As mulleres galegas seguen a sufrir máis desemprego, máis precaridade e menor protección social

Aínda que no eido lexislativo existen medidas para promover o cumprimento do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres en materia laboral, a realidade é que aínda seguen a existir importantes discriminacións e desigualdades de xénero no emprego, o traballo e tempo parcial, as retribucións, as pensións, a toma de decisións e a ocupación dos postos de responsabilidade, o traballo non remunerado e a asunción das responsabilidades familiares. Todo isto é unha situación xa estrutural que se agudizou coa crise e os recortes impostos e que está a contribuír a un maior risco de pobreza e exclusión social das mulleres.


Se a UE mantén o actual ritmo de progreso necesitaranse 70 anos para lograr a igualdade retributiva, 40 anos para conseguir unha repartición equitativa das tarefas domésticas, 30 anos para que a taxa de emprego das mulleres acade o 70 por cento e 20 anos para lograr o equilibrio de xénero en política.


Neste contexto conmemórase, un ano máis, o 8 de marzo, Día internacional da muller traballadora, e con motivo desta data UGT vai celebrar ao longo desta semana actos e recoñecementos en todas as súas comarcas e hoxe presentou en rolda de prensa na Coruña o “Informe sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia”.


Neste informe conclúese que o mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino en todas as súas variables. A pesar da progresiva incorporación da muller ao eido laboral, seguen persistindo fortes diferenzas. As taxas de actividade e ocupación feminina son 9,7 e 8,7 puntos inferiores á masculina e a do paro supera á masculina en 1,3 puntos.


A TAXA DE ACTIVIDADE DAS MULLERES GALEGAS, Á COLA DO ESTADO


Se se compara a taxa de actividade feminina galega coa do resto do Estado, as mulleres galegas tamén saen perdendo con 4,7 puntos menos. Sendo tan só as mulleres de Ceuta, Asturias e Estremadura as que rexistran taxas de actividade inferiores á galega. O maior diferencial obsérvase con Madrid, Baleares e Cataluña.


Nunha análise por sectores, perpetúase a segregación horizontal, encadrándose o 83,8 por cento das mulleres empregadas no sector servizos. Séguelle o sector industrial, co 9,6 por cento.


Da análise tamén se desprende que hai unha maior tendencia ao emprego por conta propia no caso dos homes, un 24,12 por cento, fronte ao 18,39 por cento das mulleres.


Sen embargo, as mulleres seguen a ter un maior peso no sector público, cun 56,46 por cento do emprego total, fronte ao 45,28 por cento do sector privado.


A TAXA DE TEMPORALIDADE ENTRE AS MULLERES É CASE CATRO PUNTOS SUPERIOR Á DOS HOMES


A tan denunciada precariedade do noso mercado laboral tamén é un factor que afecta dun xeito máis incisivo ás traballadoras. Así, a taxa de temporalidade entre as mulleres traballadoras galegas sitúase no 28,2 por cento, mentres que a masculina é do 24,3 por cento. Neste senso, hai que subliñar que esta diferenza vénse incrementando dende o ano 2013, cando era de 2,6 puntos, ata os 3,9 actuais.


En canto á segregación vertical, dende UGT-Galicia denúnciase que tan só 9.900 mulleres galegas están ocupadas en postos de dirección ou xerencia, fronte a 25.900 homes. En termos porcentuais isto significa que tan só o 2 por cento da poboación ocupada feminina está en postos de dirección ou xerencia. Constátase así que o “teito de cristal” segue estando presente para as mulleres na súa participación no mercado de traballo. De feito, as mulleres só representan o 11,75 por cento nos órganos de dirección das empresas do IBEX 35, 59 mulleres fronte a 443 homes.


A IGUAL NIVEL FORMATIVO, AS TAXAS DE OCUPACIÓN SEGUEN A SER SUPERIORES PARA OS HOMES


Do informe tamén se deduce que a igual nivel de formación, os homes seguen a acadar maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. As menores diferenzas, aínda que considerables, danse nos niveis de educación superior, con taxas de ocupación do 70,2 por cento para os homes e do 69,4 por cento para as mulleres.


O DESEMPREGO DE MOI LONGA DURACIÓN REDUCIUSE EN MAIOR MEDIDA NO CASO MASCULINO QUE NO FEMININO


En materia de desemprego, a gran lacra do mercado laboral galego, a taxa de paro segue sendo superior entre as mulleres en 1,3 puntos, crecendo dende o ano 2012 cando a taxa de paro era superior entre os homes (como consecuencia da perda de emprego en sectores fortemente masculinizados e afectados pola crise), igual que no 2013 e xa a partir do 2014 a muller situouse á cabeza en taxas de desemprego ata o día de hoxe.


Tamén o desemprego de moi longa duración reduciuse en maior medida no caso masculino que no feminino. Deste xeito, no último ano descendeu en 7.300 o número de homes que se atopaban en situación de desemprego de moi longa duración e a baixada no caso das mulleres foi de 4.500.


