“Non se trata de ter menos persoas de baixa, senón de conseguir que menos persoas enfermen por traballar e de facilitar a súa recuperación”

UGT Galicia valora a aprobación polo Consello da Xunta do Plan Integral para a Mellora da Prevención, o Benestar Laboral e a Reincorporación Saudable ao Traballo e insiste en que logrou cambiar o enfoque inicial, pasando do control ao coidado

Fecha: 30 Sep 2026

sau

UGT Galicia valora a aprobación polo Consello da Xunta do Plan Integral para a Mellora da Prevención, o Benestar Laboral e a Reincorporación Saudable ao Traballo e insiste en que logrou cambiar o enfoque inicial, pasando do control ao coidado 

 “Non se trata de ter menos persoas de baixa, senón de conseguir que menos persoas enfermen por traballar e de facilitar a súa recuperación”

UGT vai estar vixiante para que os 45 millóns comprometidos se convertan en prevención, atención sanitaria e recuperación real

 

Santiago, 30 de setembro de 2026.– UGT Galicia valora a aprobación polo Consello da Xunta do Plan Integral para a Mellora da Prevención, o Benestar Laboral e a Reincorporación Saudable ao Traballo, un documento que incorpora 37 medidas e compromete 45 millóns de euros.

 

Para UGT, o máis relevante é o cambio de enfoque conseguido durante a negociación. O sindicato partiu dunha posición clara: o obxectivo dunha política de saúde laboral non pode reducirse a contabilizar o número de persoas de baixa, senón diminuír o número de persoas que enferman como consecuencia do seu traballo e garantir que quen enferma reciba unha atención adecuada e poida recuperarse en condicións seguras.

 

UGT entra na negociación para cambiar o enfoque inicial por responsabilidade cos traballadores e traballadoras

 

UGT entrou na negociación sen compartir o enfoque inicial, excesivamente centrado no absentismo, co obxectivo de cambialo, basicamente, por responsabilidade cos traballadores e traballadoras galegas. De ter quedado fóra, probablemente, hoxe o Plan tería un enfoque totalmente diferente e, de seguro, máis centrado na idea inicial do absentismo.

 

O proxecto final incorpora cuestións que UGT considera fundamentais: a prevención nas empresas, os riscos psicosociais, os trastornos musculoesqueléticos, a saúde mental, as condicións de traballo e as demoras na atención sanitaria que poden prolongar innecesariamente os procesos de incapacidade temporal

 

Precisamente, grazas ao traballo e ás achegas de UGT-Galicia en cada una das xuntanzas que precederon ao Plan final, o proxecto final incorpora cuestións que UGT considera fundamentais e que durante demasiado tempo permaneceron nun segundo plano: a prevención nas empresas, os riscos psicosociais, os trastornos musculoesqueléticos, a saúde mental, as condicións de traballo e as demoras na atención sanitaria que poden prolongar innecesariamente os procesos de incapacidade temporal.

 

Así, o Plan contempla medidas de prevención e benestar laboral, o reforzo do ISSGA, melloras na atención sanitaria, actuacións específicas en saúde mental e patoloxías musculoesqueléticas, adaptación dos postos e mecanismos para favorecer unha reincorporación segura e evitar recaídas.

 

Para UGT-Galicia, a clave do debate sempre estivo en que “non se pode pedir que unha persoa deixe de estar de baixa se antes non se resolve o problema que a levou a enfermar”. De pouco serve poñer o foco no número de baixas se non se actúa sobre as causas que as provocan.

 

Unha lesión que tarda meses en ser atendida, un problema de saúde mental sen resposta suficiente ou unha persoa que regresa ao mesmo posto e ás mesmas condicións que contribuíron á súa enfermidade non son un problema de absentismo, son un problema de saúde laboral que debe ser abordado.

 

O traballo non remata coa aprobación do Plan. UGT vai estar vixiante para que os 45 millóns non sexan unha declaración de intencións e reclama transparencia na avaliación das medidas e que teñan o seu reflexo nos Orzamentos da Xunta de Galicia

UGT considera que o traballo non remata coa aprobación do Plan. Os 45 millóns comprometidos teñen que converterse en persoal, medios, prevención, atención sanitaria e actuacións reais e teñen que ter o seu correspondente reflexo nos Orzamentos da Xunta de Galicia.

Non abonda con aprobar un Plan nin con anunciar unha dotación económica. Os recursos necesarios teñen que estar efectivamente consignados nos Orzamentos da Xunta e posteriormente executados.

UGT estará vixiante para comprobar que os compromisos económicos se incorporan ás contas públicas e que os recursos chegan ás medidas para as que foron comprometidos, tal e como a propia Xunta sinalou, tras o preacordo do Plan.

Desde fóra é posible denunciar. Desde dentro tamén é posible cambiar

UGT considera tamén necesario aclarar que este proceso non foi unha negociación na que todas as organizacións sindicais participasen e na que finalmente só unha decidise asinar. Outras centrais optaron por non participar. UGT decidiu facelo, presentar propostas e pelexar por modificar o contido inicial.

 

O sindicato respecta as discrepancias, pero reivindica tamén a utilidade da negociación colectiva e do diálogo social para conseguir avances concretos.

 

“Negociar non significa renunciar ás reivindicacións. Significa intentar que as reivindicacións se convertan en medidas, recursos e dereitos concretos para as persoas traballadoras”, sinala UGT.

Para o Sindicato, a saúde laboral non se mellora culpabilizando a quen está de baixa. Mellórase actuando antes de que a enfermidade apareza, mellorando as condicións de traballo e garantindo a atención sanitaria. 

Máis e mellor atención sanitaria, máis coidado e por unha recuperación con dereitos

En definitiva, desde UGT-Galicia apóstase por máis e mellor atención sanitaria e máis coidado e por unha recuperación con dereitos.

 

Fuente: UGT-Galicia