Menos desempregados, máis desprotexidos e máis precariedade tamén para os que traballan

Fecha: 04 May 2018

Os datos facilitados hoxe polo SEPE e referidos ao paro rexistrado no mes de abril reflicten unha baixada do desemprego en Galicia, aínda que esta vése acompañada dunha diminución das taxas de cobertura ás persoas en paro e cun nivel cada vez máis alto de precariedade na contratación.

Así, no mes de abril o paro caeu nun 1,52%, aínda que dun xeito menos intenso que no resto do Estado, onde a baixada foi dun 2,53%. Hai 182.291 persoas desempregadas en Galicia, 2.812 menos que no mes anterior. No Estado a cifra de desempregados acada os 3.335.869.

En relación a hai un ano, a contracción foi en Galicia dun 10,9%, 22.338 persoas desempregadas menos.

MULLERES E MOZOS, OS MÁIS PREXUDICADOS

Por sexos, segue a rexistrarse unha peor evolución do desemprego no caso das mulleres, xa que o paro cae no 0,32% neste caso, fronte ao 3,08% no caso dos homes. De feito, as mulleres representan o 57,2% do total dos desempregados que hai en Galicia. 78.073 homes desempregados, fronte a 104.218 mulleres, a brecha no desemprego por sexos continúa. Interanualmente, mantense a tendencia, cae o desemprego un 14% entre os homes e un 8,4% entre as mulleres.

Os máis mozos, os menores de 25 anos, tamén presentan unha evolución máis negativa que o resto de idades, xa que no mes de abril o paro practicamente mantense, xa que o descenso tan só é dun 0,3%. E no ano si manteñen a tendencia do resto de idades, aínda que o desemprego diminúe nunha porcentaxe menos acusada, nun 9,2%.

Por sectores de actividade, o paro baixa en todos, salvo no colectivo de sen emprego anterior, onde sube nun 0,78%. En termos relativos, no sector que máis baixa é na construción, nun 4,56%; un 0,83% no primario; o 2,78% na industria; e un 1,20% en servizos. No ano o desemprego tamén baixa en todos os sectores, aínda que en termos absolutos a maior baixada rexístrase no sector servizos, baixando no ano o número de persoas desempregadas en 12.587.

UGT-Galicia segue a amosar a súa preocupación polas tendencias que se están configurando no mercado laboral galego, a temporalidade e precariedade. Aínda que se incrementou o emprego, os datos de contratación debuxan un panorama bastante precario. Fixéronse 81.844 contratos no mes, 6.156 máis que no mes anterior pero, destes, o 90% foron temporais.

92.309 PERSOAS EN DESEMPREGO SEN COBERTURA

Por outro lado, ao Sindicato preocúpalle a extensión da precariedade no propio desemprego, que se reflicte nunha ínfima taxa de cobertura, do 53,1%, tres puntos por debaixo da que se rexistra no resto do Estado. Así, en Galicia quedan fóra do sistema de protección por desemprego un total de 92.309 persoas, tendo en conta tanto os que teñen dereito a prestación como os que non o xeraron.

Ademais, tan só 38.684 dos beneficiarios de prestacións acceden ás contributivas, o 43% do total. Isto apunta a unha excesiva precariedade tamén no desemprego que leva a situacións límite de exclusión social ou aproximación ao limiar da pobreza.

A gran maioría da cobertura dos desempregados é de carácter asistencial, 39.897 persoas con subsidio; 9.072 perceptores da Renda activa de inserción; e 2.329 beneficiarios do Programa de activación do emprego.

Isto amosa un alto volume de desemprego estrutural de longa duración, sen dereito a prestacións, máis tendo en conta que o prazo de acceso aos programas PAE e PREPARA xa se extinguiu e limita a volta de moitas persoas ao emprego. Isto é consecuencia de non aplicar as políticas de emprego axeitadas.

UNS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO INSUFICIENTES EN MATERIA DE POLÍTICAS DE EMPREGO

Precisamente, os Orzamentos Xerais do Estado para o 2018 en materia de políticas de emprego son insuficientes, tendo en conta que estes Orzamentos por cada desempregado van destinar 6.776 euros (menos cantidade que no 2017) e 2.758 euros menos que no 2010. Un presuposto insuficiente que incide na desprotección das persoas, non fortalece o papel dos servizos públicos de emprego e esquece a necesidade mellorar a empregabilidade e inserción das persoas en desemprego, en especial en situación de longa duración.

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É JOSÉ CARLOS RODRÍGUEZ DEL RÍO, SECRETARIO DE POLÍTICA INSTITUCIONAL DE UGT-GALICIA. TELÉFONO: 658774009.





Fuente: UGT-Galicia