Novamente UGT dá un paso firme e seguro asinando o preacordo coas patronais do transporte de viaxeiros de Galicia

A firma do acordo coa Xunta e o preacordo asinado onte coa patronal ratifica o compromiso serio de UGT e o avance das melloras sociais no transporte de viaxeiros por estrada en Galicia

Onte, día 12, pechouse un preacordo coa patronal do transporte de viaxeiros por estrada de Galicia, ratificado hoxe polos traballadores nas distintas asembleas celebradas esta mañá.

O acordo, -obtido coa intermediación do Consello Galego de Relacións Laborais previa solicitude das tres centrais sindicais e subscrito polos responsables de UGT na mesa, Miguel Angel Reboiras Casais e Beatriz Meilán do Río-, supón o desbloqueo dun conflito que suscitou unha folga iniciada o pasado día 20 de xuño.

Dúas eran as reivindicacións: a negociación dos convenios do sector por parte da patronal nas catro provincias galegas e asegurar as garantías de emprego para os traballadores do sector no plan de transporte de viaxeiros da Xunta.

A retirada do Plan da Xunta demostrouse insalvable, o Goberno de Galicia decidiu seguir adiante con el, a pesar das duras críticas suscitadas polo mesmo en todos os ámbitos, tras a publicación no DOG o pasado 7 de xullo co que supoñía o inicio dos prazos administrativos necesarios para a final concesión das liñas afectadas. UGT non o apoiou por considerar que non dota das solucións que necesita Galicia para articular o transporte de viaxeiros na nosa Comunidade pero, ademais, e, sobre todo, porque supoñía un grave risco para o mantemento do emprego e as súas condicións de traballo no sector.

Para paliar isto, o 10 de xullo UGT asinou xunto con CCOO e sen o apoio da CIG un acordo coa Consellería de Infraestuturas e Vivenda que blinda a subrogación dos traballadores afectados e as súas condicións laborais, que ademais incorpora cláusulas con melloras sociais nos pregos do Plan que supoñen practicamente o cento por cento do solicitado polos traballadores.

Por outra banda, o acordo subscrito onte coas federacións de transporte e as tres centrais sindicais supón a apertura da negociación para a revisión das táboas salariais para os catro convenios colectivos galegos, partindo dun mínimo do 2% a partir de hoxe. Desenvolveranse as negociacións en comisións provinciais que se reunirán semanalmente, concluíndose eses avances nunha reunión da Mesa galega coa mesma periodicidade, que será a encargada de ratificar e impulsar os mesmos, reservándose a capacidade de reactivar a folga no caso de que ditas negociacións non alcancen as reivindicacións dos traballadores para esta materia.

Os acordos asinados por UGT non só posibilitan o desbloqueo do conflito que tiña sumida a Galicia nun caos, por afectar a un sector vital tanto para a convivencia social como para o desenvolvemento e avance económico da nosa Comunidade. Posibilita, ademais, un escenario máis favorable para afrontar o reto de negociacións futuras de cara ao que supoñerá a implantación do futuro Plan Xeral de Mobilidade de Galicia para o 2019, tanto para o Goberno como para as empresas e traballadores.



Fuente: FeSMC