Miles de persoas mobilizáronse en Galicia neste Primeiro de Maio en demanda de pleno emprego, menos xornada e mellores salarios

Miles de persoas, convocadas por UGT e CCOO, mobilizáronse hoxe nas cidades e vilas galegas -A Coruña (acto central), Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo- para celebrar este Primeiro de Maio baixo o lema “Polo pleno emprego: menos xornada, mellores salarios”.

Fecha: 01 May 2024

co

Miles de persoas mobilizáronse en Galicia neste Primeiro de Maio en demanda de pleno emprego, menos xornada e mellores salarios

Santiago, 1 de maio de 2024.- Miles de persoas, convocadas por UGT e CCOO, mobilizáronse hoxe nas cidades e vilas galegas -A Coruña (acto central), Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo- para celebrar este Primeiro de Maio baixo o lema “Polo pleno emprego: menos xornada, mellores salarios”. 

Despois dunha lexislatura de reformas e avances, que hai que seguir profundando nestes porque aínda queda moito por facer.

Se ben é certo que a reforma laboral mellorou a calidade do emprego, tamén o é que as taxas de desemprego seguen a ser elevadas e hai que seguir traballando de cara o pleno emprego, este debe ser o obxectivo. Nesta liña de traballo, neste Primeiro de Maio demandouse a redución da xornada laboral, camiñar cara as 37,5 horas por lei, e todo isto acompañado de mellores salarios porque a situación económica e os amplos beneficios empresariais así o permiten. 

Neste Primeiro de Maio tamén se lembrou o proceso de eleccións na UE que se vai celebrar. Ante o que os países da Unión e os seus traballadores xóganse moito, ben manter as políticas expansivas e de protección social e económica ou volver ás políticas de austeridade que tan malos resultados deron no pasado e que tanto sufrimento causaron ás familias.

O escenario económico, tanto en España como en Galicia, con crecementos económicos en ambos contextos, incluso por enriba do conxunto da UE, permite seguir mellorando as condicións laborais dos traballadores e traballadoras e situar a meta no pleno emprego.

Neste contexto, marcado ademais pola chegada dos fondos europeos, tamén se demandou unha aposta decidida por un novo modelo industrial e enerxético. Un novo modelo que, para UGT, debe ser froito do consenso. Neste senso, o Sindicato saúda a proposta realizada pola Xunta, aínda que tardía, para un pacto pola enerxía e a industria, no que UGT, no marco do diálogo social, comprométese a traballar.

Neste Primeiro de Maio alertouse que en materia de emprego Galicia segue a rexistrar algúns valores que debe corrixir, peores que as taxas do Estado, como as de afiliación á Seguridade Social ou as taxas de actividade. Polo que no marco do diálogo social UGT aposta por potenciar os servizos públicos de emprego e mellorar as políticas activas de emprego.

Así, a aposta polo diálogo social en Galicia, que tan bos resultados deu no Estado, UGT-Galicia demanda que sexa clara e nesta liña vaise traballar.

Neste Primeiro de Maio ás críticas ás inasumibles cifras de sinistralidade laboral que se rexistran tamén estiveron nas mobilizacións. Urxe reforzar as políticas nesta materia e comezar a traballar nun cambio da Lei de Prevención porque o mundo do traballo mudou moito nos últimos anos e a lexislación ten que adaptarse a estes cambios.

Outras demandas que tamén estiveron presentes nas manifestacións foron avanzar nas negociacións que se están a facer no eido do diálogo social en materia de xubilación parcial e contrato relevo. Así como protexer o contratos de traballo cunha nova regulación do despedimento que respecte os compromisos internacionais adquiridos polo noso país a través da Carta Social Europea.

Tamén urxe unha reforma fiscal que reforce a equidade da contribución e a capacidade das políticas públicas. Entre outras cousas, que permitan despregar unha potente estratexia de coidados no marco dunha recuperación do conxunto dos servizos públicos e da atención á cidadanía. É necesario culminar o desenvolvemento do sistema de atención á dependencia, unha necesidade social e un xacemento de emprego que debe ser de calidade e ben remunerado.

O dereito á vivenda digna segue a ser unha materia pendente na que tamén urxe traballar.

Finalmente, este Primeiro de Maio tampouco foi alleo á situación política de confrontación. España precisa racionalizar as discrepancias lexítimas entre os partidos para emprender os consensos necesarios ante as reformas, retos e desafíos que hai por diante. Para iso, hai que partir do recoñecemento da lexitimidade da actual maioría parlamentaria, rebaixando o ton de crispación política que limita a capacidade de dar resposta aos verdadeiros problemas do país.



 



 

Fuente: UGT-Galicia