A mellora do emprego debe trasladarse á calidade de vida das persoas traballadoras

Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social do mes de xuño, publicados hoxe, continúan reflectindo a boa marcha do mercado laboral, que rexistra un mes máis unha caída do paro rexistrado e un aumento do emprego afiliado, coincidindo co mes que dá inicio ao período estival.

Fecha: 02 Jul 2024

paroxu24

A mellora do emprego debe trasladarse á calidade de vida das persoas traballadoras 

UGT reclamou ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais un mellor rexistro da xornada e unha retribución das horas extraordinarias que sexa, como mínimo, un 25% superior á da hora ordinaria 

Santiago, 2 de xullo de 2024.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social do mes de xuño, publicados hoxe, continúan reflectindo a boa marcha do mercado laboral, que rexistra un mes máis unha caída do paro rexistrado e un aumento do emprego afiliado, coincidindo co mes que dá inicio ao período estival. 

Así, o paro rexistrado redúcese en xuño en 4.098 persoas, ata alcanzar un total de 117.938 rexistradas como paradas. Pola súa banda, a afiliación á Seguridade Social increméntase en 7.579, contabilizando xa 1.084.871 persoas. Con respecto ao ano anterior, hai 17.641 persoas afiliadas máis, polo que o ritmo de creación anual de emprego acelérase ao 1,65%. 

A temporalidade da afiliación continúa en niveis reducidos do 14,59%. Unha redución moi notable, que gaña relevancia agora que se cumpren dous anos e medio desde a entrada en vigor da reforma laboral, probando así que esta, lonxe de producir efectos conxunturais, conformou estruturalmente un mercado laboral que se asenta cada vez máis no emprego de calidade.

Este mes asináronse un total de 66.271 contratos, dos que 19.841 son indefinidos, supoñendo o 29,94% do total de contratos, 21,32 puntos máis que os rexistrados no mesmo mes de 2021.

Por tanto, pódese asegurar que a reforma laboral conseguiu reducir a excesiva temporalidade que caracterizaba ao noso mercado de traballo. Con todo, non debemos esquecer que aínda hai espazo de mellora para seguir avanzando na estabilidade do emprego. Por unha banda, aínda hai marxe para que os contratos temporais se reduzan. Por outra, pódese mellorar tamén a propia calidade dos contratos indefinidos, perfeccionando algunhas características e usos do contrato fixo descontinuo e ampliando a protección fronte ao despedimento para que se adecúe aos criterios da Carta Social Europea Revisada, tal e como denunciou UGT ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais.

Igualmente, para que a crecente calidade formal do emprego se traslade a unha mellora real das condicións de vida das persoas traballadoras, é fundamental avanzar na redución da xornada, cumprindo os compromisos do Goberno para alcanzar as 38,5 horas semanais en 2024 e as 37,5 horas en 2025, sen diminución salarial e sen contrapartidas que supoñan un empeoramento paralelo das condicións laborais.

Por iso, UGT reclamou ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais un mellor rexistro da xornada e unha retribución das horas extraordinarias que sexa, como mínimo, un 25% superior á da hora ordinaria. Esta proposta brindará a miles de persoas, que actualmente realizan longas xornadas mal remuneradas ou sen remunerar (case a metade das horas extras non se pagan), a posibilidade de recibir un salario digno acorde ao rexistro real do seu horario laboral. Así, impediranse posibles fraudes na futura lei de redución de xornada e fomentarase unha mellora da conciliación e da calidade de vida das persoas traballadoras.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 4.098 persoas con respecto ao mes anterior (3,36%) e no Estado esta cifra tamén baixou, un 1,79%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 11.086 persoas, un 8,59% menos. No caso do Estado a baixada anual non foi tan forte, do 4,75%. Así, o número total de desempregados sitúase en 117.938 persoas, mínimo histórico en Galicia dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixa nun 5,19% e no ano a diminución foi dun 5,82%.

Por sexos, no caso dos homes o desemprego baixa no mes un 3,83% e no caso das mulleres nun 3,02%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 7,74% entre os homes e o 9,19% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,55% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 69.051 mulleres, fronte a 48.887 homes.

En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro en todos. Diminúe un 3,23% na industria; un 3,5% nos servizos; un 3,8% na agricultura e gandería; un 3,26% na construción; e un 2,28% no colectivo de sen emprego anterior. No ano tamén baixa en todos. Así, baixa un 12,78% no primario; o 12,37% na industria; o 12,13% na construción; o 7,89% no sector servizos; e o 5,49% entre o colectivo de sen emprego anterior.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 29,94%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 41,2%. Realizáronse en xuño un total de 66.271 contratos en Galicia.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 69,1%, e no primario, do 63,3%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 28,4%; na industria, do 22,7%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 70,69%, con 78.358 persoas beneficiarias. Deste total, 39.492 perciben subsidios, 4.241 a Renda Activa de Inserción e 34.625 prestacións contributivas. A cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas, a pesar de percibir prestacións, por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.084.871 de media mensual, aumentando un 0,7% no mes e un 1,65% no ano.



 

Fuente: UGT-Galicia