No Día internacional para a erradicación da pobreza UGT lembra que en Galicia a taxa de risco de pobreza ou exclusión social xa se sitúa no 22,6%
Fecha: 17 Oct 2018
UGT-Galicia, con motivo do Día internacional para a erradicación da pobreza, denuncia ingresos inferiores á media estatal; unha taxa de risco de pobreza e exclusión social demasiado elevada para unha economía que se supón que está nunha etapa expansiva; as persoas que viven en fogares con baixa intensidade no traballo increméntanse progresivamente; e unha taxa de pobreza, excluídas as transferencias sociais, que xa se sitúa no 34,64% nesta Comunidade.
Unha situación que é froito dunha recuperación económica que non está a chegar aos traballadores nin aos fogares galegos como consecuencia dun mercado laboral incapaz de xerar o volume de traballo que necesita Galicia e cun emprego xerado de baixa calidade que non ten capacidade para atender as necesidades dos fogares galegos. As políticas impostas de recortes nos últimos anos están detrás disto e un claro exemplo no eido laboral foron as reformas laborais impostas estériles en materia de creación de emprego e que só trouxeron consigo importantes bolsas de precariedade para os traballadores galegos.
A renda media dos fogares galegos é 1.025 euros ao ano menor que a do resto do Estado
Segundo a Enquisa de condicións de vida do INE do ano 2017 (dato de recente publicación, o 21 de xuño de 2018), os galegos e galegas teñen unha renda media por fogar de 26.533 euros anuais, por debaixo da media estatal que se sitúa nos 27.558 euros, é dicir, 1.025 euros menos.
Se a análise se fai por persoa, tamén resulta máis negativa para os galegos e as galegas, xa que a renda media nesta caso é de 10.753 euros ao ano, fronte aos 11.074 do resto do Estado, unha diferenza de 321 euros ao ano.
Resulta evidente que detrás disto existe unha política salarial, á que imperou nos últimos anos, de depreciación da que urxe saír para rachar esta círculo pernicioso no que se ven inmersos milleiros de traballadores, baixos salarios e precariedade, que leva a unha perda continua de poder adquisitivo.
O risco de pobreza ou exclusión social é en Galicia do 22,6% (612.085 persoas)
Outro dato que evidencia que as condicións de vida dos galegos non melloran é o indicador agregado Arope de risco de pobreza ou exclusión social que no ano 2017 situouse en Galicia no 22,6%. Isto supón que en Galicia hai 612.085 persoas en risco de pobreza ou exclusión social. Pero é que 506.460 persoas, o 18,7% da poboación galega, están en risco de pobreza severa. E 65.000 persoas, o 2,4% da poboación, sofren carencias de material severas tamén.
O 12% da poboación galega vive en fogares con baixa intensidade no traballo
As estatísticas, que son teimudas á recuperación, tamén amosan que o 12% da poboación galega vive en fogares con baixa intensidade no traballo. Aquí só se ten en conta á poboación entre os 0 e os 59 anos. Que é un fogar con baixa intensidade no traballo?, aquel no que os seus membros en idade de traballar o fixeron menos do 20% do total do seu potencial de traballo durante o ano de referencia.
Neste punto da análise, resulta destacable o progresivo aumento da poboación que vive en fogares con baixa intensidade no traballo, xa que en nove anos, do 2008 ao 2017, pasou do 7,6% ao 12%.
Precariedade, temporalidade e a parcialidade do mercado laboral, de seguro, están detrás destas cifras, xa que non permiten manter unha vida laboral estable, sostida no tempo e de calidade.
A taxa de risco de pobreza antes de transferencias sociais é en Galicia do 34,64%
Tamén é interesante analizar a taxa de risco de pobreza antes de transferencias. Para isto, calcúlase a porcentaxe de persoas que en Galicia teñen un ingreso equivalente ou inferior ao limiar de risco de pobreza, que se establece no 60% da mediana de ingresos equivalentes. Neste caso, excluímos as transferencias sociais (prestacións contributivas e non contributivas ou prestacións ou subsidios por desemprego). Neste caso, a porcentaxe de galegos e galegas que están nesta situación sube ata o 34,64% (dato ano 2016 do IGE da Enquisa estrutural dos fogares). Se non lle restamos as transferencias sociais, a porcentaxe baixa ao 16,06%.
