O Comité Nacional de UGT-Galicia constata que a economía sae da recesión pero a sociedade segue en crise

O 5º Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos, reuniuse hoxe en Santiago. Lembrar que forman parte deste Comité a Comisión Executiva de UGT-Galicia e representantes das federacións de nacionalidade e das unións comarcais do Sindicato.

Nesta xuntanza, que aglutina a preto de cen membros do Sindicato, analizouse a situación actual, tanto a nivel de Galicia como do resto do Estado, fíxose un balance da lexislatura que remata este domingo, aproximouse unha síntese da situación da negociación colectiva e tamén se puxeron enriba da mesa os cambios propostos para a organización no último Comité confederal onde se debateu sobre o futuro da Organización e o novo modelo de Sindicato que se consolidará no vindeiro Congreso.

En relación á situación actual, chegouse á conclusión de que, se ben é certo que a recuperación macroeconómica chega a España, aínda que tarde, a sociedade española segue en crise, inmersa nun altísimo volume de desemprego e afectada por peores condicións laborais e de calidade de vida.

Concretamente, no referente a Galicia, constátase un repunte do PIB, do 2,1 por cento pero este susténtase no incremento do consumo das familias, xa que o consumo de todas as administracións públicas non se constata, ao aumentar tan só un 0,5 por cento porque seguen na liña dos últimos anos de recortes.

O Comité Nacional denunciou que dende o comezo da crise perdéronse en Galicia preto de 200.000 empregos e as cifras de ocupación seguen evidenciando un claro retroceso.

A quinta parte da poboación activa está en situación de desemprego, unha media,

no que vai de ano, de 250.000 persoas en situación de desemprego. E aínda máis preocupante é que medra máis o desemprego de longa duración. Xa hai 128.000 persoas desempregadas que levan máis dun ano nesta situación e, deles, 90.000 levan máis de dous anos. A isto hai que engadirlle 25.000 parados que buscan o seu primeiro emprego e que por non atopalo só lles queda unha saída, a emigración.

En relación con isto, a precariedade dos fogares galegos é manifesta. Os fogares nos que todos os seus membros activos están en situación de desemprego son 73.100. No 2009, xa con crise, esta cifra era de 44.800.

E, contrariamente ao que tería que suceder nun estado de benestar que protexa e dea cobertura á poboación desempregada, a taxa de cobertura experimenta unha caída continua. No 2001 os valores de cobertura eran superiores ao 70 por cento e a día de hoxe non superan o 52,46 por cento e, ademais, esta cobertura é de carácter maioritariamente asistencial.

A isto hai que engadirlle que 52 de cada cen parados galegos non cobran ningún tipo de prestación e hai 29.700 fogares nos que non hai perceptores de ingresos. Isto leva a que o risco de exclusión social cada día sexa maior.

O balance da crise tamén é claro no referente á distribución das rendas, favorecendo ao empresariado e prexudicando aos traballadores asalariados. Mentres a remuneración do persoal asalariado perde peso en Galicia, en relación ao total da renda xerada na comunidade, ao pasar do 46,5 por cento no 2008 ao 44,2 por cento agora, pola perda de emprego e a contención salarial, o empresariado, nunha etapa de crise, curiosamente, gañou máis. Pasou de representar o 45,2 ao 45,5 por cento.

Con este escenario está claro que o deterioro da calidade de vida da cidadanía é cada vez maior. Así, a taxa de risco ou exclusión social é en Galicia do 23,8 por cento.

O 30 POR CENTO DOS ASALARIADOS GALEGOS TEÑEN UN SALARIO INFERIOR OU IGUAL AO SMI

Outro dato significativo é que 300.000 asalariados galegos, o 30 por cento do total, teñen un salario inferior ou igual ao SMI.

Neste contexto, o Comité Nacional de UGT-Galicia non entende o deseño dos Orzamentos xerais de Galicia para o 2016 porque, baixo o criterio do Sindicato, deséñanse baixo unha perspectiva electoralista e un cadro macroeconómico pouco crible.

O Sindicato considera que o orzamento é o instrumento fundamental co que conta o Goberno para levar a cabo as súas políticas. Ten unha alta capacidade de intervención e influencia na economía galega, polo que se debe demandar responsabilidade no seu deseño e xestión.

O orzamento para o 2016 prevé que o emprego medre en Galicia un 1,7 por cento, en cifras absolutas supón 17.200 empregos, tan só se recuperarán o 8,6 por cento dos perdidos. Pero é que co orzamentos para o vindeiro ano en promoción de emprego agrávase a situación, xa que, con respecto ao 2009, contráense un 50 por cento os recursos, cun 54 por cento máis de desempregados.

OS ORZAMENTOS GALEGOS PARA O 2016 SEGUEN SUPEDITADOS ÁS ESIXENCIAS FINANCEIRAS CUN GASTO DO 15,7 POR CENTO EN INTERESES E AMORTIZACIÓNS DA DÉBEDA

Para UGT, as liñas de intervención do Goberno galego con estes fondos seguen na senda da supeditación ás esixencias financeiras. O Executivo argumenta que os orzamentos de 2016 son os da recuperación, consolidación fiscal e gasto social. Pero as cifras non respaldan esta afirmación. A débeda acumulada achégase aos 10.210 millóns de euros, cando chegou o PP ao Goberno da Xunta esta débeda era de 4.000 millóns de euros. Isto condiciona calquera deseño orzamentario, xa que hai que afrontar os custos da débeda. Así, mentres no 2009 afrontar estes custos supoñía o 3,7 por cento do total orzamentario, no 2016 vai ser o 15,7 por cento, o que implica menores recursos a disposición da sociedade.

