Miles de persoas mobilízanse en Galicia por unhas pensións dignas
Fecha: 02 Oct 2018
Miles de persoas, convocadas pola Unión de xubilados e pensionistas de UGT-Galicia, xunto coa de CCOO, mobilizáronse hoxe en varias cidades e vilas galegas con motivo do Día internacional das persoas maiores e en defensa dos seus dereitos, do mesmo xeito que xa se fixo a onte noutras provincias e cidades do territorio español.
Nestas concentracións deuse lectura a un manifesto, subscrito por ambos sindicatos, coas principais reivindicacións, dirixidas aos gobernos central e o da Xunta, para preservar os dereitos das persoas maiores.
Entre estas demandas, destacan a de poñer en marcha as medidas necesarias para garantir a sustentabilidade do sistema público de pensións, tal e como se viu facendo dende o ano 1995, e dende a base do acordo social e político.
Tamén se reclama a necesidade de garantir o mantemento do poder adquisitivo das pensións durante o período de percepción, establecendo o necesario sistema anual de revalorización das pensións baseado no IPC rexistrado.
Establecer unha prestación de ingresos mínimos. Neste senso, debería reactivarse a tramitación parlamentaria da ILP, promovida por UGT e CCOO, para mellorar o actual sistema de protección social.
Tamén urxe derrogar os recortes en materia sanitaria (copago farmacéutico, transporte sanitario non urxente, prestacións orto-protésicas, produtos dietéticos...) que repercuten especialmente sobre as rendas máis baixas.
Dende as unións de xubilados e pensionistas de CCOO e UGT tamén demandan potenciar os servizos de saúde pública, para o que hai que aumentar os ingresos fiscais e garantir os recursos suficientes para o bo funcionamento dos servizos públicos, incluíndo o sanitario, entre outros.
Neste contexto, UGT e CCOO demandan a implantación de xeito completo da Lei de Dependencia, posta en marcha xa hai máis de dez anos, garantindo unha atención suficiente e de calidade.
Priorizar a loita contra a desigualdade e a pobreza nas decisións económicas e laborais, tamén debe ser outro dos obxectivos, pois aínda que España recuperou o volume do PIB previo á crise, o reparto desta riqueza é moi desigual.
Ambos sindicatos tamén demandan establecer medidas eficaces contra a pobreza enerxética, establecendo un bono social, que garanta o subministro básico de enerxía a todos os fogares e impida os cortes de subministro, tendo en conta os membros da unidade familiar e o nivel de renda. Parello a isto, hai que exixir un IVE reducido para as subministracións básicas do fogar e axudar aos colectivos máis necesitados nas súas necesidades básicas: social, alimentación, sanidade e vivenda, entre outras.
CCOO e UGT fan un chamamento ao diálogo porque xa en demasiadas ocasións adoptáronse medidas e reformas unilaterais, como a reforma laboral ou a das pensións de 2013, que resultaron moi agresivas para numerosos colectivos, entre eles, o das persoas maiores.