O Comité Nacional de UGT-Galicia aposta porque as eleccións do 23X consoliden os dereitos e liberdades conseguidos

O Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos, reuniuse hoxe en Santiago para analizar, debater e facer propostas sobre a situación actual.

Fecha: 30 Jun 2023

cnb

Hai que aproveitar os fondos europeos para acometer o cambio de modelo e paliar os déficits en aspectos básicos do Estado social. A Xunta debe dar un pulo á Axenda industrial 2025 para non perder o tren da transición en Galicia

O Comité Nacional de UGT-Galicia aposta porque as eleccións do 23X consoliden os dereitos e liberdades conseguidos

O Sindicato insta aos partidos políticos que concorren ao proceso a que aclaren a súa postura en relación ás reformas que aumentaron os dereitos sociais e laborais nos últimos anos


Santiago, 29 de xuño de 2023.- O Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos, reuniuse hoxe en Santiago para analizar, debater e facer propostas sobre a situación actual. Lembrar que forman parte deste Comité a Comisión Executiva de UGT-Galicia xunto con representantes das federacións de nacionalidade e das unións comarcais en Galicia.

No debate e análise que se abriu neste órgano fíxose especial fincapé na actual situación política do país cunhas eleccións xerais, o vindeiro 23 de xullo, ás portas. Ao respecto, o Comité analizou o documento “Balance de lexislatura 2019-2023”, que elaborou UGT no que se expón que esta foi unha lexislatura singular, baseada no consenso, diálogo e concertación entre axentes sociais e Goberno. Así, destacan acordos como os ERTE`s, a reforma laboral, Acordo de pensións, incrementos do SMI, teletraballo, regulamentación de repartidores a domicilio, regulación dos plans de igualdade, regulamento de igualdade retributiva, mellora das condicións de traballo no servizo do fogar, acordos de mellora laboral na Administración Pública, entre outros.

Precisamente, neste senso, o Comité insta aos partidos que concorren ás elección do 23 de xullo a que expoñan á cidadanía as súas políticas en relación a todas estas reformas que aumentaron os dereitos sociais e laborais durante os últimos anos porque é razoable que a cidadanía sea coñecedora de con que vai contar despois do 23 de xullo. O importante, para UGT, non é quen, senón o que.

Modernización políticas activas de emprego

En materia económica, destacouse a boa evolución do PIB e do mercado laboral, cunha mellora significativa da calidade do emprego, grazas á reforma laboral, cunha temporalidade do 16,4%, fronte ao nivel prepandemia, do 27%. Aínda que isto non pode facer que se perda de vista o feito de que aínda hai en Galicia 134.434 persoas en situación de desemprego, das que case 48.000 están en situación de paro de longa duración. A isto se lle engade que as desigualdades no mercado laboral continúan, máis das tres cuartas partes do emprego parcial corresponden en Galicia ás mulleres. Isto evidencia que aínda queda moito por facer, urxe unha aposta clara pola modernización das políticas activas de emprego, adaptándoas ás novas esixencias de dixitalización e automatización da actividade produtiva. Isto é unha competencia propia das comunidades autónomas que, neste caso, a Xunta deber exercer.

UGT-Galicia propón na Estratexia Galega de Seguridade a creación da figura do delegado de prevención nas pequenas empresas

Outra das grandes lacras do mercado de traballo que o Comité subliñou e para a que reclamou solucións é a da sinistralidade laboral. No ano 2022 rexistráronse en Galicia un total de 73 persoas falecidas no traballo, case un 38% máis que no ano anterior. Resulta evidente que as políticas preventivas non están a dar o resultado esperado e os datos evidencian que a normativa, nalgunhas ocasións, estase a incumprir. Chegou o momento de acometer unha revisión en profundidade da Lei de prevención e adaptala ás novas realidades, como as ondas de calor. Tamén hai que reforzar a Inspección de Traballo, dotándoa de máis recursos, e UGT-Galicia está a propoñer na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo a creación da figura do delegado ou delegada de prevención que axudaría a mellorar esta materia nas pequenas e moi pequenas empresas que carecen de representación sindical pero si que teñen unha elevada sinistralidade. É un feito que os centros de traballo sindicalizados son máis seguros.

A posta en marcha do AENC pode conseguir que no 2023 se comece a repartir riqueza. UGT insta aos empresarios a que apliquen xa os criterios deste Acordo

O Comité tamén saudou a sinatura do AENC cuxa implementación pode conseguir que no 2023 se comece a repartir riqueza neste país, xa cunha suba salarial do 4% e cunha taxa de inflación do 1,9% permitiría manter ou, incluso, mellorar o poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras. Senda que se podería manter no 2024 e 2025 de continuar a tendencia nos prezos. Neste senso, UGT-Galicia insta aos empresarios a que apliquen os criterios do AENC nos convenios que se vaian asinando porque impulsar a calidade de vida das persoas mediante os salarios redunda no crecemento económico e na dinamización do país. Precisamente, neste contexto, UGT-Galicia amosa a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras que a día de hoxe teñen abertos conflitos laborais pola reticencia das súas respectivas patronais a pechar convenios conforme aos criterios e as liñas marcadas no AENC.

En canto aos fondos europeos, o Sindicato reclama a súa execución a maior ritmo. Estes fondos deben servir para reverter o sistema produtivo pero tamén para paliar os déficits en aspectos básicos do estado social (modernización das administracións públicas; potenciación do Sistema Nacional de Saúde e Dependencia; maior proxección e financiamento do ensino público; mellora do funcionamento da Xustiza...).

Concretamente, os PERTE teñen un claro obxectivo de transformar o modelo produtivo nun modelo máis respectuoso co medio ambiente e son imprescindibles en Galicia para transformar os sectores estratéxicos no eido industrial, agroalimentario, naval, automoción ou enerxético.

UGT insta á Xunta a que, no contexto dos fondos europeos, dea un pulo á Axenda industrial de Galicia 2025 para non perder o tren da transición

Nesta liña de traballo, a Xunta debe dar un pulo á Axenda industrial de Galicia 2025 para non perder o tren da transición dixital e sostible no tecido empresarial galego, apoiándose nos fondos europeos e nunha boa coordinación entre sectores, empresas e axentes sociais.

Galicia debe posicionarse como rexión estratéxica cara a descarbonización

É inaprazable tamén a posta en marcha dunha política industrial na que se aposte por actividades de alto valor engadido e se aborde tamén con especial atención o problema enerxético. Galicia ten que posicionarse como rexión estratéxica e pioneira cara a descarbonización do seu sistema económico, permitindo sinerxias de desenvolvemento industrial que faciliten novas rendas e postos de traballo sostibles, coa obriga de facelo respectando as demandas sociais que buscan unha axeitada protección do medio ambiente e do rural.

Resulta imprescindible tamén que a Xunta de Galicia poña en marcha as liñas de actuación contempladas no “Acordo por unha transición enerxética xusta” para as centrais térmicas de Meirama e As Pontes. A posta en marcha destas liñas é unha ferramenta básica para a xeración de emprego e creación de actividade industrial nas áreas afectadas, garantindo con elo a xustiza social que estes territorios e os seus traballadores e traballadoras merecen.

Fuente: UGT-Galicia