Novamente, fíxase un teito de gasto non financeiro de 8.876 millóns de euros. Para UGT, este debería vir acompañado dun gasto mínimo que preserve o estado de benestar.

Tamén se constata que os empregados públicos son castigados neste Orzamento, cunha suba do 1 por cento que non compensa o recorte do 20 por cento que sufriron nos seus salarios desde o 2011. Neste contexto, urxe establecer un marco de negociación a nivel galego, entre os sindicatos e Xunta, para negociar a recuperación das pagas extras.

O Comité Nacional considera que a Xunta debería dar un xiro cara uns orzamentos baseados nunha fiscalidade progresiva, cara un sostido crecemento económico e do emprego apoiando aos sectores produtivos, cara un estado de benestar na actualidade ameazado, cara unha protección social que garanta unha sociedade cohesionada, cara a garantía do emprego público de calidade e cara un modelo económico máis tecnolóxico e con máis valor engadido.

O Sindicato continuará vixiante para que, coa escusa do cumprimento duns obxectivos de déficit non se desmantelen ou deterioren aínda máis os servizos públicos e as prestacións públicas.

BALANCE LEXISLATURA

O Comité Nacional tamén fixo un balance da lexislatura que remata este domingo. Unha lexislatura marcada, no eido laboral, pola desarticulación das relacións laborais trala reforma laboral, provocando un claro desequilibrio na negociación colectiva en favor das decisións empresariais e aumentando a precariedade no emprego. Por iso, UGT defende a súa derrogación.

Ademais, esta foi a lexislatura do ataque frontal a todas as políticas que sustentan o estado de benestar, pensións, sanidade, educación, prestacións por desemprego, servizos sociais ou atención á dependencia co único obxectivo de cambiar de maneira determinante o modelo social deste país.

Tamén se produciu un recorte de dereitos e liberdades que teñen a súa principal expresión na Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, que criminaliza a lexítima protesta e establece situacións incompatibles co desenvolvemento dun pleno estado de dereito avanzado. Neste senso, o Comité condenou os ataque ao sindicalismo e á liberdade que se traduciu no encausamento de 300 traballadores e sindicalistas en 40 procedementos penais e administrativos. Por iso, UGT esixe a derrogación do artigo 315.3 do Código Penal.

En definitiva, o resultado desta acción de goberno foi unha verdadeira regresión económica e social e, para recuperar a senda de progreso como a que require este país, será necesario aplicar un cambio de políticas económicas, laborais e sociais que leven á reconstrución do país sobre valores de progreso, solidariedade, igualdade e democracia.

NEGOCIACIÓN COLECTIVA

En relación á negociación colectiva, o Comité destacou que a firma do III Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva para o período 2015-1017 significou un impulso considerable á firma de convenios.

Así, en Galicia, a 1 de outubro, segundo o Consello Galego de Relacións Laborais, hai 911 convenios (882 no ano anterior) que afectan a 412,318 traballadores (427.348 hai un ano). No que vai de ano asináronse revisáronse en Galicia 83 convenios que afectan a 25.409 traballadores. E, por primeira vez, asináronse 16 convenios, afectando a 528 traballadores.

A xornada anual pactada foi de 1.759,05 horas e o incremento salarial do 1,73 por cento. Teñen cláusulas de revisión o 17,14 por cento dos convenios asinados ata o momento e o 23,08 dos revisados.

Con respecto aos convenios de ámbito estatal con aplicación en Galicia, asinados a 30 de setembro, foron 57 que afectan a 45.592 traballadores, cun incremento do 0,71 por cento e unha xornada de 1.769,11 horas.

RESOLUCIÓN DE URXENCIA EN DEFENSA DO LÁCTEO

O Comité Nacional do Sindicato aprobou, previa presentación de UU.AA., unha resolución de urxencia en defensa do sector lácteo, estratéxico dentro da economía galega e motor económico de moitas comarcas, pero que está a vivir unha situación realmente difícil e, en moitos casos, límite. Ante esta situación insostible, solicítase un plan específico que conteña, entre outros aspectos, determinación dun prezo sostible, maior vixilancia e sancións para os contratos lixo, axudas inmediatas ás explotacións e a creación dunha mesa galega de control. Tamén consideraron que urxe establecer un plan estratéxico de futuro para o sector lácteo galego.

NOVO MODELO ORGANIZATIVO

Finalmente, o Comité Nacional de UGT-Galicia analizou os cambios propostos para a organización no V Comité confederal onde se debateu e aprobou a “Proposta de reagrupamento dos distintos sectores produtivos”, documento no que se establecen os fundamentos dunha nova estrutura organizativa da UGT que se basará en tres novas federacións, unha de produción de bens e sector primario e outras dúas que agruparán todos os servizos e as administracións públicas.



 



 

Fuente: UGT-Galicia