Isto evidencia a forte dependencia que hai en Galicia das transferencias sociais para garantir a cohesión social consecuencia ou ben da falta de oportunidades nun mercado laboral cativo ou consecuencia de, unha vez se entra no mercado laboral, da súa febleza e precariedade.
UGT-Galicia lembra que no que levamos de ano 2018 o 91% dos contratos rexistrados foron temporais e que o peso dos contratos a tempo parcial é cada vez maior, xa supoñen o 37% do mercado laboral.
No desemprego tamén impera a precariedade cun descenso continuado das persoas beneficiarias de prestación; unha baixada continua das contías medias; a diminución do gasto en materia de prestacións; o que conduce a unha taxa de cobertura tan só do 53,5% no que levamos de anos cando no 2011 esta era aínda do 68,8%.
Non se pode esquecer que o número de persoas que en Galicia levan máis dun ano na procura de emprego ascende a 93.200 persoas, o 53,3% do total dos desempregados.
Todo apunta a que a tímida recuperación do emprego se está baseando nun modelo produtivo xa coñecido, cun marcado carácter estacional que permite melloras en etapas vacacionais e que se sustenta en actividades de menos valor engadido.
Deste xeito, encamiñámonos cara un sistema baseado en baixos custes laborais, con escaso investimento en tecnoloxías e formación e no que prima o traballo precario, temporal e a tempo parcial.
A depreciación salarial está afundindo a calidade de vida de millóns de familias e incrementando os niveis de pobreza, polo que urxe que os salarios gañen poder de compra e isto precisa dun sistema de políticas de emprego eficiente, que potencien e reformulen as políticas activas de emprego e a contratación indefinida con dereitos e de calidade.
Para elo, o IV Acordo de Negociación colectiva é una ferramenta moi valiosa porque ten como obxectivos a creación de emprego, a mellora da empregabilidade dos traballadores e a competitividade das empresas, aposta por ganancias do poder de compra dos salarios para fortalecer a demanda interna, reducir as desigualdades e mellorar a distribución da renda.
Neste contexto tamén urxe unha mellora das prestacións por desemprego que a día de hoxe están baixo mínimos e un plan de emprego de choque para impulsar a contratación laboral e o emprego, especialmente, dos colectivos en peores condicións, parados de longa duración, mozos e traballadores sen formación. E, todo elo, no marco dun novo modelo produtivo máis eficiente e sostible, sen o cal non haberá unha saída real da crise.
Isto esixe profundas e continuas transformacións en ámbitos cruciais da actividade económica e laboral e aumentar as capacidades de actuación públicas, reformando a fiscalidade con actuacións de ingreso e gasto público que inflúan decisivamente sobre o modelo económico e de sociedade, e son unha ferramenta esencial para lograr unha redistribución xusta e equitativa da renda e do benestar.
NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É MARÍA ISABEL GONZÁLEZ, SECRETARIA DE POLÍTICAS SOCIAIS. TELÉFONO: 629856620.
|
|
Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (indicador AROPE)
|
En risco de pobreza (renda ano anterior á entrevista)
|
Con carencia material severa
|
Vivindo en fogares con baixa intensidade no traballo (de 0 a 59 anos)
|
|
2008 |
25,1 |
20,9 |
3,0 |
7,6 |
|
2009 |
24,6 |
20,6 |
3,4 |
7,9 |
|
2010 |
22,7 |
18,1 |
4,4 |
12,2 |
|
2011 |
21,0 |
16,1 |
2,5 |
11,9 |
|
2012 |
23,8 |
18,3 |
4,1 |
14,7 |
|
2013 |
24,3 |
17,2 |
4,6 |
14,1 |
|
2014 |
23,8 |
15,4 |
5,5 |
14,9 |
|
2015 |
25,7 |
19,4 |
4,2 |
13,8 |
|
2016 |
25,4 |
19,0 |
4,1 |
13,6 |
|
2017 |
22,6 |
18,7 |
2,4 |
12,0 |