Mañá arranca en Santiago o 14º Congreso de UGT-Galicia
153 delegados e delegadas elixirán a nova Comisión Executiva e debaterán sobre as liñas de actuación de cara aos vindeiros anos
Fecha: 25 Feb 2025

O 14º Congreso desenvolverase, os días 26 e 27, baixo o lema “Máis e mellor sindicato”
Mañá arranca en Santiago o 14º Congreso de UGT-Galicia no que 153 delegados e delegadas elixirán a nova Comisión Executiva e debaterán sobre as liñas de actuación de cara aos vindeiros anos
Os actos de apertura e clausura estarán abertos aos medios de comunicación e tamén poderán seguirse en directo a través de youtube
Santiago, 25 de febreiro de 2025.- UGT-Galicia celebrará ao longo dos días 26 e 27 no Hotel Puerta del Camino, Santiago-San Lázaro, o seu 14ª Congreso baixo o lema “Máis e mellor sindicato”. Participarán 153 delegados e delegadas, en representación das federacións galegas do Sindicato e das unións comarcais, que analizarán a xestión deste último mandato, elaborarán a folla de ruta de cara aos vindeiros anos e elixirán aos novos órganos de dirección.
O leit motiv deste Congreso, a esencia do programa de acción que se vai debater e que vai marcar as liñas de traballo, vai ser a necesidade de transformar o mundo en beneficio das persoas traballadoras. Na acción sindical hai que outorgarlle un papel central e protagonista á clase traballadora, no deseño e execución dun modelo sostible de sociedade desde a perspectiva social, igualitaria, económica, laboral e ambiental, capaz de facer fronte ás importantes e vertixinosas transformacións que están a impactar hoxe na vida das persoas e que, sen dúbida, tamén o farán no futuro.
Concretamente, está previsto que o acto de apertura comece mañá ás 9.30 horas. Arrancará o Congreso cun vídeo inaugural, ao que lle seguirá a apertura por parte da Comisión Executiva de UGT-Galicia; de seguido, proxectarase un vídeo homenaxe; elixirase a Mesa do Congreso; e, tras o saúdo do presidente/a desta Mesa, intervirán os invitados institucionais e fraternais.
O primeiro será o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; seguiranlle saúdos fraternais de representantes das unións de nacionalidade e federacións estatais; tomará a palabra a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez Álvarez; a continuación, dirixirase ao Congreso o vicesecretario xeral de UGT, Rafael Espartero García; seguiralle na orde e intervencións, o delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras; e, a continuación, tomará a palabra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela. Despois, intervirá o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez Gómez, e a presidencia dará por concluído o acto de apertura.
A isto seguiranlle os traballos internos do Congreso, coa análise da xestión; as comisións de traballo; o debate e aprobación dos ditames destas comisións; a presentación e proclamación de candidaturas aos órganos nacionais; e, finalmente, a votación para a elección da Comisión Executiva de UGT-Galicia, Comisión de Control Económico e membros do Comité Confederal.
O xoves, día 27, terá lugar o acto de clausura, a partir das 12.00 horas, no que se proclamarán os resultados da elección dos órganos de dirección e, de seguido, intervirán o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez; o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez; o novo/a secretario/a xeral de UGT-Galicia; e pechará a Presidencia do Congreso.
NOTA: TANTO O ACTO DE APERTURA COMO O DE CLAUSURA ESTARÁN ABERTOS AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN E AMBOS TAMÉN SERÁN RETRANSMITIDOS EN DIRECTO A TRAVÉS DE YOUTUBE.
ACTO DE APERTURA (https://youtube.com/live/83IRTw3sq3c?feature=share)
ACTO DE CLAUSURA (https://youtube.com/live/haQOhnxv4Fs?feature=share)