Non podemos caer na autocompracencia: aínda hai demasiadas persoas que queren traballar e non poden facelo

Desde UGT-Galicia seguiremos traballando para que o emprego non só creza, senón que o faga con estabilidade, con salarios dignos e con oportunidades reais para todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás

Fecha: 02 Jul 2025

paroxull25

Non podemos caer na autocompracencia: aínda hai demasiadas persoas que queren traballar e non poden facelo

Desde UGT-Galicia seguiremos traballando para que o emprego non só creza, senón que o faga con estabilidade, con salarios dignos e con oportunidades reais para todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás



 

Santiago, 2 de xullo de 2025.- Os datos do paro rexistrado e de afiliación á Seguridade Social correspondentes ao mes de xuño, publicados hoxe, consolidan unha evolución positiva do emprego. A redución do desemprego en 4.387 persoas e o incremento da afiliación en 7.844 —ata alcanzar un novo récord de 1.102.651 persoas afiliadas— reflicten unha creación de emprego robusta, mesmo nun contexto internacional adverso.

A reforma laboral foi determinante para este cambio de tendencia e os seus efectos nótanse na calidade do emprego: a taxa de temporalidade caeu ao 14,72% (14 puntos menos que antes da reforma). Ademais, o 28,43% dos contratos asinados en xuño foron indefinidos, cando antes apenas representaban o 8,62%.

Pero desde UGT-Galicia advertimos que non podemos caer na autocompracencia. A pesar destes avances, aínda hai máis de 107.000 persoas en situación de desemprego e moitas delas levan moito tempo buscando emprego sen atopalo. O paro de longa duración segue sendo unha realidade inaceptable que require unha resposta contundente de todas as administracións públicas. É imprescindible reforzar o acompañamento a estas persoas e mellorar de maneira urxente as políticas activas de emprego, dotando aos servizos públicos dos recursos humanos e materiais necesarios para garantir unha atención eficaz e unha intermediación real co mercado de traballo.

Así mesmo, persisten outras debilidades estruturais que deben abordarse con urxencia. Aínda que a temporalidade baixou de forma drástica, a parcialidade non o fixo ao mesmo ritmo, e especialmente a parcialidade involuntaria, que afecta ao 44% das persoas ocupadas a tempo parcial. Esta situación xera inseguridade laboral, baixos ingresos e pon en evidencia que non basta con crear emprego: hai que crear emprego de calidade e con dereitos.

Neste sentido, UGT-Galicia defende a necesidade de avanzar en incrementos salariais sostidos. A elevada inflación dos últimos anos deteriorou o poder de compra das persoas traballadoras. Subir os salarios non só é unha cuestión de xustiza social, senón tamén un elemento crave para impulsar o consumo e revitalizar o mercado interior. O novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva debe contribuír a garantir melloras salariais reais, vinculación coa produtividade e unha repartición máis equitativa dos beneficios empresariais.

Por último, UGT-Galicia esixe ao Goberno que protexa o contrato de traballo e cumpra cos seus compromisos internacionais en materia de despedimento. Fai máis dun ano, o Comité Europeo de Dereitos Sociais deu a razón a UGT ao considerar que a regulación do despedimento en España vulnera a Carta Social Europea. A esta resolución sumouse recentemente outra no mesmo sentido. A pesar diso, o Goberno non levou a cabo ningunha modificación lexislativa, en flagrante incumprimento das súas obrigacións internacionais. Por iso, UGT instou fai máis dun mes a execución formal destas resolucións. Non se pode seguir demorando unha reforma imprescindible para protexer de forma efectiva os dereitos das persoas traballadoras.

Desde UGT-Galicia seguiremos traballando para que o emprego non só creza, senón que o faga con estabilidade, con salarios dignos e con oportunidades reais para todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego caeu en 4.387 persoas con respecto ao mes anterior (3,93%) e no Estado esta cifra tamén baixou, un 1,99%. No ano tamén se rexistrou unha contracción do desemprego, baixando en 10.684 persoas, un 9,06% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 107.254 persoas, mínimo histórico en Galicia dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades, aínda que máis acusada a diminución, baixou no mes nun 8,17%, e no ano a diminución foi dun 8,13%.

Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 4,55% entre os homes e no caso das mulleres nun 3,50%. No ano baixou o desemprego tamén en ambos casos, o 9,99% entre os homes e o 8,40% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,97% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 63.251 mulleres, fronte a 44.003 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes baixa en todos. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 4,35%; na industria, nun 3,52%; nun 2,53% na construción; en servizos, nun 4,06%; e o 4,17% no colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos tamén. Así, diminúe un 13,77% no primario; o 12,19% na industria; o 13,35% na construción; o 8,17% no sector servizos; e o 7,83% entre o colectivo de sen emprego anterior.

Territorialmente, o desemprego tamén baixa en todas as provincias. O 3,60% na Coruña, 3,50% en Lugo, 4,17% en Ourense e un 4,30% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 9,56% na Coruña, 6,19% en Lugo, 8,44% en Ourense e o 9,44% en Pontevedra.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 28,43%. Realizáronse en xuño un total de 72.605 contratos en Galicia. No mes de xuño de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 8,62%.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 65,7%, e no sector primario, do 55,7%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 26,8%, e na industria, do 23,5%.

En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 64,52% (74,4% no Estado), con 65.246 persoas beneficiarias. Deste total, 28.567 perciben subsidios e 1.357 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 35.138. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.102.651 de media mensual, crecendo o 0,72% no mes e aumentando un 1,64% no ano.

Fuente: UGT-Galicia