Miles de persoas saíron ás rúas das vilas e cidades galegas para reclamar que se suban os salarios, que se baixen os prezos e se repartan os beneficios

Fecha: 01 May 2023

Miles de persoas saíron ás rúas das vilas e cidades galegas para reclamar que se suban os salarios, que se baixen os prezos e se repartan os beneficios

 

Santiago, 1 de maio de 2023.- Miles de persoas, convocadas por UGT e CCOO, saíron ás rúas das principais vilas e cidades galegas para celebrar este Primeiro de Maio baixo o lema “Subir salarios, baixar prezos e repartir beneficios”.

Xa é o segundo ano que se celebra un Primeiro de Maio marcado pola guerra en Ucraína, feito que estivo presente en todas as mobilizacións nas que puxo de relevo a necesidade, hoxe máis que nunca, de facer fincapé na solidariedade internacional e no compromiso coa paz. Porque hai que poñer fin a un conflito orixinado pola invasión ilexítima de Rusia sobre Ucraína. Unha agresión que está a significar un terrible drama humano e está a provocar tamén unha tensión xeopolítica a nivel mundial que está a repercutir economicamente no incremento dos prezos, sobre todo, no contexto da UE. O que, sumado a alza dos tipos de xuro, problemas na subministración ou subida do prezo da vivenda está a provocar unha conxuntura que xera serias dificultades para moitos fogares para chegar a fin de mes.

Neste Primeiro de Maio CCOO e UGT denunciaron que esta subida da inflación non ven motivada só polo contexto internacional, unha parte importante desta subida a orixinan o exceso de beneficios empresariais. As empresas repercuten as subidas enerxéticas e de materias primas no prezo final cara os consumidores, para manter as súas marxes de beneficios, o que está a afectar dun xeito moi negativo sobre os segmentos máis vulnerables da poboación.

Ante isto, CCOO e UGT esixen neste Primeiro de Maio responsabilidade social por parte das empresas pero tamén unha resposta pública que lles permita aos máis vulnerables facer fronte á subida dos prezos. Se ben é certo que xa se puxeron enriba da mesa medidas neste senso, ante a conxuntura actual, hai que reforzalas e dotalas de eficacia.

Este Primeiro de Maio debe servir tamén para saudar todo o conseguido no contexto do diálogo social a través dos acordos alcanzados entre Goberno e os sindicatos UGT e CCOO. Os acordos en materia de pensións e SMI supoñen a protección das rendas de preto de 900.000 persoas en Galicia, manténdose o poder adquisitivo de 770.000 pensionistas e de máis de 100.000 persoas que dependen do SMI. Hai que lembrar que as pensións tiveron un incremento do 8,5% e que o SMI acumula unha subida do 47% na lexislatura.

Pero aínda hai materias pendentes. Ante unha inflación tan elevada como a actual, hai que protexer as rendas do traballo, os salarios. Urxe garantir, mediante a negociación colectiva, salarios que crezan en parámetros equivalentes á inflación, para o que hai que esixir en todos os convenios cláusulas de garantía salarial. Para isto, apostamos polo V AENC que debe servir para garantir o poder de compra pero tamén para implementar nos convenios toda a normativa que se ten aprobado, como a reforma laboral ou adaptación a un novo modelo económico máis sostible. UGT e CCOO van traballar polo acordo pero, se se pechan as portas, tanto nos convenios individuais como ao AENC, haberá conflito nas rúas.

O emprego tamén vai seguir sendo o principal obxectivo sindical. A reforma laboral de 2021 está a melloralo, superando o millón de persoas afiliadas á Seguridade Social en Galicia, reducíndose a temporalidade en tan só un ano en 7,7 puntos na nosa Comunidade, a contratación indefinida pasa dunha media mensual do 9,5% ao 38%, mellórase o emprego de mulleres e mozos. É dicir, a reforma laboral da os seus froitos pero hai que seguir traballando nesta liña.

Queda camiño por andar, con case tres millóns de persoas en situación de desemprego en España, 142.000 en Galicia. Hai que buscarlle unha saída digna a todas estas persoas, reforzando as políticas activas de emprego e os servizos públicos de emprego.

A ambos sindicatos tamén lles preocupa o custo do despedimento neste país. España asinou no 2021 a Carta Social Europea, de obrigado cumprimento. Pero no noso país aínda segue a ser fácil e barato despedir. Hai que avanzar cara un custo do despedimento suficientemente disuasorio, xusto e axeitado ás circunstancias sociais, vitais e de reempregabilidade das persoas vítimas de decisións inxustas, de acordo coa doutrina do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

En definitiva, este Primeiro de Maio debe servir para saudar os logros acadados que están a permitir que os efectos das dúas grandes crises destes últimos anos sexan máis leves para o conxunto da clase traballadora, pero tamén para demandar que se manteña e se faga fincapé nas medidas que garanten o paraugas social. Apostamos por seguir incidindo nas políticas sociais, fortalecemento dos servizos públicos, polo dereito a unha vivenda digna, polo emprego de calidade, pola igualdade, a fiscalidade suficiente e progresiva... Temos que seguir avanzando en dereitos, liberdades e dignidade para que as maiorías sociais vivan mellor.


 

Fuente: UGT-Galicia