Miles de persoas mobilizáronse en Galicia neste Primeiro de Maio
Para demandar mellores salarios, o reforzo dos servizos públicos, máis seguridade laboral, vivenda digna e paz
Fecha: 01 May 2026
Primeiro de Maio
Miles de persoas mobilizáronse en Galicia para demandar mellores salarios, o reforzo dos servizos públicos, máis seguridade laboral, vivenda digna e paz
Santiago, 1 de maio de 2026.- Miles de persoas participaron en Galicia nos actos e mobilizacións, convocados por UGT e CCOO, para celebrar este Primeiro de Maio baixo o lema “Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia”. Celebráronse manifestacións na Coruña, onde foi o acto central no que participaron o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez; Ferrol; Santiago; Lugo; Ourense; Pontevedra; Vilagarcía; e Vigo.
Este Primeiro de Maio contextualízase nun momento complexo, marcado pola inestabilidade e os conflitos bélicos, polo que a cidadanía, ademais de reclamar a mellora das condicións laborais e sociais, demandou paz e respecto ao dereito internacional. A cidadanía galega tamén esixiu nas rúas unha Unión Europea valente e propositiva que se comprometa na defensa dos dereitos humanos.
Este ano, o Primeiro de Maio tamén se celebrou nun momento decisivo no que están en xogo, non só as condicións de vida da clase traballadora, senón a propia calidade das democracias. Fronte aos que buscan o enfrontamento e levantar trincheiras, o movemento sindical responde con máis dereitos, máis cohesión social e máis democracia.
Están en xogo as nosas sociedades tal e como as entendemos, as nosas propias democracias. Polo que a cidadanía galega saíu ás rúas demandando a necesidade de frear o avance da ultradereita que non é unha opción política máis, trátase dun proxecto que cuestiona dereitos fundamentais, alimenta o odio e debilita a democracia. Fronte a quen promove o odio, o sindicalismo defende a igualdade, a convivencia e os dereitos humanos.
Nas mobilizacións tamén se demandou que hai que habilitar todas as medidas necesarias para que as familias poidan chegar a fin de mes. Pedíronse mellores salarios, acceso a unha vivenda digna, máis democracia e máis e mellor estado de benestar.
Neste Primeiro de Maio, ademais, apostouse pola redución do tempo de traballo porque hai que repartir mellor o progreso nun momento no que a produtividade está a marcar os seus máximos. Pero a redución debe ir acompañada dun control horario dixital para evitar as horas extraordinarias non recoñecidas.
Trátase de traballar para vivir e iso tamén pasa por salarios dignos e suficientes que acaben coa pobreza laboral. Neste senso, hai que apostar por continuar na senda das subas do SMI porque aínda 16 de cada cen persoas traballadoras están en risco de pobreza ou exclusión social. Tampouco se pode esquecer que Galicia aínda segue estando, salarialmente, por debaixo da media estatal en moitos sectores, as persoas traballadoras teñen que chegar tranquilas a fin de mes. Os traballadores e traballadoras cada vez teñen menos participación no reparto da renda e isto é un problema. A solución pasa por subir salarios e reforzar a negociación colectiva.
Neste contexto, UGT-Galicia vai seguir apostando polo diálogo social porque funciona, grazas a este subiu o SMI, reduciuse a temporalidade e melloraron as condicións laborais. E, neste senso, aposta porque este cauce de traballo tamén se utilice para abordar outro dos problemas que está enriba da mesa, o mal chamado absentismo laboral. Non pode mesturarse absentismo con enfermidade ou permisos. Os dereitos non son absentismo.
Dende UGT non se vai aceptar a criminalización dos traballadores e traballadoras galegas. Hai que sentarse a falar pero con análises serias e na busca de solucións, non partindo da criminalización e da análise de parte. Trátase dun problema moi complexo que non se pode simplificar con simples titulares.
Relacionado con isto, este Primeiro de Maio tamén se converteu nunha plataforma de demanda para un cambio das políticas de prevención de riscos laborais e coidado da saúde porque as vixentes xa non dan resposta ao mercado laboral actual. Tan só nos dous primeiros meses do ano faleceron en Galicia 7 persoas vítimas dun sinistro laboral, 61 resultaron feridas graves e esta comunidade segue á cabeza dos índices de incidencia da sinistralidade mortal. Neste senso, urxe que se aceleren os trámites parlamentarios para ratificar a modificación da Lei de Prevención de Riscos Laborais recentemente aprobada no Consello de Ministros. Porque a lexislación xa non atalla ás circunstancias produtivas, sociais, medioambientais e laborais actuais.
Por outra banda, este Primeiro de Maio serviu para situar no centro do debate a emerxencia climática e Galicia tivo un claro exemplo deste problema cos lumes deste verán. Nesta liña, urxe unha transición enerxética xusta que protexa ás persoas e o territorio.
A cidadanía tamén berrou pola mellora e necesidade de reforzar os servizos públicos, educación, sanidade ou dependencia, e por atallar o que xa se converteu nun problema de país e que afecta a milleiros de traballadores e traballadoras, as dificultades para acceder a unha vivenda digna. Neste senso, urxe un pacto político e social e unha intervención pública decidida porque sen vivenda non hai proxecto de vida. E sen proxecto de vida non hai cohesión e democracia.