento, fronte ao 25,9 por cento dos homes. As mulleres ocupan o 76,13 por cento dos empregos a tempo parcial (o 60,1 por cento delas de xeito involuntario, esta porcentaxe no 2009 era de 43,9 puntos).

A fenda salarial por sexos é dun 22 por cento, un indicativo tanto do deterioro das condicións laborais das mulleres como da falta de políticas dirixidas á promoción da igualdade. Unha fenda salarial que é maior nos niveis retributivos inferiores.

É evidente que a devaluación salarial, o alto nivel de desemprego, a elevada precariedade do emprego creado e o recorte nas prestacións están a provocar niveis cada vez máis altos de pobreza e exclusión social, así como, un incremento das desigualdades.

EMPOBRECEMENTO DA MAIORÍA SOCIAL

Estase a producir un empobrecemento da maioría social. A renda media dos fogares é 1.049 euros inferior á que tiñan en 2009, un 3,9 por cento menos. A poboación en risco de pobreza e exclusión social é xa do 25,4 por cento, 0,8 puntos máis que en 2009. Os ocupados en risco de pobreza ou exclusión social aumentaron en 3,2 puntos dende 2009, acadando o 16,8 por cento da poboación traballadora.

No caso dos traballadores en situación de desemprego o incremento foi máis severo. O 48,5 por cento están en risco de pobreza e chega ao 62,7 por cento se se engade o risco de exclusión social. Son 17,2 e 21,8 puntos máis que en 2009.

A porcentaxe de persoas vivindo en fogares con baixa intensidade no traballo pasou do 7,9 en 2009 ao 13,6 en 2016.

A SOCIEDADE GALEGA É AGORA MÁIS POBRE, DESIGUAL E CON PEOR CALIDADE DE VIDA E O CRECEMENTO NON LEVA Á REVERSIÓN DESTA SITUACIÓN

A nosa sociedade é agora máis pobre e desigual e a calidade de vida da maioría da poboación reduciuse. Isto constatouse de xeito nítido de 2010 a 2013, como efecto da crise e das políticas de recortes. Pero agora, o crecemento económico non se traduce nunha reversión desta situación. Medra o PIB, créase emprego pero isto non se traduce nunha mellora da calidade de vida das familias.

En todo isto tiveron unha responsabilidade moi importante as últimas reformas laborais e, sobre todo, a de 2012, aplicada unilateralmente polo Goberno do PP.

Como resultado previsible, á vista das medidas que contiñan, só conseguiron aumentar a desprotección dos traballadores, estender a precariedade laboral e incrementar as desigualdades.

AS REFORMAS LABORAIS FIXERON MOITO DANO. URXE DERROGALAS

Por iso, urxe reverter esta situación, derrogando estas negativas reformas. Este será o punto de partida para construír un modelo de relacións laborais máis eficiente e con máis dereitos. Só así será posible crear emprego de calidade, máis produtivo, que permita xerar máis riqueza e isto se transforme, vía mellores salarios, nun aumento do benestar dos fogares.

A XUNTA DEBE ASUMIR RESPONSABILIDADES E ACOMETER UN CAMBIO DE POLÍTICAS. SON VARIOS OS INDICADORES QUE NO RESTO DO ESTADO REMONTAN E NON EN GALICIA

Ademais, UGT-Galicia insta ao Goberno da Xunta a acometer un cambio de políticas económicas e de emprego. Non pode escapar á súa responsabilidade porque son varios os indicadores, como se viu no informe exposto, que no resto do Estado conseguen remontar pero que en Galicia persisten a pesar de remontar a situación económica.

É evidente que o crecemento económico non basta. As familias teñen que se copartícipes da mellora e non está sendo así. 

Fuente: UGT-Galicia