O Comité Nacional de UGT-Galicia sitúa a vivenda como emerxencia social e aposta por incorporar o impacto do seu custo na negociación colectiva
O Sindicato rexeita a criminalización dos traballadores no incremento das baixas e pide que se sitúe o debate nas causas reais, condicións de traballo, insuficiente prevención e as carencias do sistema sanitario. Neste senso, dende UGT insístese en seguir traballando no eido do diálogo social en Galicia parar abordar esta problemática
Fecha: 23 Jun 2026
O Comité aproba unha resolución de urxencia de apoio ás traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da Coruña no conflito que teñen aberto para reclamar unhas condicións laborais dignas
O Comité Nacional de UGT-Galicia sitúa a vivenda como emerxencia social e aposta por incorporar o impacto do seu custo na negociación colectiva
O Sindicato rexeita a criminalización dos traballadores no incremento das baixas e pide que se sitúe o debate nas causas reais, condicións de traballo, insuficiente prevención e as carencias do sistema sanitario. Neste senso, dende UGT insístese en seguir traballando no eido do diálogo social en Galicia parar abordar esta problemática
Santiago, 23 de xuño de 2026.- O 2º Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos, reuniuse hoxe en Santiago, na Cidade da Cultura, e analizou a situación social e laboral actual, presentou propostas de cara aos vindeiros meses e trazou as liñas de traballo internas. Lembrar que forman parte deste Comité a Comisión Executiva de UGT-Galicia, así como unha representación de delegados e delegadas das unións comarcais e das federacións de nacionalidade.
O Comité na súa análise do contexto internacional, marcado por numerosos conflitos bélicos, insistiu no compromiso coa paz e co dereito internacional, así como cos dereitos humanos, instando á comunidade internacional e, en particular, á UE, a actuar con maior firmeza e coherencia.
No relativo ao proxecto europeo, UGT-Galicia aposta por un reforzo das políticas industriais, da soberanía enerxética, da autonomía estratéxica e dos servizos públicos. Xa no eido estatal, o Sindicato bota en falta unha maior atención aos problemas reais da cidadanía porque o clima de elevada confrontación está a desdebuxar o que realmente importa, o cumprimento íntegro dos compromisos sociais e laborais adquiridos e a continuidade das políticas orientadas á mellora das condicións de vida da clase traballadora.
Precisamente, neste senso, o Comité Nacional considera que a vivenda constitúe xa unha emerxencia social para a clase traballadora. Polo que insta á Xunta e aos concellos a adoptar medidas estruturais que permitan ampliar o parque de vivenda pública, intervir en zonas tensionadas, limitar a especulación e garantir o acceso efectivo á vivenda como un dereito básico.
En materia migratoria, o Comité Nacional de UGT-Galicia pon en valor os procesos de regularización desenvolvidos neste país e rexeita as últimas orientacións da Unión Europea nesta materia. Hai que defender políticas migratorias baseadas nos dereitos humanos, na inclusión e na igualdade.
UGT-Galicia tamén reclama un papel central para a negociación colectiva como instrumento de redistribución de riqueza. Apóstase por avanzar en incrementos salariais, cláusulas de revisión e reducións de xornada. E urxe incorporar á negociación colectiva novos elementos, como o impacto do custo da vivenda, a regulación da dixitalización e a IA e a protección fronte a novas formas de precariedade.
Baixando a análise a Galicia, constátase unha boa evolución do emprego pero o Comité alerta sobre os retos estruturais que persisten, envellecemento demográfico, perda de poboación, precariedade laboral e as dificultades para os máis mozos á hora de desenvolver proxectos vitais dignos.
Neste contexto, resulta imprescindible o reforzamento dos servizos públicos como elemento de cohesión.
Si hai unha variable que ao Sindicato lle preocupa moito, todo o relativo á saúde laboral, xa que persisten elevados índices de sinistralidade que amosan deficiencias en materia de prevención. Nesta liña, o Comité rexeita o discurso impulsado por unha parte da patronal e pola Xunta no relativo ao incremento das baixas, cuestionando o comportamento das persoas traballadoras.
UGT-Galicia, rexeita calquera criminalización que se poida facer neste senso dos traballadores e traballadoras e pide que se abra un debate das causas reais desta situación, condicións de traballo, medidas insuficientes de prevención ou carencias no eido sanitario.
Neste senso, o Sindicato aposta polo diálogo social como instrumento para buscar solucións, polo que se compromete a traballar neste foro, pero con dúas liñas vermellas, a criminalización dos traballadores e traballadoras e o recorte de dereitos.
No foro do diálogo social UGT-Galicia vai insistir na necesidade de impulsar políticas de prevención, reforzar a Inspección laboral e fortalecer os servizos públicos, sobre todo, os sanitarios.
Finalmente, na súa análise da situación actual e no traballo de procura de propostas, UGT-Galicia insiste na súa aposta polo diálogo social como ferramenta para impulsar as políticas de emprego, reindustrialización, transición ecolóxica xusta, servizos públicos e políticas socias, en definitiva o desenvolvemento social e laboral garantindo a cohesión social e territorial.