A todo isto hai que engadir que tan só o 43,3 por cento das mulleres en paro perciben unha prestación, fronte ao 56,7 por cento dos homes, o que leva en moitos casos ás mulleres a situacións de pobreza ou exclusión social, non atopando resposta ou cobertura por parte das administracións.


O informe de UGT-Galicia apunta a que as desigualdades continúan. Do total das persoas que nin teñen nin buscan traballo por ter que coidar de menores, persoas adultas enfermas ou con discapacidade o 92,16 por cento son mulleres. Un exemplo máis da renuncia das mulleres ao mercado laboral por ter que dedicarse á atención das reponsabilidades familiares. É aquí onde o Sindicato insiste na necesidade de articular verdadeiras e efectivas políticas de conciliación e corresponsabilidade para poder mudar esta tendencia.


Como xa denunciou o Sindicato hai unhas semanas, a desigualdade das retribucións entre homes e mulleres en Galicia chega ao 20,9 por cento.


Dende UGT-Galicia insístese moito na necesidade de abordar o tema da conciliación e corresponsabilidade con medidas de apoio efectivas e reais. As mulleres seguen adicando unha media de 4 horas e 31 minutos ao día ás tarefas do fogar e os homes tan só 2 horas e 40 minutos.


O 94 POR CENTO DAS PERSOAS QUE TEÑEN CONTRATO A TEMPO PARCIAL PARA COIDAR A MENORES OU MAIORES SON MULLERES


A parcialidade tamén vai pegada á muller. Do total das persoas traballadoras que teñen un contrato a tempo parcial por ter que coidar de menores, de persoas maiores ou ter que atender outro tipo de responsabilidades familiares, máis do 94 por cento son mulleres. Pero é que do total das mulleres que teñen un contrato a tempo parcial, o 74,8 por cento o teñen por non atopar un a tempo completo, é dicir, involuntario, fronte a tan só o 25,2 por cento dos homes.


O 73,8 POR CENTO DOS CASOS DE REDUCIÓN DE XORNADA POR COIDADO DE FILLOS CORRESPONDEN A MULLERES


Cando se fala de corresponsabilidade, as cifras evidencian que aínda se está moi lonxe de que esta sexa real a efectiva. Pero moi lonxe. As prestacións por maternidade as desfrutan as mulleres en exclusiva no 97,5 por cento dos casos; as reducións de xornada por coidado legal son solicitadas por mulleres no 73,8 por cento dos casos; e as excedencias por coidado familiar as solicitan as mulleres no 89,1 por cento dos casos.


A xa denunciada precarización que sofren as mulleres no mercado laboral é evidente que só pode conducir, chegado o caso, a menor protección social. A incorporación das mulleres ao mercado laboral trouxo consigo o seu maior acceso á protección social a nivel contributivo pero aínda moi por debaixo dos homes. Así, a perciben un 42,3 por cento das mulleres, fronte ao 57,7 por cento dos homes e a brecha salarial elévase nestes casos ao 38 por cento.


Pola contra, no caso da protección social non contributiva, con contías moito máis baixas, si son maioría as mulleres, o 77,53 por cento do total, cun importe medio neste caso de tan só 355,39 euros.


Para UGT-Galicia, é evidente que o camiño para lograr a igualdade efectiva é moi longo aínda. Queda moito por facer. Pasa porque a sociedade no seu conxunto tome conciencia de que a igualdade entre homes e mulleres é un dereito irrenunciable. Só garantindo a igualdade real conseguirase unha sociedade máis xusta, que traerá consigo a eliminación de todas as barreiras ás que hoxe en día se enfrontan as mulleres.


A crise trouxo consigo moitas inxustizas e a imposición dunha serie de recortes en materia de dereitos básicos que afectou máis e aínda afecta aos sectores máis desprotexidos da sociedade. Neste caso ás mulleres que, como xa se denunciaba en parágrafos precedentes, son moitas as que cada día se aproximan, e moitas atravesan, o limiar da pobreza ou exclusión social. E isto é un problema que a nosa sociedade non pode consentir.


Hai que facilitar o acceso e permanencia das mulleres ao mundo laboral, creando máis emprego e de calidade, nun contexto no que impere a corresponsabilidade e no que as políticas públicas garantan a atención de menores e persoas dependentes, permitindo compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral de todos os traballadores e traballadoras.


É imprescindible e inaprazable que os poderes públicos, as administracións, tomen cartas no asunto e poñan enriba de mesa todas as medidas necesarias para que a igualdade sexa dunha vez por todas real e efectiva en todos os eidos, social e laboral, contrariamente ao levado a cabo durante os últimos anos, deixando baixo a escusa da crise a igualdade nun segundo lugar.


NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É A SECRETARIA DE IGUALDADE, XUVENTUDE E MOVEMENTOS SOCIAIS DE UGT-GALICIA, MÓNICA RODRÍGUEZ. TELÉFONO: 628470657.​

Fuente: UGT-Galicia