Mellorar as condicións laborais incentiva o crecemento económico

É o momento de seguir mellorando o mercado laboral para facelo máis eficiente e xusto

Fecha: 03 Dic 2024

paronov24

Mellorar as condicións laborais incentiva o crecemento económico

É o momento de seguir mellorando o mercado laboral para facelo máis eficiente e xusto



 

Santiago, 3 de decembro de 2024.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social de novembro mostran un descenso do número de persoas desempregadas e das afiliadas con respecto ao mes anterior, debido á caída do emprego nun mes que é tradicionalmente malo para o sector turístico.

Así, este mes hai 472 persoas menos en desemprego que en outubro, e con iso, o número total de persoas desempregadas sitúase en 121.742, o valor máis baixo para un novembro desde 1996. Comparando co mesmo mes do ano anterior, hai 9.426 persoas rexistradas como paradas menos. 

Pola súa banda, a afiliación diminúe en novembro en 2.255 persoas, motivado principalmente polo retroceso do emprego na hostalería tras o fin da tempada estival. Aínda así, trátase dun descenso lixeiramente inferior aos niveis rexistrados no período prepandemia. 

A pesar disto, o número total de persoas afiliadas continúa manténdose por encima do millón, con 1.081.121. Isto supón 17.555 persoas máis que o ano anterior, acelerándose o ritmo anual de creación de emprego do 1,5% ao 1,7%. 

Así mesmo, o máis relevante é que o emprego creado continúa sendo maioritariamente estable e de calidade, posto que a temporalidade da afiliación mantense en mínimos do 14,63%, aínda así dous puntos por enriba do Estado. Desta forma, a taxa de temporalidade segue 14 puntos por baixo da rexistrada no mesmo mes de 2021, antes de que entrase en vigor a reforma laboral, cando era do 28,4%. 

En relación á contratación, este mes formalizáronse un total de 54.406 contratos, dos que o 33,78% son indefinidos; unha proporción que, antes da reforma laboral, era do 13,45%. 

De modo que os datos deste mes volven reflectir unha evolución positiva do mercado laboral, sobre todo en termos cualitativos. Tras case tres anos de vixencia da última reforma laboral, a taxa de temporalidade segue rexistrando valores mínimos.

Abordar as cuestións pendentes como a redución de xornada ou a subida do SMI 

Agora, por tanto, é o momento de seguir mellorando cuestións pendentes do mercado laboral, para facelo máis eficiente e xusto. 

Neste sentido, ademais de insistir na redución da temporalidade, é preciso avanzar en tres ámbitos: primeiro, seguir mellorando o SMI e alcanzar na negociación colectiva aumentos salariais que permitan recuperar todo o poder de compra perdido coa crise inflacionista; segundo, atacar o paro de longa duración (máis dun ano buscando emprego), que aínda afecta ao 31,6% das persoas desempregadas; e terceiro, reducir a involuntariedade do tempo parcial (42,1%), que é a principal fonte de pobreza laboral no noso país. 

Á súa vez, hai que incidir na necesaria redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais no próximo ano, como primeiro paso para conseguir a xornada laboral de 32 horas, que permita unha mellor redistribución das horas de traballo, favorecendo a conciliación da vida laboral e familiar para as persoas traballadoras, á vez que unha ganancia de produtividade e eficiencia económica para as empresas.

En definitiva, a experiencia da reforma laboral nestes case 3 anos de vixencia, así como as subidas do SMI dos últimos anos, mostra que mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras non repercute de maneira negativa sobre o crecemento da economía española; todo o contrario, incentívao, conformando unha senda de desenvolvemento económico socialmente máis xusta, sólida e sostida no tempo.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 472 persoas con respecto ao mes anterior (0,39%), e no Estado esta cifra tamén baixou, un 0,62%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 9.426 persoas, un 7,19% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 121.742 persoas, mínimo histórico nun mes de novembro en Galicia dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego subiu, nun 2,28%, unha tendencia contraria ao resto de idades, e no ano a diminución foi dun 2,72%.

Por sexos, no mes o desemprego sobe entre os homes un 0,54% e no caso das mulleres baixa nun 1,04%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 6,61% entre os homes e o 7,6% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 70.661 mulleres, fronte a 51.081 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes de novembro baixou en todos, salvo no primario. Así, baixa un 1,75% na industria; un 1,26% no colectivo sen emprego anterior; un 0,90% na construción; e un 0,09% nos servizos. Pola contra, sobe o 0,79% no primario. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 12,38% no primario; o 9,77% na industria; o 13,32% na construción; o 6,69% no sector servizos; e o 1,73% entre o colectivo de sen emprego anterior.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 33,78%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 41,8%. Realizáronse en novembro un total de 54.406 contratos en Galicia. Antes da reforma laboral, no mes de novembro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 13,45%.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 69,6%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 33,1%; na industria, do 24,2%; e no primario, do 56%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 71,37%, con 78.899 persoas beneficiarias. Deste total, 37.382 perciben subsidios e 4.024 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 37.493. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.081.121 de media mensual, descendendo un 0,2% no mes e aumentando un 1,65% no ano.

Fuente: UGT-Galicia