O bo dato do paro do mes de xuño vése empañado coa precariedade, os altos niveis de rotación na contratación e unha taxa de cobertura en mínimos históricos

Aínda que melloran certos indicadores do mercado laboral pola estacionalidade, non se crea emprego estable e de calidade


 

UGT-Galicia valora positivamente os datos do paro de mes de xuño, cun descenso do 6 por cento en Galicia, o 3,2 por cento a nivel do Estado, pero lamenta que esta mellora coxuntural non se vexa reflexada na mellora da calidade dos contrato e, sobre todo, da taxa de cobertura do desemprego.

Remata o mes de xuño de 2016 con 207.320 desempregados en Galicia (esta é a cifra máis baixa dende outubro de 2009) caendo o 6 por cento  con respecto ao mes anterior, 13.144 desempregados menos. Evolución máis favorable que o sucedido no Estado, no que cae o desemprego, o 3,2 por cento. No Estado a cifra de desempregados sitúase en 3.767.054 persoas.

Este é un mes no que a caída de desemprego é habitual polo comezo da temporada estival.

Dende hai tres anos consolídase a contracción interanual do desemprego neste mes. En Galicia a variación interanual foi de baixada do desemprego do 9,5 por cento, 21.742 desempregados (no Estado tamén hai unha acusada contracción, o -8,57 por cento).

XuñoVariación mensualVariación interanual
2007-3,4-6,9
2008-2,66,7
2009-3,531,1
2010-3,89,8
2011-2,76,2
2012-2,715,3
2013-3,71,6
2014-4,2-7,7
2015-3,3-9,2
2016-6,0-9,5

 

As mulleres e os mozos seguen a ser os colectivos máis perxudicados

A contracción do desemprego, no mes, repercute de similar xeito tanto en homes coma en  mulleres, -5,9 por cento e -6 por cento respectivamente. Coma sempre as mulleres volven a ter maior peso no desemprego, acadando o 54.6 por cento do total. En termos interanuais cae en ambos sexos, pero como xa se ven consolidando, a recuperación das cifras de desemprego beneficia moito máis a homes que a mulleres, os homes contraen a cifra de desempregados nun 10,5 por cento fronte á menor caída, o -8,65  por cento, nas mulleres. O mercado laboral ao retomar unha senda de mellora beneficia moito máis aos homes, a desigualdade segue presente.

Por idades o paro para os menores de 25 anos sitúase en 10.032 persoas, caída superior no mes ao total do paro, o -11,2 por cento. No ano hai unha caída tamén máis acusada que no total de idades, -12,6 por cento (1.445 caída de parados menores menos 25 anos) fronte ao -9,5 por cento do total de idades. As razóns desta forte caída podemos atopala na saída de efectivos da nosa comunidade así como a falta de relevo xeracional.

No mes, por sectores, contraese en todos eles, con maior contundencia tanto en termos absolutos como relativos nos Servizos (pola temporada do verán). Cae o paro nos servizos no mes en 8.729 persoas (-6,2 por cento), o 66,4 por cento do total de caída de paro rexistrado. 

Interanualmente destacan en termos relativos as caídas nos sectores da industria e construción, -14,61 por cento e -15,37 por cento, respectivamente. E en termos absolutos no ano hai unha caída no sector de Servizos de 11.170 persoas desempregadas.

 

A contratación continúa a ser moi precaria

No mes hai un forte incremento da contratación rexistrada, +21,84 por cento por cento, (no Estado hai un 9,83 por cento de aumento). Estamos nun mes no que comeza a temporada estival e as contratacións se disparan. Medran os contratos indefinidos o 4,4 por cento por cento e medran os temporais, contundentemente, o 23,3 por cento.

No ano hai unha evolución favorable, aumentan os contratos no 9,41 por cento.

A porcentaxe de contratos indefinidos sobre o total no mes de xuño é do 6,56 por cento (caendo incluso con respecto a baixa porcentaxe do mesmo mes do ano, 6,8 por cento) En España as porcentaxes de contratación rexistrada son baixas, pero moito mellores que en Galicia, os indefinidos representan no Estado unha porcentaxe do 7,7 por cento

En Galicia fanse  93.293 contratos en tan só un mes (para darnos unha idea en Galicia hai 812.300 asalariados). O que está claro é a precariedade destes contratos que non se consolidan e os altos niveis de rotación laboral.

 

A taxa de cobertura por desemprego , outra vez en mínimos históricos

A cifra de beneficiarios con prestacións por desemprego en Galicia en maio de 2016 (último dato dispoñible), é de 101.453 persoas. O carácter contributivo desta prestación está en mínimos, tan só 39.421 son beneficiarios de prestación contributiva, o 38,9 por cento do total. A taxa de cobertura é do 50,2 por cento, acadando mínimos (52,9 por cento no Estado). A prestación por desemprego xa é de carácter asistencial, xa que maioritariamente son modalidades asistenciais.

A contía media bruta da prestación contributiva percibida por beneficiario durante maio de 2016 foi de 780,7  euros (802,3 no Estado). As contías medias das prestacións asistenciais (subsidios, renda activa de inserción e PAE), é do 80 por cento do IPREM=426,00 (14,20 € x 30 días)

Hai 120.000 parados sen ningún tipo de cobertura (dato maio 2016), o 54 por cento, desempregados e desempregadas galegas que non perciben ningunha axuda estando en fortísimo risco de exclusión social. A taxa de cobertura de desemprego está en mínimos históricos, por moito que baixe o desemprego a situación das persoas no desemprego empeora.

 

Sube a afiliación á SS, pero estamos lonxe de niveis de antes da crise

A media de afiliados á Seguridade Social é de 957.928 en Galicia (afiliados cotizantes en Galicia, xuño 2016), 8.750 máis no mes, o 0,92 por cento. Evolución máis acusada que no Estado, no que medra o 0,56 por cento  Interanualmente en Galicia hai unha subida dun 1,48 por cento (case 14.000 máis, pero en termos interanuais no Estado o crecemento foi moi superior, do 2,92 por cento). No Estado supéranse os 17 millóns de afiliados (17.760.271), en Galicia seguimos moi lonxe do millón de afiliados de antes da crise. 

A rotación, temporalidade e estacionalidade existente no mercado laboral galego plásmanse nestas cifras.

Fuente: UGT-Galicia